Entrevista | Xanma Voz e guitarra de The Rapants

“Arriscamos todo por este grupo porque a música é a nosa paixón”

The Rapants saca novo disco; enche dúas veces a Capitol e promete poñer a bailar o PortAmérica, Surfing the Lérez e moitos máis. Este é o seu ano

The Rapants, ao completo, presentan novo disco.

The Rapants, ao completo, presentan novo disco. / Cedida

Mar Mato

Mar Mato

A banda de Muros The Rapants segue co seu fin vital de facer a vida máis bailable e divertida. A proba, o disco que xusto hoxe chega a plataformas e tendas, “La máquina del buen rollo”, o seu terceiro LP., no que hai unha colaboración de Sara Faro, de Fillas de Cassandra, e a letra completa de Grande Amore para o tema “Cando pensa en min”.

O grupo –que vén de encantar no EmigraSON de Bruxelas a pasada fin de semana– xa ten marcadas no calendario as súas actuacións no PortAmérica, OurenSound, Surfing the Lerez e Osa do Mar, entre outros festivais. Para a estrea en directo do novo disco, na Capitol, os días 23 e 24, xa non hai entradas: voaron en minutos. Algo terán estes artistas...

–Cales foron as súas vibracións no EmigraSON de Bruxelas deste ano?

–Foi xenial. O feito de repetir, xa que fomos esta e na anterior edición, deixounos ver que pegou un salto grandísimo. A sala era moito máis grande, mellor equipada, a organización estaba mellor preparada e todos estivemos máis implicados, sen desmerecer a primeira edición. Ao estar nun país que non é o noso tivemos que arrimar todos o ombreiro para que os concertos funcionasen. Houbo unha gran camaradería.

–Xente que os viu indicou que como banda melloraron moito, que son os Beatles de Muros.

–Si, Samuel di que somos como os Beatles pero máis guapos. Cada ano buscamos mellorar en directo, para facelo mallado. De feito, agora para a Capitol, estamos moi agobiados cos ensaios; pero tamén queremos darlle máis salsa máis alá da música. Queremos ofrecer un show moito máis traballado.

–Esgotar todas as entradas para a Capitol dous días seguidos debe ser como estar na nube Kinton.

–Si, non nolo esperabamos. Non tiñamos planeado dar dúas datas; nin esperabamos que se esgotaran os billetes da primeira en poucos minutos. Pensabamos que se irían vendendo de maneira máis progresiva. Estamos flipando. Iso é unha presión extra para presentar un superdirecto. A xente que non conseguiu entrada, que estea tranquila, vai haber moitos concertos este ano. En Vigo, de momento, non temos nada pechado en sala pero imos ter concerto en vivo, seguro. Xa iremos desvelando pouco a pouco.

– “La máquina del buen rollo” foi o título elixido para este novo álbum.

–Queriamos que fora distinto ao anterior para evolucionar como banda e artistas. Somos unha banda que gaña moito en directo. Cada disco, intentamos que quede plasmada esa enerxía no disco. “La máquina del buen rollo”, o saltamontes, ten esa épica de que ao mellor non tes un bo día pero cando nos subimos ao escenario acéndense as luces e arranca a máquina do bo rollo.

–O amor, ou intento de conquista, é un dos eixos do álbum.

–Nós intentamos que os problemas que plasme a nosa música sexan máis banais que os que realmente poden atacar a sociedade e os nosos fans que andan nunha idade de entre 18 e 40 anos. Somos unha xeración con moitos problemas para buscar traballo, de comprar un piso, intentar subsistir... Queremos olvidarnos de todo iso para intentalo pasalo ben durante o concerto.

– En “Tuenti”, din que están cansos de saír, de non saber ligar...

–É un pouco máis escuro este tema. Deixámonos levar por Paco Loco, porque fomos producir o disco con el a Cádiz. Cando en composición pensabamos que caiamos na monotonía preguntabámoslle e el axudábanos a chegar. El conseguiu que este tema tivera chispa e que evoque a música dos 80.

–En “Blaster”, sinalan que toda a música está inventada, é un reto compoñer e que guste?

–Hoxe en díacon estilos como o trap que tiran moito dos samplers e co auxe das covers, hai moi pouco que aportar. Nós queremos crear un estilo propio en base a tódalas influencias que podamos tomar. Nós chupamos do rap, do rock, da música disco.

–No vídeo de “Blaster”, implicaron a centos de persoas de Muros.

–O director, Juan Barbazán, rodeouse dun equipo fantástico. A xente de Muros involucrouse a un nivel que nin esperabamos. Non esperabamos que todo Muros se puxese a comprar roupa por internet para vir vestida como se pedía.

–Que historia hai detrás do barco no que van?

–É o galeón Joaquín Vieta, que está varado no Freixo. Creo que era o único galeón restaurado hoxe en día que se utilizaba para transportar mercadorías na ría de Muros. A canción fala dun amor truncado por non chegar a tempo co drama do mariñeiro que falece no mar.

–E o de facerse pasar por morto, levouno ben?

–Eu son o que está no ataúde e non me dixeron que fora usado ata que rematou a rodaxe. Empregáronobastantes veces. Era o que usaban para levar os mortos do hospital ao tanatorio.

–Noutro tema,cantan “prefiro vivir na escuridade que á sombra da túa luz”.

–É un tema que fala de vivir sen a persoa que queres, que é mellor non vivir que estar sen ela. É un opuco dramático.

– Que relato agocha “Rue Franklin”?

–Rue Franklin foi a rúa de Bruxelas onde se coñeceron o noso batería e Sara, de Fillas de Cassandra, que agora son parella [e coincidiron na primeira edición do EmigraSON].

–Custa moito vivir da música no noso país?

–Ao principio, estar no grupo era por lecer pero agora, agás Xaquín, que ten un traballo que lle permite compaxinalo coa música, o resto deixamos o noso para levar esta banda de rock. Hai moito traballo detrás. Autoxestionámonos nós. Arriscamos porque esta é a nosa paixón, facer música. Ao principio foi moi precario porque a industria musical en Galicia é precaria e complicada pero a base de esforzo este está dando os seus froitos.