Na efeméride de San Urbano, o patrón da Policía Local | Precedentes históricos

A Policía Local de Cangas (II)

148 anos da súa creación; Juan Suárez foi alguacil en 1622 e Valentín Fernández en 1789

Gardas municipais de Cangas en 1901 e 1910 extraídos de fotos da época e un garda doutro concellos galego con uniformidade semellante.

Gardas municipais de Cangas en 1901 e 1910 extraídos de fotos da época e un garda doutro concellos galego con uniformidade semellante. / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas*

Polos 148 anos transcorridos desde que se fundou, a Policía Local de Cangas, merecería a consideración de “ente histórico” da nosa vila polos seus alicerces centenarios, conformando unha das institucións máis antigas e duradeiras, coa sua conseguinte interacción nos avatares cidadáns de cada época e que a penas tivo ata hoxe un tratamento anecdótico que desfigura o seu rol histórico e sociolóxico.

Son escasas as noticias sobre os alguacís da xurisdición de Cangas durante o Antigo Réxime, constando con este cargo en 1622 Juan Suárez e en 1789 Valentín Fernández. Ao se constituiren os concellos a partir de 1833 e modificarse o distrito xudicial, foron os municipios quen asumiron o cargo de contar cun alguacil para os labores de vixilancia e seguranza. Contodo, os primeiros datos que temos dun corpo policial específico en Cangas, remítennos ao día 1 de xullo de 1877 cando o alcalde Ignacio Zabala Pimentel crea duas prazas de gardas municipais, denominadas como Policía de Vigilancia para diferenciala da chamada policía urbanística (estado das rúas, fontes, cemiterios, alumado...) que estaba baixo supervisión dun concelleiro. Os dous primerios gardas, chamados Francisco Trigo e Francisco Luza van exercer este traballo durante un ano pois a finais de xuño de 1878 van percibir os últimos haberes de 30 pts. ao mes que viñan cobrando.

Descoñecemos os porqués da súa elección, mais o habitual nestas datas era que fosen exmilitares ou exgardas civís, pois estes gozaban da preferencia dos alcaldes para integraren os corpos de gardas municipais. Tampouco sabemos se levaban uniforme, como acontecía nalgunhas cidades galegas, mais por referencias, sabemos que nos concellos pequenos e sen posibles monetarios, adoitaban vestir de paisano, portando unha especie de vara ou caxato e algún arma curta oculta, sempre con permiso do alcalde. Como fose, estes gardas municipais de Cangas tiveron unha curta traxectoria, quizáis por mudanza do alcalde que creou este corpo ou porque a asignación dun posto da Garda Civil na vila, facíaos innecesarios polo seu custe ou pola sua forte inherencia ao alcalde.

Desde finais do século XIX e ata 1910, os Gardas Municipais das cidades ainda combinaban as suas gardas coas dos Serenos (de noite), incorporando na uniformidade a gorra tipo teresiana e no inverno levaban capotes con esclavina ou abrigos. Nos medios urbanos adoitaban usar un sabre curto pero nas vilas era un bastón a sua única arma disuasiva, ademáis do consabido mostacho que lles daba un carácter máis serio e autoritario ás forzas da orde.

Desde finais do século XIX e ata 1910, os Gardas Municipais das cidades ainda combinaban as suas gardas coas dos Serenos (de noite), incorporando na uniformidade a gorra tipo teresiana e no inverno levaban capotes con esclavina ou abrigos. Nos medios urbanos adoitaban usar un sabre curto pero nas vilas era un bastón a sua única arma disuasiva, ademáis do consabido mostacho que lles daba un carácter máis serio e autoritario ás forzas da orde. / Arquivo do autor

Contodo, e como xa se adoitaba sentenciar nestas datas, que as cousas de palacio van despacio, o posto da Benemérita non se crearía oficialmente en Cangas ata finais de febreiro de 1882 pero por disensións co Concello sobre a casa-cuartel non se establecería ata 1886. Entanto, a única testemuña de certa autoridade pública existente, eran os numerosos alcaldes de barrio, repartidos por prazas e ruas en Cangas e un por cada núcleo de poboación do concello, pero o seu labor estaba máis focalizado nos asuntos de policía de hixiene e salubridade, o que non quitaba que intervisen en liortas, confrontacións veciñais, ruidos, horarios de peche... Contodo, podemos constatar que desde 1886, os catro números e o cabo do posto da Garda Civil local van desenvolver un labor incesante na aprehensión de delincuentes, asasinatos, roubos... tendo que cubrir, asemade, os concellos de Moaña e Bueu.

A volta da Garda Municipal

A comezos de maio de 1892, sendo alcalde Manuel Ventura Sequeiros Matos, créase un posto de garda municipal en acordo coa Junta Calificadora de Destinos Civiles do Goberno Militar da provincia, destinando a esta praza ao exsoldado Alberto Cambas Peña cun soldo de 52,5 pesetas ao mes (630/ano). Ainda que a presenza deste axente foi recibida con parabéns pola maioría da poboación, o novo garda non vai empezar con bo pé no seu oficio pois aos dous meses, no domingo do 10 de xullo, ao intervir nunha trifulca en Cangas, foi maltratado e agredido, tendo que acudiren na sua axuda os carabineiros do porto para que a cousa non pasase a maiores. Os chamados destinos civís do exército estaban dirixidos aos que quedaban inútiles para el servicio de las armas a causa de las penalidades sufridas en las actuales campañas, o que nos fai entender as posibilidades deste único garda municipal que exerceu cinco anos escasos.

Copia dun rexistro contable  1877 - 78

1877 Garda Municipal. Os primeiros gardas municipais nas vilas galegas só tiñan como identificativos da autoridade a chaqueta e a cachoporra como arma disuasoria. / Arquivo do autor

Cando a comezos de outubro de 1896 a Junta de Destinos Civiles volve a convocar prazas para sarxentos, cabos e soldados duas delas son ofertadas polo Concello de Cangas, unha de escribinte de secretaría (540 pts. ano) que é cuberta polo exsoldado Domingo Rivas Martínez e outra de garda municipal (630 pts. anuais), descoñecendo o nome do seu ocupante. De novo en novembro de 1899 e polo mesmo sistema dos destinos civís de licenciados do exército, o Concello oferta de novo unha praza de garda municipal co mesmo soldo de 630 pts. anuais, facéndose cargo dela en decembro, o excabo 1º do exército Mateo Marcús Borrás. Descoñecemos as funcións concretas desta parella de Gardas Municipais de Cangas, pero cabe que unha delas era o facer cumprir os bandos e decretos municipais e outras abranxían o control da hixiene e salubridade públicas, os mercados ou a escolta dos recadadores de impostos e consumos, sabendo que nos casos delitivos debían dar conta dos mesmos á Garda Civil. En maio de 1900, o ministro da Gobernación, o galego Eduardo Dato, vai regular a existencia e servizos das diferentes gardas municipais poñéndose en marcha en Madrid, de xeito experimental, a denominada Policía de Seguridad y Vigilancia, cuxa experiencia se trasladaría logo a outras das cidades e vilas.

En decembro de 1901, un veraneante foráneo pón de manifesto o agradable da sua estancia en Cangas, enxalzando a sua paisaxe e praias e como algo extraordinario, asómbrase de que a vila xa contase con Policía Urbana, nome máis utilizado para se referir á das cidades. Cando unha Compañía Ecuestre ofrece en Cangas en febreiro de 1905 unhas funcións, antes de actuar no Tamberlick vigués, consta que xa son tres os gardas municipais existentes que se encargan da orde pública no espectáculo. Ao que se ve, tamén controlaban o tráfico de vehículos pois un condutor dun carro de bois foi multado por non circular diante do mesmo, tanguendo os animais. Neste mesmo ano seguía aplicándose o chamado arbitrio de Piso para aqueles carros e vehículos que transportaban mercadorías desde afóra do Concello. Este imposto municipal saía a subhasta e no 1906 encargábase do mesmo Trifón Rodriguez que contaba co concurso dos gardas municipais na detección de infractores.

A Policía Local de Cangas (II)

Rexistro contable 1877 - 78 / Arquivo do autor

O gardas que desempeñaban estes labores eran Joaquín Mariño, Francisco Pardavila e Anselmo Pazó e en marzo do 1906, o Concello vai dotar de uniformes a estes dous últimos cuxa confección lle encargaron ao xastre local Juan Lestão (logo Lestón). Neste aspecto, descoñecíamos a uniformidade dos nosos axentes, pero sabemos que primaba o chamado negro azulado ou endrino e por unha foto de 1905 sabemos que levaban como única “arma” un chuzo ou bastón. Porén, desde finais de século e ata 1910 foi habitual que nas cidades levasen o sabre curto ao cinto e unha gorra estilo ros ou teresiana, semellante á doutros corpos da época ou do exército, do que proviñan a maioría dos gardas municipais. Como a vaina do sabre adoitaba ser de cor vemella, nalgunhas cidades recibían o alcume de “guindillas”. A pesar destas informacións, non temos constancia de que os gardas municipais de Cangas usasen nalgún momento da sua historia o sabre curto, arma habitual nos das cidades e polo que sabemos tamén o levaban os do Porriño, ainda que a veciñanza prefería que usasen bastón e revólver que era máis elegante.

