A historia de Guido Paganini Picasso | A relación entre o industrial e o Fascio italiano

Un italiano de nación e devoción en Cangas (III)

O industrial deixou o consulado en 1943 e finou en 1951

Acto de homenaxe a Alemaña, Italia e Portugal en Vigo o 19 de novembro de 1936.

Acto de homenaxe a Alemaña, Italia e Portugal en Vigo o 19 de novembro de 1936. / A.A.

Xerardo Dasairas*

Nesta etapa, durante a guerra e a posguerra, as relacións entre o Fascio italiano e os militares sublevados primeiro e o franquismo e a Falange despois, van ser de fraternal camaradería e o consulado italiano de Vigo vai ter moito protagonismo ao converterse en central do fascio para o norte español. Primeiro destacaría nos actos de exaltación fascista e logo en labores de información e espionaxe durante o periodo da Segunda Guerra Mundial.

A sublevación militar de xullo de 1936 abriría unha nova etapa na que os Fasci italianos se beneficiarían da gratitude mostrada polas organizacións franquistas, establecendo estreitos vínculos coas organizacións militarizadas como a Falange e os Requetés. Se a nivel internacional estes grupos fascistas se atopaban en crise, en España poderían ampliar as súas sedes a zonas sen ningún interese migratorio como Salamanca, Valladolid ou Zaragoza, pero con clara intención proselitista, a través de cursos de italiano nos que se exaltaba a Italia fascista.

Paganini imponlle medallas aos camaradas Suevos, Castroviejo e Sacco na Casa de Italia en 1942. |

Un artigo de opinión de Guido Paganini, do 18 de xullo de 1937, en conmemoración do alzamento franquista un ano antes. / A.A.

No periodo represivo antirrepublicano en Cangas, as fontes orais e escritas publicadas, testemuñan que: “Algúns conserveiros de Cangas tamén apoiaron ou consentiron a represión que foi executada ou participada sen tatexar polos falanxistas locais e gardas cívicos de Pontevedra coa colaboración da Garda Civil”. Curiosamente, nestes testemuños orais, a xentes de Cangas nunca aludiron directamente aos que apoiaron o golpe militar pois o seu posto de traballo dependía deles. En novembro de 1936, despois da manifestación da que ofrecemos a imaxe, tirada polo fotógrafo de Hitler, Hugo Jaeger, e da homenaxe a Alemaña, Italia e Portugal, Paganini agradeceríalle este xesto ao seu amigo, o comandante militar de Vigo, Felipe Sánchez, reiterando publicamente e no nome do Duce, o recoñecemento oficial do goberno do xeneralísimo Franco.

Un comunicado do consulado italiano en Vigo. |

Cartel dun acto de propaganda en Vigo. / A.A.

Na altura de 1937, segundo datos da revista “Il Legionario”, Paganini tiña afiliados a 28 homes e 10 mulleres, agrupadas estas no Fascio Femminile, entre unha colonia de 80 italianos que había na zona da Ría e que adoitaban celebrar con gran pompa, a Festa Nacional Italiana cada 20 de setembro. A autoproclamada “España nacional” vai incorporar rituais e lemas similares aos do Fasci italiano cuxa agrupación en Vigo pasaría a chamarse “Generale Antonio Tomasso Cantore” (famoso militar xenovés), celebrando actos públicos conxuntos cos seus símbolos. A recepción e atención ás tropas e barcos italianos que colaboraban con Franco na guerra, tamén figura entre as actividades realizadas pola delegación italiana en Vigo que a finais do ano 1939 vai desenvolver uns cursos de italiano a cargo do profesor e reverendo padre José Pujol e de Luis Jezzi, docente representante do goberno italiano. Precisamente neste ano, inicio da II Guerra europea, a delegación consular vai mudarse da rúa Colón á de Policarpo Sanz. En 1940, cando o Club Rodeiramar de Cangas reinicia as suas actividades, Guido Paganini sería nomeado presidente de honra desta entidade deportiva.

Unha nota de prensa sobre un accidente no que se viu involucrado Guido Paganini en Pontevedra.

Un comunicado do consulado italiano en Vigo. / A.A.

A colaboración entre os fascistas italianos e alemáns e as organizacións homónimas españolas vaise incrementar durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e Vigo vaise converter nestas datas nun dos epicentros da espionaxe, na que segundo referencias e a pesar da escasa presenza italiana, participaría tamén Paganini como representante dun país aliado de Hitler, delegado consular italiano e xefe de información en todo o noroeste de España. Hai que dicir tamén que os conserveiros e aínda máis, os próximos a Paganini pola súa posición de intermediario, habían sacar bo rendemento das súas fábricas ao sumistrárenlle conservas aos exércitos do chamado “Eje fascista”.

No día seguinte ao de Reis de 1940, o consulado italiano de Vigo organizaría un acto coa entrega de xoguetes e roupa para os nenos do Auxilio Social de Falange e da colonia italiana, recadados por Lina Paganini, delegada dos Fascios femeninos. Bandeiras de Italia, España e da Falange e cadros de Mussolini, Franco e José Antonio, entre os que destacaba a imaxe de Cristo, engalanaban o local. A entrega dos agasallos estivo encabezada por Guido e Giorgio Paganini e por representantes do Movimiento e da Falange que se dirixiron ao público con discursos patrióticos e un panexírico relixioso ditado polo padre Esteban que dixo que estes regalos non os trouxeran os Reis, senón o Fascio italiano e o Duce Mussolini. O acto acabou co canto da “Giovinezza” e o “Cara al Sol”, dándose vivas aos dous países e aos seus líderes.

Cartel dun acto de propaganda en Vigo. |

Paganini imponlle medallas aos camaradas Suevos, Castroviejo e Sacco na Casa de Italia en 1942. / A.A.

Por isto e pola súa ideoloxía, Paganini recibiría os parabéns do réxime franquista en 1941, continuando como cónsul de Italia en Vigo. O 7 de xullo de 1942 no consulado italiano vaise celebrar o XX aniversario da proclamación do Estado Fascista Italiano, asistindo ao acto o xefe do Fascio Pedro Gandolfo e outros dirixentes do partido, o profesor de italiano en Compostela Mario Gasparini e a directora do Instituto de Lengua e Cultura italiana en Vigo María C. Bondi que pronunciaron senllos discursos. Neste mesmo acto entregáronse as medallas de Caballero Oficial de la Corona de Italia aos camaradas Jesús Suevos, conselleiro nacional e xefe de Falange en Portugal; a José Mª Castroviejo y Blanco Cicerón, director do xornal “El Pueblo Gallego”; e a Augusto Sacco, conserveiro italiano afincado en Vigo. O cónsul Guido Paganini pronunciou o primeiro discurso e procedeu á imposición de medallas despois da que seguiron as réplicas de agradecemento. Ao remate do acto, delegados de la Vieja Guardia Falangista de Vigo tamén procederon a entregarlle un emblema deste grupo a Guido Paganini.

Esquela e panexírico tras o falecemento de Guido Paganini.

Unha nota de prensa sobre un accidente no que se viu involucrado Guido Paganini en Pontevedra. / A.A.

O ano 1943 vai ser aciago para os Paganini pois a Fiscalía de Taxas de Pontevedra vaille impor á fábrica do seu fillo Antonio Paganini Montemerlo unha multa de 20.000 pesetas pola venda de conservas a prezos abusivos con incautación de toda a mercadoría e o peche da fábrica por un ano. Descoñecemos a repercusión deste feito na familia pero a mediados de setembro de 1943 Guido Paganini vai presentar a sua dimisión como cónsul de Italia alegando que, fiel ao ideario do Fascio, el xa non se consideraba representante do mariscal Pietro Badoglio que mediante un golpe de estado o 25 de xullo deste ano, sustituiría a Mussolini, sacando a Italia da guerra.

Bombas italianas con “dedicatorias” a líderes da II República, como Azaña, La Pasionaria ou Largo Caballero.

Bombas italianas con “dedicatorias” a líderes da II República, como Azaña, La Pasionaria ou Largo Caballero. / A.A.

Con todo, o incremento do número de axentes fascistas que mantiña a República Social Italiana de Mussolini en España, había provocar a principios de 1944 a protesta dos países democráticos, aliados na guerra, ante o ministro español Gómez-Jordana. As presións foron fortes e evidentes, obrigando a España a tomar unha decisión no tema, acordando en maio deste ano a expulsión dos axentes alemáns e en xuño, o Ministerio de Asuntos Exteriores había recibir unha nova protesta de Hoare, embaixador británico, coa lista dos axentes e neofascistas italianos, entre eles Guido Paganini. O 13 de marzo 1944, na nómina española dos fiduciari e dos corrispondenti, categoría menor baixo mando do primeiro, aínda aparece en Vigo Guido Paganini, ostentando a xurisdición de Galicia e Asturias dos círculos recreativos do fascio, creados para afiliar adeptos baixo unha cobertura cultural.

Manifestación patriótica en Vigo en homenaje a la ayuda extranjera en la guerra. (19 de Noviembre de 1936): A las banderas de Italia, Alemania, Portugal, España y Falange, rendía honores un piquete de fuerzas de Infantería. En la manifestación tomaron parte, además de las autoridades militares y civiles, la Falange Española, los Requetés, la Guardia Cívica, las JAP, los componentes de la Legión Gallega con su capitán y los millares de personas que es de suponer, sabiendo que el motivo de la manifestación era un día de júbilo para nuestro Glorioso Ejército. Después, el gentío acompañó al comandante militar de la plaza D. Felipe Sánchez y su séquito hasta la comandancia, continuando las manifestaciones patrióticas.

Esquela e panexírico tras o falecemento de Guido Paganini. / A.A.

Mais, en decembro deste ano, unha nova demanda, á que se sumou a embaixada de Estados Unidos, pide que se desactivasen os axentes italianos que se agochaban nestes círculos pois consideraban que era unha tapadeira da espionaxe alemá. Por isto, a comezos de 1945, o goberno franquista xa exercería unha gran presión sobre os representantes da RSI para que diminuiran o número de membros das súas delegacións e consulados.

Neste listado xa non figura Guido Paganini como integrante da República Social Italiana, Il Fasci, que apenas aguantaría ata a liberación de Italia o 25 de abril de 1945 e a captura e fusilamento de Mussolini o día 28. Desde esta data, os italianos que acudían ás legacións consulares para anovaren o certificado de nacionalidade, debían disipar calquera dúbida sobre a sua opción política, asinando que nin figuraban inscritos no Circolo Culturale e Ricreativo Latino, nin simpatizaban coa causa da Republica Social Italiana de Mussolini. Desde a data antedita, Guido Paganini disfrutaría do seu retiro en Cangas ata o seu falecemento o 25 de xaneiro de 1951, aos 70 anos de idade a causa dunha grave enfermidade.

*Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo