O 150 aniversario do Cruceiro do Hío. A historia dunha obra emblemática

O mestre Cerviño entre nós (I)

O investigador Anxo Coya achega unha nova colaboración sobre o autor do Cruceiro do Hío no 150 aniversario da súa inauguración

Detalle da folla para o alistamento dos mozos da parroquia de Agusantas, na que figura o nome de Ignacio Cerviño (en cuarto lugar) como fillo de Antonio y María Quinteiro.

Detalle da folla para o alistamento dos mozos da parroquia de Agusantas, na que figura o nome de Ignacio Cerviño (en cuarto lugar) como fillo de Antonio y María Quinteiro. / Anxo Coya*

Anxo Coya*

Na memoria do investigador Eugenio Eiroa Hermo.

O Cruceiro do Hío, nunha imaxe do ano 1909.   | // VIDA GALLEGA

O Cruceiro do Hío, nunha imaxe do ano 1909. | VIDA GALLEGA / Anxo Coya*

É tradición que o Mestre Cerviño foi o artífice do Cruceiro do Hío e nalgún momento do pasado identificouse co mestre canteiro José Cerviño García ( A Pena, Aguasantas, Cerdedo/Cotobade, 23/05/1843 – 04/01/1922), que neste ano cumpre un século do seu pasamento e que foi recoñecido popularmente como Pepe da Pena. Mais, ata o día de hoxe, non está documentado que este mestre canteiro estivese na parroquia do Hío e tampouco en Ponteareas, concello onde o legado do Mestre Cerviño amósase con grande interese e valor artístico.

Base da Casa do Casal na que estaba o reloxo de sol. | // A.C.

Base da Casa do Casal na que estaba o reloxo de sol. | A.C. / Anxo Coya*

Neste ano de 2022 e celebrándose o 150 aniversario da erección do Cruceiro do Hío, queremos fortalecer e apontoar con documentación firme, quen foi realmente o Mestre Cerviño, pois somos da opinión que esta figura se corresponde coa persoa de Ignacio Cerviño Quinteiro (Peroselo, Aguasantas, Cerdedo/Cotobade, 14/06/1834–O Porriño, 28/10/1905). As probas máis consistentes para identificar ao Mestre Cerviño, deben basearse na procura de papeis que avalen con rigor a presenza de ambos candidatos á paternidade do Cruceiro do Hío.

O reloxo de sol na actualidade, na igrexa do Hío.   | //A.C.

O reloxo de sol na actualidade, na igrexa do Hío. | A.C. / Anxo Coya*

Ignacio Cerviño no Hío.

O investigador Arturo Sánchez Cidrás ten documentado a presenza do mestre de cantería e veciño de Aguasantas Antonio Cerviño, pai de Ignacio Cerviño, traballando en 1850 nunhas obras da igrexa e adro parroquial de San Martiño de Bueu. Antonio Cerviño tivo problemas co crego Joaquín González para cobrar as obras na súa totalidade. Foi entón cando o mestre canteiro reclamou ao alcalde de Bueu Juan Lobera, a súa intervención para poder cobrar o importe das obras realizadas. Contaría Ignacio con 16 anos. Naquel tempo os mozos desta idade xa traballaban arreo, e máis en oficios como o de canteiro, polo que pensamos que Ignacio xa traballaba co seu pai.

Unha imaxe do reloxo na que se aprecia a data 1854.  | //

Unha imaxe do reloxo na que se aprecia a data 1854. | / Anxo Coya*

A seguinte obra documentada de Antonio é a conclusión da bóveda da igrexa parroquial de Aguasantas. Esta obra está asinada en 1851 por Antonio na propia bóveda e na que se pode ver: “AÑO D 1851 ABAD LDO. DN. JBO JOSE MA. BARRERA MRO. ANTO. CERVIÑO” (AÑO DE 1851 ABAD LICENCIADO DON JACOBO JOSÉ MARÍA BARRERA MAESTRO ANTONIO CERVIÑO). É moi posible que Antonio tivese un equipo de traballo en Aguasantas e outro na obra de Bueu pola coincidencia das datas en ámbalas construcións.