O día primeiro de agosto de 1906 e a pesar dos uniformes novos, os gardas municipais de Cangas, Mariño e Pardavila, van presentar a renuncia aos seus cargos, que consideramos relacionada co baixo soldo e a obriga de custear o uniforme como adoitaba acontecer. Xa que logo, o Concello tén que prover unha praza de destino civil que vai ser ocupada en novembro deste mesmo ano polo excabo 1º do exército, Faustino Blanco Incógnito. Para ocupar o outro posto vacante e tamén como destino civil, vai ingresar como axente en maio de 1907, o tamén excabo 1º do exército Ricardo Rojo Huera que agora xa vai contar cun soldo de 750 pts. anuais. Facendo un inciso, temos que apuntar que non temos constancia de ningún corpo de serenos como tal en Cangas, xérmolo de moitas policías locais, pero en 1898 sabemos que había un par de faroleiros con rango de alguacís que se encargaban do acendido e mantemento do alumado público ás ordes de Pedro Soliño que se fixera coa contrata municipal. Contodo, nunha copla carnavaleira destas datas hai unha alusión a esta función: Es el pueblo del silencio, cementerio, al parecer, si así lo quiere el sereno, la culpa la tiene usted. Este servizo manteríase con outros adxudicatarios posteriores como Cecilio Iglesias en 1906, ano no que se empeza a sustituir o petróleo polo gas acetileno que se prendía automaticamente con acendedores incorporados, desaparecendo os faroleiros.

Outra encomenda dos gardas municipais de Cangas nestas datas era o apoio ao cobrador de impostos Trifón Rodríguez (mediante subhasta pública) que se encargaba da recadación dos postos públicos e máis do chamado de “Piso” ou fielato, antigo imposto que se lle cobraba aos carros con mercadorías, consideradas de primeira necesidade (alimentación), que entraban na vila e que os comerciantes locais deste ramo, a pesar da oposición do Concello, pedían se lle aplicase a todos os produtos para evitar discriminacións e competencias desleais.

A Garda Municipal de Moaña

En abril de 1908 vaise constituir a Garda Municipal en Moaña, pois o Concello oferta por vez primeira duas prazas a ocupar por destino civil, ofrecendo un soldo anual de 915 pesetas. Referente aos gardas municipais e o seu prestixio, resulta chamativo que nestas datas xa se denuncie nalgunhas localidades o emprego dos mesmos e incluso dos serenos na colocación de mastros, bandeiras e faroliños cando hai festas, o que redunda negativamente na percepción social que se debe ter deles. Cara a 1910, a gorra “teresiana” de moitas Gardas Municipais, sobre todo nas cidades, vai empezar a ser sustituida por cascos de fieltro, semellantes aos que usaban os Axentes de Seguridade (Policía Nacional), pois xa empezan a intervir tamén no control de folgas e manifestacións que se producían no medio urbán. Nas vilas, a gorra vai empezar a ser sustituida cara os anos vinte pola gorra de prato, que logo se imporía definitivamente durante o franquismo.

En 1912 o novo regulamento de carruaxes vai incrementar as funcións dos axentes municipais ao teren que ampliar as suas competencias á supervisión e infraccións por circularen os carros sen o preceptivo permiso ou licencia do Concello ou non usar luces (farois) de noite. Cara a 1913 vaise orixinar unha crise na plantilla dos gardas de Vigo xa que 35 dos 108 axentes, a pesar da crise de traballo existente, deciden deixar este emprego polas malas condicións de traballo: Descontando os 13 administrativos, só ficarían uns sesenta, repartidos en dous turnos (día e noite) para vixiar toda a cidade. Noutros casos, os gardas municipais tamén exercían funcións impropias do seu cometido como no caso de Ourense que viñan actuando como vixilantes do Cárcere Provincial ata que nestas datas foron dispensados deste cometido.

