O dicionario da RAG apúntase ao ximnasio e vai aos percebes

A RAG incorpora 'anicamento' e 'agachamento' para evitar o castelanismo 'sentadilla' e tamén suma outros termos como 'percebeiro' ou 'birimbao'

Usuarios dun ximnasio de Ourense

Usuarios dun ximnasio de Ourense / Iñaki Osorio

A Real Academia Galega (RAG) anunciou este venres as palabras que incorpora ao seu dicionario e, na remesa, resolve unha dúbida que nos últimos anos asaltou a moitos galegofalantes. Como evitar o castelanismo para referirse a ese exercicio que consiste en flexionar e estender as pernas, coa columna vertebral recta? A Academia dá dúas solucións: 'anicamento' —derivada do verbo 'anicar'— e 'agachamento', esta última idéntica ao termo portugués, inda que con diferente pronuncia. Descarta, por tanto, 'sentadela', que recomendara o programa da TVG 'Dígoche eu' a partir dunha achega do Centro Ramón Piñeiro.

Hai máis incorporacións do ámbito deportivo: a barra metálica con pesos con forma de disco no seus extremos, que se usa na práctica da halterofilia e noutros exercicios, chámase 'haltere'; e tamén recolle 'vólei', que aparece xa no dicionario como sinónimo das formas 'voleibol' e 'balonvolea'.

Na nova versión do dicionario, que xa se pode consultar en liña, recóllense por primeira vez termos tan comúns como 'percebeiro' ou 'elitismo', derivados mediante sufixos habituais de familias de palabras xa representadas.

Incorpóranse tamén voces de tecnolectos de crecente uso na lingua común como 'escaleta', o guión detallado que reflicte os contidos e a súa duración dentro dun programa, así como a súa forma de presentación; ou 'esgrafiado', que denomina a técnica decorativa consistente en facer incisións cun estilete nunha capa superficial especialmente preparada, deixando á vista a cor da capa inferior, así como o elemento decorativo feito desta maneira.

O 'birimbao' ou trompa galega, o instrumento musical de metal que consiste nunha lámina vibratoria (a palleta) fixada a un marco en forma de ferradura, figura tamén entre as últimas incorporacións.

Frases e expresións

No apartado de frases e expresións, no lema 'teito' agrégase a locución substantiva 'teito de cristal', que identifica a barreira invisible de tipo social, cultural ou económico, que impide a unha persoa ou a unha minoría o acceso a postos de relevancia dunha organización; e a entrada de 'cultura' suma o fraseoloxismo 'cultura da cancelación', o fenómeno consistente na retirada de apoio moral, financeiro, dixital ou social a persoas ou organizacións como consecuencia de comentarios ou accións realizados por estas.

Canto aos cambios e engadidos, 'comadre' incorpora o significado de muller con quen se ten máis trato ou confianza e se establece unha relación de amizade, apoio mutuo ou compañía, a acepción recoñecida como Palabra do Ano 2022 na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras.

Na liña de adaptar o dicionario aos cambios sociais, 'cónxuxe' pasou a definirse como cada unha das persoas dun matrimonio, con respecto á outra; e 'consorte' tamén mudou a redacción para respectar igualmente a diversidade. A Real Academia Galega modificou así mesmo a definición de 'autismo' de acordo cos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.

Entre as ampliacións, a voz 'neon' suma ademais as acepcións referidas ás lámpadas e os anuncios que empregan as lámpadas co gas do mesmo nome; e 'verde' recolle catro significados máis vinculados á cuestión ambiental: [política, ideoloxía, grupo…] que defende ou fomenta a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; que respecta na súa produción ou na súa actividade a conservación do medio ambiente; defensor ou partidario dunha ideoloxía que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; e, en plural, movemento político que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico.