O mestre Cerviño entre nós (II)

O investigador Anxo Coya achega unha nova colaboración sobre o autor do Cruceiro do Hío no 150 aniversario da súa inauguración

Imaxe da inmaculada Concepción en Aldán. Unha obra do Mestre Cerviño.   | FDV

Imaxe da inmaculada Concepción en Aldán. Unha obra do Mestre Cerviño. | FDV / Anxo Coya*

Anxo Coya*

A Begoña González e Sabela Coya.

A Fé.   | //  FDV

A Fé. | // FDV / Anxo Coya*

Ignacio Cerviño, despois da súa primeira estadía no Hío nos anos 1852 ata 1855 e xa sen a obriga de cumprir o servizo militar, trasladouse a San Xoán de Cerdedo. Alí casará con Ramona Isidora Beiro Mosquera o 3 de agosto de 1859 e terá unha filla chamada Vicenta Fernanda ao ano seguinte, sendo bautizada na parroquial de Cerdedo o 3 de novembro de 1860. Para coñecer a súa obra en Cerdedo aconsellamos consultar o artigo A Labra precursora de Ignacio Cerviño, publicado no Faro de Vigo, ed. Deza- Tabeirós, 7/10/2012, por Calros Solla Varela.

Bóveda da igrexa de Coiro asinada por Ignacio Cerviño.

Bóveda da igrexa de Coiro asinada por Ignacio Cerviño. / Anxo Coya*

Seguín a pegada de Ignacio Cerviño e atopeino matriculado na Escola de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, no curso 1860/61. Dato a ter en conta para acreditar quen foi o Mestre Cerviño. Alí nacerá o seu fillo Dionisio Casimiro no 1862 e ficará viúvo o 26 de marzo de 1863. A mala sorte na vida comeza a golpealo moi novo, con 26 anos. Trasládase á cidade da Coruña. Casou en segundas nupcias o 20 de maio de 1867 con Josefa Costa Linares, muller que aparece documentada con posterioridade como Linares Costa ou Linares Barrera. O 11 de marzo de 1869 bautiza no templo parroquial de Aguasantas a Delfina Cerviño Linares, primeira filla do seu segundo matrimonio. Con apenas dous meses, esta nena será soterrada no cemiterio desta parroquia.

Panteón de J.M. Míguez Alonso.

Panteón de J.M. Míguez Alonso. / Anxo Coya*

Nese mesmo ano de 1869 aparece domiciliado en San Andrés do Hío, onde o párroco D. Juan Manuel Míguez Alonso, vello coñecido de seu pai polas obras que nesta parroquia levara a cabo, quería erguer un Cruceiro para devoción dos veciños. Non teño atopado documento ou contrato que acredite que Ignacio Cerviño foi o elixido polo párroco para realizar a que sería a súa obra emblemática e de gran proxección popular; pero si consta que residiu na parroquia do Hío de 1869 a 1872, anos da elaboración do Cruceiro, sen que exista noticia algunha da existencia doutro escultor vivindo aquí neses anos.

Crónica da defunción de Ignacio Cerviño.

Crónica da defunción de Ignacio Cerviño. / Anxo Coya*

Neste tempo Ignacio Cerviño aparece convivindo como un veciño máis, que merece confianza e respecto. Era o 27 de Novembro de 1869 cando Ignacio asina como testemuña da entrega dunha cantidade de diñeiro ao mestre albanel Juan Iglesias polos traballos realizados na Casa Reitoral. Igualmente asina outro documento o 11 de setembro de 1871, tamén como testemuña pola compra dun terreo por parte dun veciño da parroquia que vivía preto do seu taller. Ignacio Cerviño trasladou a súa familia a O Hío, é dicir, a súa muller Josefa e a Casimiro, o fillo que tivo coa súa primeira esposa Ramona, en Madrid, que na chegada a O Hío contaría con 7 anos. Confirman esta situación os datos do bautismo no Hío da filla María Carmen Remedios, o 2 de abril de 1872, segundo consta no libro de bautizados desta parroquia. É o ano da colocación do Cruceiro, segundo nos acredita O Esmoleiro, obra tamén de Ignacio, e esta coincidencia debe terse en conta. A partida de nacemento desta nena é concisa e esclarece a estadía do escultor estando domiciliado no Igrexario do Hío: /...compareció Ygnacio Cerviño natural de Santa María de Aguas Santas distrito de Caldas de Reyes, Provincia de Pontevedra, mayor de edad, Casado, Escultor, domiciliado en la Parroquia de Hío lugar de Yglesario.....Que dicha niña nació en la Casa del declarante.../

Segundo o relatorio anterior, que facía Ignacio Cerviño vivindo aquí?... A que se dedicaba? Desa época non se lle coñece obra algunha. E de súpeto o Cruceiro é unha realidade a partir de 1872 e, concluída esta obra, trasládase a vivir a Cangas, onde cumprirá varios contratos.

