Opinión | WENDY NO TORNADO

Auroras sen espiñas

Aurora boreal captada desde Cabo Silleiro, en Baiona.

Aurora boreal captada desde Cabo Silleiro, en Baiona. / Fernando Rey Daluz (LUZLUX)

Paredes opacas ou translúcidas delimitan o tornado. Ás veces, aparecen pintadas con olas de auroras boreais como cando as cores danzan nas pálpebras pechas.

Eigengrau é o gris propio, en alemán, que a meirande parte das persoas perciben ao cerrar os ollos. A base da paleta non é igual para todos. Eu discirno laranxas, vermellos, verdes e formas xeométricas abstractas.

As faíscas nesa escuridade de cor poden significar unha morea de cousas. O fundamental é que evidencian a actividade das células nerviosas do cerebro.

Esas células visuais nunha rave da nosa cabeza son os murmurios dun órgano que non descansa. A científica da Universidade de Michigan Jimo Borjigin concluíu que, cando deixa de latexar o corazón, o cerebro resiste uns minutos, a fabricar de xeito masivo neurotransmisores como a serotonina, dopamina ou noradrenalina –para estarmos felices e en alerta–.

Borjigin defende a posibilidade de que o cerebro, antes de morrer, alucine, teña hiperactividade a pesar de falta de osíxeno. Sería a rebeldía da república independente do noso corpo que reta o inexorable.

A supervivencia cerebral é dispar na vida plena: mentres hai músicos que perden cos días, outros cos anos melloran a niveis asombrosos.

Non podo deixar de analizar a execución de Metallica do seu “Master of puppets” de maio en Múnic. Hetfield, Ulrich, Trujillo e Hammett –cos 60 anos cumpridos ou a piques de– tocan con forza feliz mentres chuzos os enchoupan. Canto máis chove, mellor e máis exultantes interpretan. 

O tema non perdeu velocidade cos anos; sona mellor que cando foi gravado no 1986. En tres semanas, esa execución leva millón e medio de visualizacións no YouTube. Son dez minutos dun himno metaleiro que “Stranger things” incluíu na cuarta tempada e do que Hetfield explicou que versaba sobre como “as drogas te controlan”.

Hai 20 anos, publicaban “Some kind of monster”, documental que ía mostrar a preparación dun disco pero que revelou as xenreiras e a dor dentro de Metallica, os problemas do cantante co alcol, as queixas de menosprezo do batería e de Hammet, as probas dun virtuoso Trujillo para entrar nunha banda que agora semella feliz. 

Sobre o palco de Múnic, un Hetfield –que antano chegou a dicir que odiaba a todo o mundo– dá as grazas sinceras e sorrintes ao público por tocar baixo a ducha do ceo.

Na platea da vida, debemos aceptar a choiva e separar as espiñas da ilusión. A moita xente preto e moi lonxe élle imposible. A escuridade expulsa as auroras boreais da súa cabeza.

Suscríbete para seguir leyendo