Opinión

Isaac, emigrante de si mesmo, sempre volve

Nestes primeiros días do mes de xullo recibimos unha noticia mañanceira e esperanzada, a Real Academia Galega de Belas Artes acordou, por unanimidade, dedicar a Isaac Díaz Pardo o Ano 2025 que terá como acto central o día 1 de abril. A decisión da RAGBA é tan oportuna e necesaria que case non require explicacións sobre a xustiza da mesma. Neste momento de indecisións e incertezas, de dúbida sobre certos valores ético-sociais en toda Europa, a figura de Díaz Pardo, o gran zar da cultura da memoria en Galicia, resulta reconfortante de cara o futuro.

O nomeamento dá ocasión, tamén, para reivindicar o necesario papel social de certas institucións que, a pesar da idea decadente que poidan transmitir, conservan a capacidade de introducir nunha sociedade en crise de valores éticos, unha reflexión imprescindible encarnada na vida do protagonista homenaxeado. Será inevitable no transcurso do ano a interferencia do poder no discurso cultural que provocará a vida e a obra de Isaac Díaz Pardo pero aínda así pode ser ocasión importante para lembrar a Galicia sepultada e derrotada, pero sempre ergueita e loitadora pola súa dignidade que tan ben representa o creador elixido. Permítome, como ilustración de urxencia dun ilustrador ilustre que foi, evocar o seu epistolario con Seoane onde manifesta o seu carácter antiacademicista favorecido polo contexto heterodoxo das protestas universitarias de París e de Europa. Efectivamente as cartas de Isaac con Seoane –transpasadas pola sinceridade e pola intimidade ata tal punto que poden considerarse como páxinas dun diario dirixido a un interlocutor– permítennos coñecer as reflexións de ambos sobre a realidade social do mundo nunha época convulsa e complexa. Nun momento no que aínda a lembranza da morte de Ernesto Guevara (Che Guevara) estaba viva entre a xente de ben, escribe estas palabras Isaac como resposta a unha andrómena sobre o seu nomeamento como académico da RAG: “...iso de que a min me nomeasen correspondente da Galega ten que ser un erro... O que si non entendo é que ti poidas ter dúbidas sobre o meu recalcitrante anti-académico-oficialismo. Se algún día decido enrolarme nalgunha entidade de nome de sona será nun grupo de guerrillas ou nalgunha organización de demolición.”

Son testigo da sinceridade das súas palabras. O presidente Xosé R. Barreiro intentou, seguro da unanimidade do plenario, convencer a Isaac para que entrase na RAG; diante da negativa deste, pasado un tempo, pensou en min para que renovase o ofrecemento. Aproveitei unha viaxe a Barcelona en avión para despregar o rolo da miña persuasión, alomenos non podía escapar de oír os meus argumentos. Deixoume falar ata que, sentado na ventá, díxome “velaí o mar, xa estamos no Mediterráneo”.

Foi Seoane moito máis proclive a este tipo de nomeamentos académicos, necesitado como estaba de recoñecemento na súa terra; despois de tantos anos no exilio, incomunicado co seu pobo, quería retomar a comunicación tan necesaria para os artistas revolucionarios. Por esta razón, Isaac, diante da reivindicación do amigo e dos seus méritos, non ten problema en sentenciar: “Esto probaría... que na Academia Galega non tes amigos senón armatrostes enmascarados”.

Pero o importante para nós foi que Isaac e Seoane teceron un discurso cultural alternativo, esperanzador e revolucionario, a través do Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro e Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Discurso que ten unha lectura profundamente política que non debemos deixar nas mans dos despolitizadores, forxadores de anécdotas, empeñados en visibilizar o discurso do poder. Porque Isaac sempre soubo da relación dialéctica entre a realidade e o desexo. Beizóns para a Real Academia Galega de Belas Artes.

Suscríbete para seguir leyendo