Espazo Lectura, a tribo dos libros que é un exemplo estatal

A asociación de Gondomar, premio Liber da Federación de Editores de España

“Para nós é moi importante que se premie un proxecto en galego no Estado”, afirma a presidenta

Membros de Espazo Lectura grandes e cativos, onte na Casa da Lectura de Donas.

Membros de Espazo Lectura grandes e cativos, onte na Casa da Lectura de Donas. / PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

Nun recuncho do municipio pontevedrés de Gondomar naceu no ano 2006 unha asociación disposta a espertar o gusto pola lectura en lingua galega entre os rapaces con actividades lúdicas. Dezaoito anos despois, Espazo Lectura non só conta con máis de 200 persoas de toda a comarca, a metade rapaces, asiduas aos seus clubes semanais e mensuais, senón que dispón dunha biblioteca propia con máis de 4.000 libros, unha vintena de editoriais asociadas e unha chea de recoñecementos.

O último, a nivel estatal. A Federación de Gremios de Editores de España concedeulle onte mesmo o Premio Liber á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público. Todo un orgullo para a entidade. “Para nós é moi importante que se premie no Estado un proxecto en galego”, subliña a presidenta, Yaiza Peixoto.

Pai e filla comparten a lectura dun conto na Casa da Lectura de Donas.

Espertar o gusto pola lectura entre os máis cativos é o principal obxectivo de Espazo Lectura. / Pablo Hernández Gamarra

O xurado valorou “o traballo modélico e voluntario” que esta familia lectora desenvolve e que “debera estenderse a todo o territorio nacional, instalándose coma un claro exemplo a seguir” e destacou a súa colaboración cos centros educativos da contorna.

A directiva recollerá o galardón o vindeiro 2 de outubro no Museu Nacional d’Art de Catalunya, en Barcelona, no marco das actividades de Liber 2024, recoñecida internacionalmente como unha das principais feiras de exportación, mostra e promoción da edición en español.

18 anos de historia

A maioría de idade chegou cargada de boas novas para Espazo Lectura. Celebrouno en xaneiro coa estrea da reforma integral da biblioteca que tén na parroquia de Donas, a Casa da Lectura. En maio recibiu o premio Follas Novas –que conceden a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega– por segunda vez na súa historia, tamén pola súa labor a prol da promoción da lectura. Agora deu o salto estatal e acadou o seu segundo recoñecemento fóra das fronteiras galegas. O anterior foi o segundo premio de Dinamización Sociocultural da editorial Everest e recibiuno en marzo de 2010.

Houbo máis recoñecementos ao longo de todo este tempo dos que a directiva se sente “moi agradecida e orgullosa”, pero se hai algo do que a xente de Espazo Lectura está satisfeita é de “ser tribo”, deixa claro a presidenta. “Porque a lectura fai iso, que a xente se coñeza nos clubes, amplíe o seu entorno social... ao final somos un lugar de encontro onde se comparten lecturas e moitas cousas máis”, explica.

Un encontro lector na Casa da Lectura de Donas.

Un encontro lector na Casa da Lectura de Donas. / Pablo Hernández Gamarra

Os principais autores galegos –Ledicia Costas, Fran Alonso, Paula Carballeira, María Reimóndez, Iria Misa, entre outros moitos– pasaron por algunha das máis de cen actividades fixas e puntuais que o colectivo organiza ao longo do ano. Teñen clubes de lectura para todas as idades, sesións de contos para os máis pequerrechos, ou encontros coma a “Fogueira dos versos”, que reuniu a máis de cen persoas o día de San Xoán na Casa da Lectura.

Participantes na Noite na Biblioteca que organiza Espazo Lectura.

Participantes na Noite na Biblioteca que organiza Espazo Lectura. / Espazo Lectura

Xa pasaron xeracións de miñoráns polas sesións. “Os pequenos cos que comezamos andan hoxe arredor dos 20 anos”, lembra Peixoto, “ e moitos deles agora coordinan clubes de lectura de adultos ou colaboran dalgún xeito”, destaca.

Un documental en proxecto

É o caso de Alma Alonso, unha das rapazas que se criou a carón da asociación e que dirixirá, xunto con Asun González, o documental sobre a traxectoria de Espazo Lectura. A rodaxe comeza en agosto.

Entre os proxectos a longo prazo da entidade atópase tamén o Museo do Conto, una ampliación da Casa da Lectura que pretende ser unha referencia en Galicia con espazos de encontro arredor dos libros para construir unha sociedade “máis libre, crítica e creativa”,

Suscríbete para seguir leyendo