Para estudar o seu legado no Hío debo referirme aínda a tres esculturas graníticas, que, coa debida cautela, deben ser atribuídas a Ignacio Cerviño, porque se labraron no tempo das súas estadías aquí, mentres acompañaba a seu pai, que tiña o contrato de acondicionar o interior da ampliación da igrexa, co retablo da capela maior e, posteriormente, a construción da bóveda da nave. Estas tres obras son o Reloxo de sol, a Crucifixión e a Fe. Do reloxo xa demos conta na primeira parte deste artigo. A Fe e a Crucifixión contémplanse hoxe fóra da súa posición orixinal, xa que pertenceron a un panteón do crego Juan Manuel Míguez no que serían soterrados o seu corpo e o de outros familiares. O mausoleo hoxe está desaparecido mais temos constancia del nunha fermosa estampa que atopei despois dun coidadoso pescuda por revistas e xornais en busca de documentación gráfica referente a esta parroquia. Nela tamén se observa a situación orixinal deste mausoleo e do Esmoleiro, formando un conxunto escultórico excepcional, todas da man e intelixencia de Ignacio Cerviño.

A Crucifixión é un conxunto escultórico con tres figuras de vulto redondo, aínda que as tres emerxen do mesmo bloque de pedra: o Crucificado, a Virxe María e San Xoán. Escribiu Alfonso Fernández Sotelo en “Más presencia de Ignacio Cerviño”(2012) que “este grupo constituye la expresión de un ejercicio de paciencia casi sobre humana, que nos conduce al autor del Cruceiro, donde este ejercicio es casi imposible de calcular y valorar”.

A Fe é unha figura sedente, que pode considerarse ben executada, pero sen maior interese artístico, na opinión do mesmo autor. Existen varios panteóns no concello de Ponteareas nos que o escultor repite esta escultura. O mausoleo é anterior a 1875, porque neste ano utilizouse por primeira vez cos restos mortais do seu cuñado Manuel Míguez y Pazos.

Da permanencia de Ignacio Cerviño e dos seus traballos en Cangas xa deu conta Eugenio Eiroa, Estanislao Fernández de la Cigoña en Cerviño contra Cerviño (2013), E. Alfonso Fernández Sotelo, Calros Solla e outros, e eu mesmo recordeino no meu traballo das Actas do V , VIII e XI Congreso Galego de Cruceiros (2013, 2016 e 2022). Por iso, só debo recordar a testemuña do seu empadroamento, onde se recolle a súa orixe, oficio e residencia: “Ygnacio Cerviño y Quinteiro, natural de Sta. María de Aguasantas, de oficio escultor, residente en esta villa hace dos años, solicitando se le empadrone como vecino”. A filla que nacera no Hío tamén foi sepultada en Cangas con menos de catro meses. Por estas datas, entre os anos 1872 e principios de 1875, tendo o seu taller en Cangas, foi artífice de moitas obras, como: o panteón de Joaquín Francisco Graña Rodal “O Ranqueta”, varios pasos procesionais da Semana Santa desta vila, os panteóns de Joaquín Acuña ou o de Joaquín Romero y Bedoya, sendo este o señor do Pazo de Vistalegre en Aldán. Asemade, nesta parroquia podemos atribuírlle o panteón da familia Graña Gamallo e unha fermosa Virxe da Inmaculada Concepción, moi habitual no seu legado. Foi o artífice da bóveda da igrexa parroquial de Coiro, datada no 1887.

Se somos honestos, por lóxica e pola documentación acreditada, a conclusión da paternidade do Cruceiro do Hío e un amplo legado de obras espalladas por distintas e distantes localidades debe ser adxudicada firme e contundentemente a favor de Ignacio Cerviño Quinteiro, pois a estadía de Ignacio no Hío coincide coa execución deste fermoso monumento.

O seu pasamento aconteceu no Porriño o 28 de outubro de 1905 e foi atopado polo investigador E. Alfonso Fernández Sotelo gracias a unha conversa que tivo nos anos 60 na parroquia de San Fins de Celeiros (Ponteareas) con un vello canteiro portugués que lle acreditou oralmente que o seu mestre fora Celestino Gesteira e que o mestre deste fixera un fermoso cruceiro no Hío e que se chamaba Ignacio Cerviño. Un xornalista da época tivo a dignidade de honrar ao Mestre Cerviño cunha crónica da súa defunción que nos achega a magnitude, intelixencia e habelencia dun home venerable. Nela podemos ler: / Anteayer fué conducido á la última morada, el conocido e inteligente escultor en piedra y madera, D. Ignacio Cerviño, del que muy pocos serán los pueblos y parrquias en que no quede alguna obra ejecutada por el mismo. El conocido artista después de tantos trabajos, baja al sepulcro á los setenta y siete años y casi pobre.La conducción del cadaver al Cementerio, fué una verdadera manifestación de duelo, habiendo asistido además del Centro obrero, todo el pueblo en masa, dando así una prueba al finado artista, que no solo supo captarse las simpatías de esta provincia, sino que su nombre llegó hasta la República Argentina, á donde no pudo ir como era su deseo, por sus achaques y avanzada edad. Dios le haya acogido en su seno./

Dicía o investigador Eugenio Eiroa Hermo, promotor da autoría do Cruceiro do Hío a prol de Ignacio Cerviño: “En historia hay que dejarse de historias...”.

Aquí rematamos este traballo, facendo fincapé nas estadías deste escultor no Hío, parroquia na que a veciñanza reclama un monumento con placa informativa na memoria do mellor escultor galego do s. XIX, Ignacio Cerviño Quinteiro.

O mestre Cerviño entre nós (I)

Anxo Coya* / Anxo Coya*

*Veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019

Suscríbete para seguir leyendo