Ainda que nesta época os gardas municipais urbáns adoitaban levar o correspondente sabre, tamén seguían usando o bastón como “arma” disuasoria e menos mortífera, pero neste ano comeza a eliminarse, ao consideralo como “antiestético”, empezando a sustituilo por unha “porra”. Un dos lugares dos que temos referencias deste cambio é na Coruña, que se xustifica no documento oficial por ser más inglesa y eficaz. Pola contra, en xullo de 1912, a garda municipal de Pontevedra vai sustituir o bastón por unha arma máis intimidatoria, dotando aos gardas con revólveres. En Cangas se ve que os gardas municipais tamén mudaran xa o bastón pola porra, segundo se recolle nunha copla de Entroido destas datas: Se queres tornar as moscas, nos días de Carnaval, vaite en busca da porra, dun garda municipal. Contodo, o máis oneroso deste corpo seguían a ser os uniformes, pois os axentes víanse obrigados a alongar o seu uso, xa que tiñan que pagalo do seu peto, presentando a veces un aspecto desastrado.

Unha aproximación sociolóxica: Os Gardas Municipais de Vigo en 1913

Gardas municipais Vigo 1911 e 1913

Gardas municipais Vigo 1911 e 1913 / Arquivo do autor

Cabe que non podemos achegar moitos datos sobre a situación socioeconómica dos gardas municipais de Cangas, mais, salvando as distancias lóxicas e escasamente extrapolables á nosa vila por cuestión de teren máis recursos e plantel, son significativos os datos sobre as circunstancias polas que pasaba este corpo en Vigo nestas datas e que poden aproximarnos á realidade destes axentes cuxo “estatus” social non era moi distinto ao doutros funcionarios públicos como mestres ou gardas civís. Nesta cidade, un garda municipal de segunda gañaba 3’15 pesetas diarias e un de primeira 3’50, que viñan sendo 100’50 e 105 pesetas, respectivamente. Se se deducían 23 pts. do aluguer da casa e as 10 pts do pagamento (a prazos) do uniforme, quedábanlle 72’50 pesetas que resultaban insuficientes para vivir na cidade unha familia, ainda que só estivese composta do matrimonio e dous fillos, caso rarísimo. O do uniforme era tamén chamativo pois tiñan que pagalo os propios gardas e custáballes arredor de 150 pts. e por moito que se alongase o seu uso (de aquí o aspecto desastrado dalgúns axentes) non duraba máis de ano e medio, supondo un gasto do dez por cento do salario. As horas de servizo, establecidas polo concelleiro de turno, tamén supuñan un obstáculo que lles negaba aos axentes a denominada nesta época expansión familiar (agora conciliación) con oito horas de día e catro de noite que impedían, non só reparar o sono, senón que se estendían ao fin de semana creando o dilema: Se están algún tempo coa familia, non descansan e se descansan, non poden estar coa muller e os fillos. Outra cuestión grave que enfrentaban os gardas municipais vigueses eran as enfermidades ás que estaban expostos, maiormente os catarros propios dos seus servizos e condicións pois se estes lles impedían facer servizo e non lles abonaban os salarios a non ser que tivesen “calenturas” (febre) que só co custoso pagamento dun médico podían acreditar. Nestas datas, un novo regulamento vai esixir para os novos gardas unha talla de 1’650 metros, ser menor de 35 anos e outras circunstancias, encamiñadas a que o corpo de municipais fose algo útil e non un refuxio de inválidos (destinos civís do exército), pero para ter bos gardas, ademáis das condicións axeitadas para o servizo é preciso tamén que estean ben pagos e se lles dea un trato de homes. Que non houbo melloras para os Gardas Municipais quedaría constatado en setembro de 1929, en plena ditadura de Primo de Rivera, tan ciumenta esta da orde e da legalidade, cando o alcalde vigués tivo que disolver este corpo por abusos de autoridade e corrupción.

O escaso apoio legal aos Gardas Municipais

En 1913, o xulgado de Pontevedra vaille instruir causa a un veciño de Cangas polo delito de atentado á Garda Municipal da vila. O acusador público refire que dous gardas municipais desta vila, prestando servizo na Rua Real, chámáronlle a atención a un numeroso grupo de mozos que ás tres da madrugada do 6 de xullo ían cantando cancións groseiras e lonxe de obedecer as intimacións dos axentes da autoridade, abalanzáronse contra deles, rachándolle a un o capote. O fiscal pide para todos eles, por falta, cinco días de arresto e para o causante do desperfecto no capote, dous meses e un día de cárcere e os custes correspondentes ao estrago. Como era habitual nestas datas, o avogado e procurador da defensa en Pontevedra conseguían que os acusados saisen sen penas de condena. Nestas datas, os nomes dos denunciados e encausados facíanse públicos co seu nome e apelidos pero neste caso só figuraban as suas iniciais, o que indica que pertencían a familias de alta posición social.

(*) Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo