Opinión | Wendy no tornado

Mariscos Altri

Manifestación contra a fábrica de Altri en Palas de Rei

Enrique Banet / Mabel Rivera

Na porta norte do tornado, unha guirnalda leva a palabra precaución. No recibidor, fago scroll na solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública para unha industria de fibra téxtil a base de celulosa en Palas de Rei (Lugo) ao pé do río Ulla de onde poderá extraer auga e verter os restos que promete depurar.

Asegura o presidente da Xunta que “Galicia non se pode permitir alegremente perder moitísimos postos de traballo”. Ten razón o mandatario, só que hai que poñer a lente do microscopio sobre o portaobxectos e non fóra.

Véndese a iniciativa como algo ecolóxico. A industria creará tecidos (lyocell) a partir de masa forestal, polpa de celulosa de eucalipto. Na documentación publicada no DOG inclúese o código de actividade CNAE 2.060 de fabricación de fibras artificiais e sintéticas pero tamén figura o número 1.711, correspondente á fabricación de pasta de papel. No documento, prometen crear 400.000 toneladas anuais de celulosa soluble, case as mesmas toneladas de celulosa que ENCE produciu o ano pasado na súa ‘biofábrica’ en Pontevedra.

DOG Núm. 45 - Anuncio proxecto Altri en Palas de Rei

DOG Núm. 45 - Anuncio proxecto Altri en Palas de Rei

Altrique pretende erguer a planta en Palas de Rei con fondos públicos dos impostos nosos e de cidadáns europeos– domina tres fábricas de celulosa en Portugal: Celbi, Caima e Biotek (ata 2021 coñecida como Celtejo).

No 2018, o Ministerio do Ambiente de Portugal iniciou unha investigación por un episodio moi grave de polución no río Texo cuberto de escuma branca de medio metro de espesor. O grupo ecoloxista ProTEJO levaba anos denunciando a contaminación do fluvial pero nin caso.

Trala análise da escuma, da auga do río e da das depuradoras das celulosas ao redor de Abrantes e Mação, a conclusión foi que o vertido fora causado pola do grupo Altri (Celtejo, agora Biotek) á que forzaron a reducir a súa produción durante dez días para diminuír nun 50% as descargas de efluentes (líquidos emanados polas plantas industriais) e facer obras para non volver pasarse tanto da raia.

Hai que xulgar estes antecedentes e que empregarán ácido sulfúrico, entre outros químicos, para conseguir a polpa de celulosa. Tamén haberá emisións de partículas á atmosfera incluídas toneladas de CO2 pola combustión de combustibles fósiles, residuos e biomasa co gallo de obter o caldo de celulosa –para que non se note tanto in situ prevén en Palas unha cheminea de 75 metros de altura– e gastarán unha porción descomunal de auga. Debemos fiarnos de Altri ou debemos aplicar o principio de precaución?

O Ulla no que verterán as augas residuais ‘tratadas’ chega á ría de Arousa onde se crían gran parte dos mexillóns e outros mariscos que consumimos. Por moi ‘bio’ que sexa o filtro, imos permitir unha nova celulosa?

Suscríbete para seguir leyendo