A Casa da Lectura renace en Donas

Pechada desde o confinamento hai 4 anos, reabre mañá reformada e ampliada con 17 editoriais asociadas e 4.000 libros en galego

Dirixentes de Espazo Lectura reorganizan a biblioteca da Casa da Lectura antes da inaguración de mañá.

Dirixentes de Espazo Lectura reorganizan a biblioteca da Casa da Lectura antes da inaguración de mañá. / Ricardo Grobas

Tal día coma hoxe do 2008 constituíase oficialmente en Gondomar a asociación Espazo Lectura, un singular e pioneiro proxecto de fomento de animación á lectura en lingua galega que xa levaba daquela dous anos de actividades para por en valor o libro como referente de benestar social. Dezaoito anos e numerosos premios despois, celebra a súa maioría de idade cunha fin de semana de actos que comezan hoxe ás 20.00 cun clube de lectura arredor da obra “As alumnas”, coa presenza da autora, Paula Carballeira,. A continuación haberá unha cea ás 22.00 no Pazo da Escola de Mañufe. O día grande chega mañá coa inauguración das novas instalacións da Casa da Lectura de Donas ás 12.30 e cunha representación da obra teatral “As alumnas”, a cargo de Culturactiva Producións.

A sede do colectivo cultural volve á vida catro anos despois. Pechou polas restriccións da pandemia no 2020 e aproveitouse a situación para levar a cabo unha reforma que durou máis do esperado. O Concello de Gondomar investiu 115.000 euros financiados con fondos da Deputación nas obras que permitiron acabar coas humidades da sala de lectura que ocupa o que foi a antiga escola unitaria de Donas e rehabilitar a vella casa docente anexa como espazo de servizo. Alí se atopan agora os aseos, a oficina da asociación e unha sala para reunións ou actividades de pequeno formato. “Unha obra moi importante para nós porque nos permite continuar en condicións e ampliar actividades”, explica a presidenta de Espazo Lectura, Beatriz Núñez.

Espazo Lectura cumpre estes días 16 anos desde a súa constitución oficial como asociación, 18 de actividade

Catro clubes de lectura e unha chea de actividades

Son catro os clubes de lectura que a entidade ten activos: un para nenos de 7 a 11 anos, “Lendo contigo”, e outros tres dixidos a adultos. Son o “Sete vidas”, de novela e poesía en xeral; o “Lecturas debuxadas”, de cómic; e o “Daquelas que len”, de obras feministas. A estes grupos de encontro arredor dos libros súmanse outras actividades de activismo cultural como o “Comando Le”, dirixido a adolescentes a partires dos 12 anos, que se reúnen as noites dos derradeiros sábados de cada mes, cean xuntos e debaten sobre lecturas ou películas, xogan, fan excursións...

As directivas de Espazo Lectura no exterior da Casa da Lectura.

As directivas de Espazo Lectura no exterior da Casa da Lectura. / Ricardo Grobas

Tamén hai un sitio para os bebés nos “Contos en cueiros”, encontros dos que xurdiu o grupo de música A banda dos cueiros. A maiores, a asociación organiza cada ano actos arredor do Día do Libro, a Fogueira dos versos por San Xoán, entre outros actos puntuais.

Autores como Ledicia Costas, María Reimóndez ou Fran Alonso pasaron polos encontros de Espazo Lectura

Ducias de autores galegos teñen participado nesta ampla oferta cultural. Escritoras como a madriña dos actos desta fin de semana, Paula Carballeira, Ledicia Costas, María Reimóndez, María Solar, Iria Misa, Lucía Ladao, María Lado, Fran Alonso, Raquel Quizás, Juan Castro Rivadulla... Ilustradores como Kiko Dasilva, Chus Ferrín ou Fino Lorenzo tamén compartiron as súas experiencias con Espazo Lectura, igual que músicos coma Xabier Díaz ou Cé Orquestra Pantasma.

Premios

Todo este traballo a prol da cultura literaria colleitou importantes recoñecementos como 2º Premio de Dinamización Sociocultural Everest, convocado para proxectos en todo o estado español; o Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia na modalidade de fomentoda lectura; o Premio Fernández del Riego á difusión no ámbito cultural, concedido pola Asociación Galega de Editores; e o Premio a la Mejor Iniciativa Cultural o de Fomento de la Lectura 2016, que conceden conxuntamente a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia.

Pero o premio que máis conmove aos fundadores e dirixentes de Espazo Lectura é a semente que xermola en ducias de rapaces que pasaron polas sesións ao longo dos anos e a participación nas actividades de pequenos e maiores que “se vai recuperando despois do golpe da pandemia”, comenta Beatriz Núñez. Son más dun cento de nenos e mozos os que acuden aos clubes e actividades e medio cento de adultos.

O seguinte reto é ambicioso, pero non inalcanzable. Proxectan o primeiro Museo do Conto de Galicia nos mesmos terreos da Casa da Lectura, un edificio deseñado polo mesmo arquitecto que dirixiu a reforma actual, Vicente Pintos, que o deseñou por módulos para facilitar a súa construción por fases. Contan co apoio do goberno municipal, que se comprometeu a buscar a financiación para levalo a cabo.

Suscríbete para seguir leyendo