Opinión

Acento e identidade

No mundo da edición e da imprenta o oficio de “corrector” sempre foi considerado como o cargo máis importantes e de maior responsabilidade despois do rexente do taller. A súa gran misión era manter a autoridade do “Código do Idioma” fronte de extravagancias de sabios e visionarios, según dicía o atrabiliario don Julio Cejador. Pois ben, resulta que un dos últimos descendentes desta benemérita ocupación de corrector acaba de advertirme que nun texto da miña responsabilidade, que non autoría, aparecía un antropónimo en dúas versións, con acento gráfico (Luís) e sen el (Luis). A miña resposta, que aínda non tivo contestación, poida que resultase descortés por falta dun mínimo razoamento e explicación. Limiteime, como resposta, a un lacónico “xa que adoitan insultarnos chamándonos nacionalistas, pois que sexa con acento”.

Relida agora a miña resposta síntome acusado por aquelas palabras de Max Aub dedicadas á ortografía (‘Mucha Muerte. Obra breve,‘ Titivillus, 2011): “Le delató el acento”. Este exemplo aubiano ao estar cheo de ambigüidades tamén me serve para autoconsiderarme galego mesturando identidade e identificación policial tendo en conta que o acento delata e provoca a detención de numerosos delincuentes que son acusados polo seu propio acento portugués, andaluz ou cubano. Do mesmo xeito o acento gráfico que me permitín outorgar ao antropónimo “Luís” tamén me delata como galego e con esa pretensión adoptei a decisión.

Efectivamente, como sabemos, o nome de persoa “Luis” non leva acento gráfico en castelán por ser considerada palabra monosílaba e lévao en galego xustamente por ser considerada bisílaba. Son, en definitiva, probas irrefutables do carácter arbitrario e innecesario de certas normas que pretenden desposuírnos da autoridade que nos pertence aos falantes. En definitiva, a miña resposta obedece á mesma reacción que pode adoptar un catalán se ve grafado como “Ferrán” o seu verdadeiro nome, “Ferran” que leva, así, sen acento grafico nos seus documentos de identificación.

Coido que procede unha pregunta que se farán algúns dos meus lectores e que tamén me estou a facer eu a min mesmo: son máis galego eu escribindo “Luís” con acento gráfico? Sen dúbida son máis galego, por dúas razóns: primeiro porque é unha decisión que estou a adoptar libremente e, en segundo lugar, porque estou a manifestar a miña vontade de ser galego.

Esta circunstancia concreta que semella anecdótica, ben podería contribuír a explicar os principais problemas que estamos a debater politicamente hoxe, motivo polo que me decidín a escribir sobre a actualidade socio-política en contra dos meus hábitos. Nun determinado momento da súa vida, S. Freud manifestou que se solidarizaba co pobo xudeu, algo inentilixible se consideramos que nacera no seo dunha familia xudía. Cando o psiconalista austríaco se solidariza con ser xudeu está a manifestar o desexo de querer selo no futuro, está xa que logo a exercer un acto de liberdade que non depende dos datos que figuran no seu carné de identidade. Da mesma maneira que non somos gaiteiros por ter na casa unha gaita, tampouco non somos galegos polo mero feito de ser nacidos nun territorio chamado Galicia. Ser denominado galego por nacencia é algo independente da miña vontade pero “ser galego” como cualidade activa supón unha disposición a actuar, require certas prácticas de comportamento. Unha delas a que exercemos coa nosa fala, coa nosa lingua, coa nosa ortografía. Co noso acento. Con razón os “galegos de nacencia” que non conquistan a súa condición de querer selo, ben poderían identificarse con aquel slogan publicitario de “galego coma ti” que segue a facer estragos nunha identidade sen acento. Pero a culpa de todo, como dixo un sabio exseminarista, é dos que sempre falan galego.

Suscríbete para seguir leyendo