A historia de Guido Paganini Picasso y A relación entre o industrial e o Fascio italiano

Un italiano de nación e devoción en Cangas (II)

O industrial conserveiro e cónsul logrou campo para o Alondras

A casa vivenda da salgadeira de Paganini, único vestixio na actualidade.

A casa vivenda da salgadeira de Paganini, único vestixio na actualidade. / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas

Continuamos coas anotacións arredor deste personaxe e a sua contextualización histórica nos periodos republicano e franquista, o primeiro dunha discreta convivencia e o segundo de plena colaboración por afinidade ideolóxica. A influencia do Fasci italiano na Falange vai ser importante en canto ao que supuxo a sua ideoloxía, estrutura, parafrenalia icónica e militar e mesmo sistemas represivos da mesma, a imitación dos Camicie Nere.

Mussolini de Bueu. |   // ARQUIVO DO AUTOR

Mussolini de Bueu. | // / ARQUIVO DO AUTOR

A separación de Guido Paganini da vida empresarial canguesa e a sua total dedicación ao cargo consular en Vigo foron motivos que alonxarían ao italiano de participar na vida municipal nestas datas da ditadura de Primo de Rivera, ao contrario que outros conserveiros que tiveron moita participación neste eido tanto en Bueu como en Cangas. Un fito na curta traxectoria empresarial de Paganini como conserveiro, tamén vai ter lugar no mesmo ano 1928 ao adqueriren os Massó, liquidando a sua da débeda co Banco di Roma, a sua fábrica do Salgueirón, que quizáis tamén fose afectada, como outras, pola creba do Banco de Vigo, ainda que algunhas fontes tamén apuntan a un incendio. Este mesmo ano, a sua filla Cornelia (Niní) vai partir para Xénova para continuar os estudos musicais no conservatorio “Nicolo Paganini” que xa iniciara en Cangas no colexio da Enseñanza da Compañí de María.

Saque de honra de Nené, filla de Paganini, na inauguración do campo de San Roque, abril de 1929.  |   // A. DO AUTOR

Saque de honra de Nené, filla de Paganini, na inauguración do campo de San Roque, abril de 1929. | // / Arquivo do autor

O ano 1929 vai ser importante para o fútbol cangués pois o Alondras, fundado no ano anterior, non daba atopado un campo onde xogar e Guido Paganini, que era secretario do club, conseguiría de Cervera un terreo en San Roque, que se inauguraría oficialmente o 21 de abril, sendo a sua filla Nené, presidenta de honra, quen fixese o saque de honor. Guido Paganini tamén ostentaría a presidencia da Sociedade de Caza e Pesca de Cangas no 1930 na que alternaría o cargo con Fernández Cervera durante algúns anos. Nestas datas, a familia de Paganini contaba cunha tenda en Montero Ríos na altura do actual Banco Pastor, sendo agora a sua única relación coa conserva, a que mantiña coa fábrica do seu sogro Montemerlo en Ojea ou a que o seu irmán Marcos abriu no Forte en 1931. A apertura desta fábrica contaría coa colaboración de Guido, que seguía inscrito como industrial da conserva, outorgándolle ao seu irmán ante o notario de Cangas, García Moliner, a continuación do negocio. Asemade, e moi importante, foi o traspaso ao seu irmán, da concesión que Guido tiña da admisión de follalata extranxeira na Aduana de Vigo, obtida por Real Orde de 14 de Novembro de 1927. Desta fábrica do Forte só sabemos que en 1934 xa aparece en asociación con Nogueira y Cía e cabe que desaparecese ou se traspasase (a Legarda?) co inicio da guerra civil pois non volvimos a ter referencias dela.

Permiso para explorar o pecio de Aldán. |   // ARQUIVO DO AUTOR

Permiso para explorar o pecio de Aldán. | / Arquivo do autor

Cabe que, por razóns obvias, non sabemos moito da actividade consular de Guido Paganini agás actos ou intervencións públicas propias do seu cargo como a asistencia ao enterro dun mariñeiro do navío italiano de guerra “Pisa” con todos os honores. Porén, tén gran presenza na vida social de Cangas, sobre todo colaborando coa cesión do campo do Alondras ou aportacións monetarias en todos os actos benéficos e solidarios nos que sobranceaban os numerosos naufraxios que se producían nestas datas. Por referencias orais constan algunhas anécdotas resaltables como o seu desprazamento cotiá na sua lancha motora desde Cangas a Vigo e o retorno, en días de bo tempo. Como o motor non era refrixerado, tiña que deterse de cando en vez a botarlle auga, operación que levantou a admiración dos mariñeiros que faenaban, ao pensaren que o devandito artiluxio náutico era unha invención de Paganini que conseguira que funcionase con auga salgada. Outra intervención destacada foi a solicitude que lle fixo ao Goberno para reflotar o pecio dun barco veleiro, quizáis a fragata Jean, que levaba desde 1876 afundida na ría de Aldán e que contiña un cargamento de mármore e metais. A sua petición foi atendida e aprobada por disposición real o 9 de outubro de 1929, mais descoñecemos se sacou adiante este proxecto, pois estes asuntos levábanse con moito secreto para evitar os saqueos.

 Paganini, vendedor de lanchas motoras en 1928. |

Paganini, vendedor de lanchas motoras en 1928. | / Arquivo do autor

O ambiente prerrepublicano que xa se vivía en marzo de 1931 daría pé a que o “Alondras C. F.” se prestase nestes anos, pola intermediación de Paganini, a xogar partidos a prol da Vejez del Marino ou dos pobres e enfermos, organizados pola cenetista Alianza Marinera, que os Cervera cedesen gratuitamente o campo de San Andrés ou do Tobal e que o lider radical republicano Emiliano Iglesias fose quen donase o trofeo en disputa. Outra anécdota deportiva había producirse a mediados deste mesmo mes, cando o Alondras tén que desprazarse a Vigo para disputar co Celta un trofeo donado por Vapores de Pasaje. Nesta ocasión, a ubicación ideolóxica do organizador Paganini, había merecer a atención da prensa viguesa republicana que aludía á sua representación como cónsul do Fascio de Italia en Vigo con residencia en Cangas e admirador de Mussolini. Non cabe dúbida de que esta filiación política foi a que motivou que cando o Alondras foi xogar o partido a Vigo, un xornalista, tomando o todo pola parte, resaltase na sua crónica que “el ambiente de las avalanchas del fascio del otro lado del mar, va a ser algo único”. O xornal republicano “El Pueblo Gallego”, con maior intención que descoñecemento, adoitaba referirse a el, utilizando a posta o nome de Guido Paganini Musolini, incluso cando fixo a sua aportación solidaria para os náufragos da motora “Azaña”.

 Apertura fábrica de Marcos Paganini no Forte. |   // A. DO AUTOR

Apertura fábrica de Marcos Paganini no Forte. / Arquivo do autor

Coa proclamación da Segunda República, chegarían centos de antifascistas italianos desde Francia que non só puxeron en cuestión a condición dos Fasci de verdadeiros representantes da italianità, senón que os colocarían nunha posición de debilidade que os obrigaría a se recluiren na esfera privada. Como consecuencia, tiveron que diminuir as suas actividades públicas fascistas e o goberno italiano pediríalles que non ocasionasen tensións coas autoridades republicanas. Esta baixa actividade dos Fasci en Vigo daría pé a que Paganini aparecese xa con frecuencia participando nas festas sociais ou acompañando ao Club Rodeiramar como directivo, nos desprazamentos a diversas localidades nas competicións de natación ou de piraguas . Por referencias que temos dos balnearios de Verín, na segunda quincena de xuño de 1931 quedou constancia da presenza no balneario de Sousas, dos súbditos italianos Marcos Paganini, Niní Paganini e Inés Montemerlo, beneficiándose das suas salutíferas augas. Precisamente, Marcos había enviuvar ao falecer en Cangas a sua muller Magdalena Armella Zaecheo a finais de outubro de 1935.

Voda de Cornelia Paganini e Manuel Lago, en xuño de 1935.

Voda de Cornelia Paganini e Manuel Lago, en xuño de 1935. / Arquivo do autor

Como dixemos, descoñecemos as implicacións consulares nos movementos monárquicos españois contra a República, que xa mesmo desde 1932 buscaban o retorno do rei Afonso XIII, pero consta que no 1934 firmaran un acordo con Mussolini para o suministro de 50 avións de guerra para daren un golpe de estado. Este convenio ratificaríase finalmente con figuras relevantes como o xeneral Sanjurjo e José Calvo Sotelo o día un de xullo de 1936, dezasete días antes do levantamento militar contra a República. Neste periodo, os fascistas italianos optarían por actividades de perfil máis cultural, ordenándolle o goberno italiano ás delegacións consulares que evitasen roces políticos co executivo español, ainda que si os houbo.

Ainda que sen datos das actividades consulares de Paganini, enxergamos que a partir de 1935, o Ministero degli Affari Esteri (Asuntos Exteriores) estimularía ainda máis a acción cultural a desenvolver, incorporando masivamente elementos de carácter propagandístico e impartindo cursos regulares sobre lingua, literatura, filosofía, economía, teatro, arte, música e historia de Italia. Esta nova oferta cultural era un “produto envasado” nos institutos italianos de cultura coa impronta e o carimbo fascista. Prevían, xa que logo, abrir unha sección en Santiago e delegacións en Vigo, A Coruña, Ferrol e Lugo, atendidas cadansua por un profesor. Ainda na altura do ano 1940, xa co Franquismo, a penas abriran delegacións do Istituto della Cultura Italiana en Vigo e na Coruña..

* Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo