Na efeméride de San Urbano, o patrón da Policía Local | Precedentes históricos

A Policía Local de Cangas (III)

No aniversario dos 147 anos da súa creación

A prensa da época reproducía con frecuencia as agresións aos gardas municipais.

A prensa da época reproducía con frecuencia as agresións aos gardas municipais. / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas*

Non era doado o traballo dos “municipais” nestas datas pois nas súas funcións, xa fosen de control de arbitrios, de legalidade comercial ou de manter a orde pública, sempre topaban con alguén que cuestionaba a súa función, estando expostos a situacións denigrantespor non contaren cun marco legal que amparase as súas actuacións. Nestas datas comezan a tomar conciencia de corpo e inician revindicacións a nivel de Galicia.

Volvendo a centrarnos en Cangas, temos noticia de que os gardas Municipais José Piñeiro Villanueva e José Miranda Rodal teñen que acudir en agosto de 1914 a apoiar a unha parella da Garda Civil, desta os únicos gardas dispoñibles, no control dunha protesta mariñeira ante a Axudantía de Mariña que se pode constatar como a orixe da asociación Alianza Marinera. Nestas datas convulsas, tres veciños de Cangas enfréntanse cos gardas municipais, desacatando as súas ordes e acabando denunciados ante o xulgado municipal pola Garda Civil. Este feito volve a mostrarnos a escasa marxe xurídica de actuación dos gardas municipais que se vían incluso comprometidos se actuaban directamente en cuestións de orde público.

Nestes primeiros anos do século XX consta que os Gardas municipais de Cangas tiñan que enfrentar cuestións de control de fielatos, co trasfego de venda de produtos non declarados, fraudes nos pesos e medidas, acompañar aos axentes do cobro de impostos, mediar nas numerosas trifulcas de taberna e procurar o seu peche á hora estipulada, cobrar as taxas dos mercados e do macelo (matadoiro) e manter a seguranza cidadá día e noite.

En marzo de 1915 vaise incorporar á Garda Municipal o exsarxento de Carabineiros Ricardo Sobreira Carvajales que levaba sete anos exercendo no porto de Cangas. Este nomeamento foi louvado publicamente e contou co beneplácito do comercio e veciños cangueses que confiaban no seu carácter e o seu ciume na aplicación da xustiza.

Garda Municipal do Ferrol  en 1903 e axente nos anos vinte.

Garda Municipal do Ferrol en 1903 e axente nos anos vinte. / Arquivo do autor

Resulta chamativo que dentro da escasa marxe legal dos gardas municipais, a maioría de denuncias que lle tramitaban ao alcalde no seu marco competencial eran pola emisión de palabras soeces nas vías públicas (1916) e polas numerosas trifulcas tabernarias, estando sempre presentes nos casos de incendios coa prestación e axuda da Garda Civil.

A pesar destes servizos á comunidade, os dous gardas José Piñeiro e José Miranda seguían sufrindo os desacatos públicos, sendo insultados en 1917 por uns mozos que, loxicamente, foron levados ante o xuíz municipal.

No ano seguinte, 1918, José Miranda vai ser sustituido por José Díaz Vázquez quen xunto con José Piñeiro sobrancearon no seu labor, arriscando a súa vida, ao axudar ás familias no enterro dos mortos en plena epidemia da mortífera gripe. En marzo de 1919, estes dous gardas municipais serían os artífices da moi louvada detención dunha muller de orixe portuguesa á que se andaba na súa busca por ter roubado cartos nunha casa de Moaña.

Carabineiro do porto.

Carabineiro do porto. / Arquivo do autor

Mais, aos gardas municipais de Cangas non lles chegaba cos parabéns do alcalde e a mediados de setembro deste mesmo ano vanse pór en folga indefinida para reivindicar unha mellora nas súas condicións laborais, como a suba de salario e o aumento da plantilla. A decisión tomárana en asemblea e causaría un gran enfado entre os responsables municipais, presididos polo daquela alcalde conservador Cecilio de la Gándara.

Este ano foi de reivindicacións dos traballadores (a revolución rusa do 17 exaltara as reivindicacións obreiras) destacando a folga de maquinistas e fogoneiros dos barcos de Cangas que tamén esixían un aumento salarial de 50 pts ao mes, se non irían á folga. Contodo, consideramos que a postura reivindicativa dos gardas municipais cangueses está máis relacionada coas folgas que convocan outros corpos de gardas locais en Santiago, na Coruña, Vigo... en demanda de melloras salariais, oito horas de traballo e equipamento axeitado e financiado polos concellos.

Nesta conxuntura reivindicativa, van ser moitos os gardas municipais que polas facilidades dadas polo Goberno, se van pasar á Garda Civil, Carabineiros ou Seguridade (Policía) despois de sufrir un exame, que non debía ser moi complexo, pois a maioría conseguían mudar de corpo, sobre todo nas cidades. A comezos dos anos vinte vaise xeralizar na uniformidade dos gardas das vilas a gorra de prato e o cinto na casaca, uniformidade que só detectamos a comezos do século XX na Garda Municipal do Ferrol cuxa indumentaria se asemella aos uniformes da Mariña da época, con dobre fileira de botóns e nos que os xastres da cidade departamental tiñan a sua influencia.

En 1922 temos noticia da intervención dos gardas municipais de Cangas na extinción dun incendio polo que foron felicitados. Mais, pola contra, neste mesmo ano volven a ser obxecto de aldraxes e maltrato por parte duns individuos que acabaron denunciados ante o xuíz municipal. A mediados de xuño de 1923, houbo unha denuncia dun roubo de cabos nos barcos dunha parella de pesca do armador Benito Puga do Berbés, que estaban amarrados no porto de Cangas.

Primeiros boletíns de accidentes, ano 1928.

Primeiros boletíns de accidentes, ano 1928. / Arquivo do autor

Nunha operación conxunta cos gardas municipais de Vigo, estes pronto localizaron nunha taberna do Areal vigués ao súbdito portugués Joaquim Da Costa Ferreira. Unha vez detido, confesou ser o autor, delatando ao seu compinche, tamén portugués, sinalando ambos lugar en Cangas onde agocharan os cabos. Os delincuentes foron postos “á sombra” para que sentisen as saudades do popular limoeiro da súa cantiga, entanto os gardas foron felicitados pola súa dilixencia en resolver o caso.

Coa implantación da ditadura de Primo de Rivera, vai ser nomeado alcalde José Oliveira, mais en xaneiro do 1924 vai ser sustituido, manu militari, por Pedro Rodríguez, extenente da Garda Civil, que deseguida toma como primeiras medidas denunciar á empresa de electricidade por cobrar a luz cando estaban moitos días sen ela e por orde gobernativa, mandar aos gardas municipais a controlar o peso do pan e dos consumos, impondo multas e ordenándolle aos carniceiros que transportasen a carne en carros ou camionetas axeitadas, vestindo batas brancas e prohibindo o seu traslado desde o matadoiro en cabalerías como se viña facendo.

Estas misións de control foron protagonizadas polos gardas municipais que recibiron os conseguintes aldraxes por aqueles que se consideraban afectados, tendo que cargar ademais nestas datas coa culpa de que unha burra se electrocutase ao pisar un cable eléctrico solto, asunto que lle concernía á empresa da electricidade. Esta situación mudaría un pouco ao promulgar o Goberno en 1924 un Estatuto Municipal no que se recollen ordenanzas sobre civismo, incluindo tamén que os que agredan de palabra ou obra aos gardas municipais serán castigados con fortes multas.

Contodo, a pesar do Estatuto Municipal, podemos deducir que a profesión de garda municipal seguía sen contar cun marco legal específico e continuaba a estar excluida do estamento funcionarial, regulándose, no mellor dos casos, por normas internas e particulares de cada Concello. Todo isto, obviamente, deixaba aos axentes municipais dentro dunha evidente inseguridade xurídica e administrativa que lles coartaba a súa autoridade. Porén, o alcalde Pedro Rodríguez, como exmilitar e por respecto ao uniforme, vai liberar aos “municipais” da onerosa cobranza dos impostos de consumos e fielatos, nomeando encargados específicos para este cometido e aumentando a dous os gardas para a vixilancia nocturna.

Policia local de Vigo cos seus novos uniformes e dous gardas con bicicleta 1926.

Policia local de Vigo cos seus novos uniformes e dous gardas con bicicleta 1926. / Arquivo do autor

A tal fin, a comezos de abril, convocaríanse as dúas novas prazas, sendo ofertadas agora en concurso, segundo as novas normas da Ditadura militar que esixían ter entre 25 e 40 anos, medir máis de 1,65 m., ter feito o servizo militar sen tachas e coñecer as Ordenanzas Municipais. Por referencias, presentáronse ás prazas de gardas Juan José Priego e Antonio González Costas, deducindo polos datos, que fose este último o único que accedeu ao posto pois a comezos de agosto de 1925 só aparece el como nova incorporación á Garda municipal.

O 1 de outubro deste ano, reanudaría o servizo José Piñeiro Villanueva que levaba 44 días de baixa por lesións nunha encía, cabeza e orella, produto dunha pedrada que lle guindara unha veciña cando lle facía unha requisa. Neste caso, os avogados de Pontevedra contratados pola afectada conseguirían desacreditar a actuación do garda municipal, perdendo o caso o axente, o que nos dá unha idea dos límites legais cos que se enfrentaban os gardas locais nestas datas a pesar do Estatuto municipal e da autoridade imperante.

A asunción do control das festas locais, antes realizado pola Garda Civil, tamén tería as suas consecuencias de falta de respecto, pois durante a celebración do San Roque en Cangas, ao lle chamar a atención a un bébedo pola sua actitude, un dos gardas recibiu unha labazada que lle guindou a gorra ao chan, polo que ao agresor, lembremos as datas, se lle pedían dous anos de cárcere.

Estas, apenas semellan cativas anécdotas nos avatares desta pequena historia da garda municipal pois por proximidade, cabe destacar o que aconteceu en Vigo o 27 de setembro de 1929, aínda baixo a ditadura, cando o alcalde Alfredo Pérez Viondi tén que disolver a sua Policía Municipal polos abusos de autoridade e violencia que viñan denunciando moitos veciños. Despois de cinco meses de depuración do corpo, o 24 de febreiro de 1930 restauraríase a Garda Municipal viguesa baixo o novo nome de Policía Urbana.

Unha viñeta de 1924 sobre o tránsito nas cidades.

Unha viñeta de 1924 sobre o tránsito nas cidades. / Arquivo do autor

Implantación da circulación pola dereita

En 1913, a Garda Civil de Cangas vai multar a un carro de bois por circular de noite sen o preceptivo farol... Desde esta data, aínda pasarían sesenta anos ata que a xa denominada Policía Municipal pasase a regular o tránsito rodado na vila. Este cometido dos Gardas municipais iniciaríase en Madrid en 1924 ante o caos circulatorio existente e a proliferación de automóbiles e peóns que non sabían como cruzar as rúas, temerosos dun atropelo. 

Antes disto, os carruaxes circulaban pola esquerda da calzada para evitar que os látegos dos condutores lles desen aos peóns que circulaban pola dereita e así seguiu a norma ao chegaren os automóbiles. Xa sen látegos perigosos, o goberno da Ditadura vai adoptar a circulación pola dereita da calzada, xurdindo en Madrid os pasos de peóns, as direccións prohibidas, os semáforos e outros sinais para regular o tránsito que a pesar disto seguía sendo un caos. Para resolver esta situación, unha sección de gardas foi enviada a París para aprenderen a regular o tránsito viario, incorporando por primeira vez a porra (branca), elemento que, como dixemos, xa se usaba na Coruña desde 1913 e pouco despois noutras cidades galegas.

Un garda municipal no banquillo.

Un garda municipal no banquillo. / Arquivo do autor

Un caso de apoio legal aos gardas municipais

“Se sentó ayer en el banquillo la vendedora de Cangas Emilia G. Otero que el 14 de marzo de este año 1925 desobedeció en el lugar de Retirosa, parroquia de Coiro, al guardia municipal José Piñeiro y al querer ocuparle la mercancía que portaba, le dió con una piedra causándole lesiones en una encía, cabeza y oreja que tardaron en curar 44 días. El fiscal considera el hecho como un delito de atentado y lesiones a un agente de la autoridad y solicita la pena de 5 años, dos meses y 22 días de prisión correccional, multa de 250 pesetas e indemnización de 200 pesetas”. 

Polo que se deduce desta información, nesta época da Ditadura de Primo de Rivera, a Xustiza xa tiña unha mellor consideración e apoio legal aos axentes da autoridade local 

Os Gardas Municipais en 1924

Nos concellos que contaban con gardas municipais desde comezos de século, estes eran nomeados polo Goberno Municipal de turno. Mais en 1923, coa chegada da Ditadura e a destitución das Corporacións locais, sairían á luz as argalladas caciquís practicadas en moitas vilas.

Entre estas destacaba o “libre albedrío” do que gozaban algúns “municipais” en troques de traballaren nas fincas dalgúns concelleiros e facer de recadeiros dos mesmos. Nalgunhas ocasións, ao mudar de partido político o Concello, os caciques chegaron a esixirlle aos “seus” gardas municipais que demitisen ou desobedecesen ás novas autoridades, colocando aos axentes nunha difícil tesitura.

O Estatuto Municipal

O Estatuto Municipal de 1924, no artigo 195, atribuíalle ao Alcalde, como Delegado do Goberno, “a facultade de nomear, separar, suspender, correxir ou premiar aos gardas e axentes armados do Concello”. Isto induce a supor a existencia de normas internas que regulasen estes aspectos pois non existían aínda unha regulamentación específica estatal para os gardas municipais. Con todo, neste Estatuto Municipal xa aparece unha referencia ás prazas de subalternos, gardas ou axentes armados dos Concellos que deberían ser cubertas segundo o Regulamento de cada Corporación. 

Amparados neste Estatuto, os gardas municipais de Cangas, por orde do alcalde, executaron en abril de 1924 os seguintes servizos:

-Multar con dúas pesetas a cada un dos seis veciños do Hío que lle negaron ao alcalde de barrio a sua asistencia ás prestacións persoais obrigatorias (basicamente arranxo de camiños).

-Multar con dúas pesetas a cada un dos nove “perturbadores nocturnos del sosiego público” nas rúas de Cangas.

-Deter e poñer á disposición do xuiz de instrución do Partido a seis mozos por escandalizar e non gardar o respecto debido na condución dun cadáver ao cemiterio.

-Multar con 50 pesetas a A. González por non seguir as indicacións dos gardas municipais durante a celebración do Santo Enterro nos actos de Semana Santa.

*Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo