Unha presada de cancións novas para quentar unha finde invernal

Varios dos proxectos máis potentes da escena galega están de estrea, dende Bala a Baiuca pasando por The Rapants ou Rebeliom do Inframundo

Bala, nunha imaxe promocional

Bala, nunha imaxe promocional / Mattias_Monsterkid

Inda que a primavera semella lonxana no meteorolóxico, na música galega non deixan de florecer as propostas. Co material novo que se vén estreando nas últimas semanas dá de sobra para pasar unha fin de semana do máis variado en estilos e tamén en canto a traxectoria dos proxectos, dos xa consolidados aos valores emerxentes. Presentamos unha presada de cancións recén saídas do forno, sen ánimo de exhaustividade, que constatan o bo momento das distintinas escenas do país.

The Rapants - Rue Franklin

A banda de Muros estourou coa xira do seu anterior traballo, O corasón coma un after, grazas a unhas cancións con máis gancho ca unha poteira e un directo arrasador. Todo apunta a que o seu terceiro disco, La máquina del buen rollo, que sairá o 13 de marzo, rachará o seu teito: venderon todo o papel para presentalo dous días seguidos na sala Capitol de Santiago. De momento, os dos adiantos, 'Blaster W4u' e este 'Rue Franklin', indican que a festa non ten pinta de terminar.

Rebeliom do Inframundo - Nada é para sempre II (Live version)

O combo de hip-hop vigués pasa polo mellor momento da súa xa longa carreira, como acreditan os concertos de presentación de Amor ou Barbarie, publicado hai un ano. En metade desa xira, aproveitan para lanzar un agasallo para os seus seareiros: un tema en directo onde os versos rapeados por Nervo conflúen con outras músicas negras grazas ao coro dirixido por Wöyza.

BALA - Equivocarme

O dúo xa ten data para sacar un disco novo: Besta sairá o próximo 26 de abril. Nas últimas horas publicaron o seu segundo adianto, 'Equivocarme', no que contan cunha variopinta tripleta de colaboracións: a mítica Ana Curra de Parálisis Permanente, Dani Miller de Surfbort e Laurispunkis de GRIMA. E acábase de anunciar que as Tanxugueiras tamén porán as súas voces no novo traballo. A cousa promete potencia para abrumar.

Santi Araújo - Piedra del Camino

O ecléctico cantautor de Ponteareas está a piques de publicar o seu novo disco, Aprender a bailar, que promete ser luminoso. A falta de dúas semanas para comprobalo, este tercer adianto, 'Piedra del Camino', vai nesa dirección; ademáis, atopou na súa ampla paleta de sonoridades as máis brillantes dos inevitables Beatles. O concerto de presentación será no Riquila de Santiago, o 9 de maio.

Baiuca - PAEQB

Hai só tres semanas Baiuca, un dos iniciadores da hoxe omnipresente mestura de música tradicional galega coa electrónica, sacou este 'PAEQB' (Por Amar E Querer Ben), primeiro adianto do seu moi esperado terceiro disco. No tema, o produtor e compositor extrema a conexión coas pistas de baile.

Antifrágil - Marioneta

O novo tema da poderosa banda viguesa terá dobre estrea case simultánea: leva unhas horas dispoñible e este sábado, na sala Radar, poderá escoitarse en directo. O concerto, no que tamén estarán Capital Voskov e La Casa de Los Ingleses, comezará ás 21:15, coas entradas anticipadas a 12 euros en entradasgo.com e a 15 en taquilla.

Antía Muíño - O Paxaro

A de Antía Muíño foi unha aparición improbable: o intimismo das súas composicións semellaba incompatible co espíritu dos tempos. En cambio, a súa Carta Aberta chegou a múltiples destinatarios, até a Times Square. Algo máis dun ano despois sacou a súa primeira canción nova, na que a súa voz asómase a novas texturas.

Seitura - Xente Ceibe

E rematamos co lume de Seitura, banda de sospeitosos habituais do Val Miñor que está a presentar o seu segundo EP, Somós nós. Porque o punk-rock non se fai só, alguén terá que facelo.