'Comadre' é a Palabra do Ano 2022

A verba impúxose sobre as outras cinco finalistas —autoestima, candorca, ecocidio, inflación e resiliencia— na votación popular promovida pola RAG e a Fundación Barrié

O grupo “Comadres das letras”, xunto a Cesáreo Sánchez, presidente de AELG.

O grupo “Comadres das letras”, xunto a Cesáreo Sánchez, presidente de AELG. / Raquel Chantada

R.V.

O galego xa ten Palabra do Ano 2022: 'comadre'. A verba impúxose sobre as outras cinco finalistas —autoestima, candorca, ecocidio, inflación e resiliencia— na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras.

A proposta partiu das Comadres das Letras, un grupo de mulleres unidas arredor dun obradoiro de literatura que a estendeu a través das redes sociais. A proposta prendeu con forza xa na primeira fase da elección da Palabra do Ano, a da recolla de suxestións, e xa na fase final, conseguiu máis do dobre de votos que o segundo vocábulo máis apoiado, 'candorca'. O terceiro termo en votos foi 'ecocidio', seguido de 'resiliencia', 'autoestima' e 'inflación'.

Como lembran dende a RAG, 'comadre' é a primeira Palabra do Ano da lingua galega que reflicte a pegada que o feminismo, un dos movementos máis determinantes no avance social do século XXI, está a deixar na conversa pública cotiá. "Pero —sinalan— a importancia da perspectiva de xénero na forma de ollarmos o mundo xa se manifestou en edicións anteriores: en 2015, 'feminicidio' foi unha das voces finalistas; en 2017, 'violencia de xénero'; e en 2018 chegaron á final 'feminismo', 'sororidade' e mais 'apoderamento'".

Etimoloxía

'Comadre' procede do latín tardío commāter, -tris, onde xa indicaba unha relación de parentesco semellante e común para todos os romances de Occidente. O Dicionario da Real Academia Galega defínea así como “nai dunha persoa con relación ao padriño ou á madriña desta” ou a “madriña dunha persoa con relación ao padriño ou aos pais desta”. Mais na lingua familiar, 'comadre' tomou unha significación particular e compartida igualmente con outras linguas da contorna, a de veciña e amiga coa que se acaba por ter un trato de máis confianza que con calquera outra.

Esta acepción de veciña e amiga recollíaa xa Marcial Valladares na súa obra lexicográfica de 1884. Pero a mesma significación, con definicións máis ou menos enriquecidas, aparece tamén en distintos dicionarios actuais doutras linguas latinas como o portugués, o español, o italiano ou o francés.

Esta relación de confianza feminina vese reflectida en certas celebracións tradicionais como o xoves de comadres do Entroido, unha xornada na que as mulleres se reúnen a celebrar entre elas, sen o escrutinio masculino. A súa orixe parece remontarse ás Matronalias romanas, festas en honor a Xuno Lucina nas que as mulleres casadas recibían agasallos e un trato preferente; e mesmo as escravas eran dispensadas das súas tarefas.