O 19 de xullo de 1852, sae á poxa a construción da bóveda central da igrexa parroquial do Hío e outras obras contractuais que serían adxudicadas ao dito Antonio Cerviño. Tres meses despois, o 19 de outubro, Antonio firma o contrato desta obra, e faino sendo o contratante o crego do Hío don Juan Manuel Míguez Alonso, o mesmo que, anos máis tarde, manda facer o Cruceiro do Hío. Dá fe deste acontecemento o notario José Benito de Arís. Contaría entón Ignacio Cerviño con 18 anos e estaría axudando ao seu pai nesta obra, que, segundo expertos no oficio da cantería, a duración estimada da mesma, valorando a ferramenta e métodos para traballar naquel tempo, podería acadar os tres anos. Polo que nos situamos no ano 1855.

Á canda esta obra somos quen de documentar unha obra de considerable envergadura na igrexa parroquial de Santo André de Valongo, parroquia limítrofe coa de Aguasantas. Isto acreditaría que Antonio tiña máis dun equipo de canteiros traballando en lugares distintos. Contaría Ignacio entón con vinte anos, idade que implicaría a súa obriga de cumprir co servizo militar. Ignacio era o único varón dos seis fillos de Antonio Cerviño e de María Quinteiro. O noso protagonista aparece no alistamento de mozos de Aguasantas que deben incorporarse ao servizo militar. Mais, existía a posibilidade de evadirse de tal obriga. Así que Antonio acudiu no nome de seu fillo e reclamou a exención do servizo militar para Ignacio.

Achegamos parte do texto do expediente de reclamación, no que Antonio alegou o seguinte: “/ ...Ygnacio Cerviño de Antº (Antonio) y (María) Quinteiro de Aguastas (Aguasantas) auste (ausente) en Cangas segn dixo su Padre; y pide se le excluya como hijo unico de Padre enfermo a quien asiste; lo que está pronto a justificar ademas de lo q. resulte del reconocimto (reconocimiento) q. pide se le haga..../”.

Para xustificar aínda máis a posible exención de Ignacio Cerviño do servizo militar, seu pai presentou varias testemuñas, entre eles a Francisco Antas, que declara o seguinte: “/ ... que el Ygnº (Ignacio) es en un todo obedte (obediente) y sumiso a su Padre, entregándole todo el prodto (producto) de su trabajo: que sabe es el Antonio quebrado, pero si bien con mucho trabajo se dedica a la continua a toda clase de trabajos, a escepción de que no puede marrear y andar a la parihuela, añadiendo ser maestro de cantería.../”.

Polo tanto, temos a un Antonio totalmente impedido pois no dito expediente certifícase padecer unha hernia escrotal,unha minusvalía de consideración que impide exercer as labores físicas de canteiro. Sabemos tamén que Ignacio Cerviño na data deste documento, xaneiro de 1855, atopábase en Cangas, polo que relacionamos a súa estadía coa construción da bóveda da igrexa parroquial do Hío. O expediente conclúe coa exclusión de cumprir coa obriga do servizo militar. Deducimos entón que Ignacio estivo nunha primeira estadía no Hío entre 1852 e 1855. Este feito incrementa a posibilidade de que sexa o autor de varias obras nesta parroquia que serán predecesoras da labra do Cruceiro do Hío.

Na bóveda que seu pai edificou nesta igrexa parroquial atópanse varias figuras, que podemos atribuír ao cicel do noso protagonista. Asemade, na cornixa da mencionada igrexa do Hío que dá ao sur e á caída do campanario, luce un reloxo de sol que tamén pertence á habelencia de Ignacio Cerviño. A fotografía que expón Ramón Otero Pedrayo na súa Historia de Galiza, 1979, tomo I, pax.727, documenta esta escultura no 1854, pois esta data aparece labrada nunha peza independente de granito que se atopaba na parte superior da base do reloxo, e que debeu esnaquizarse cando este caeu no 1954. Recollemos oralmente que este suceso aconteceu coincidindo coa celebración da chegada do equipo cinematográfico que chegou ata o Hío para gravar unha secuencia da película Viento del Norte.

Outros informantes aseguran que o acto que se ía celebrar era unha actividade evanxelizadora dos misioneiros (coñecida como misión ). Dunha ou doutra maneira a información oral coincide coa colocación dunha coroa floral que penduraba dende a balconada da casa que se atopa pola parte sur do adro ata o citado reloxo. Dise que ao pasar o auto co material cinematográfico este enganchou no arame ou corda que estaba amarrada aos dos dous extremos, cedendo así o reloxo por ser máis débil. A caída da escultura feriu a unha veciña de Nerga. A peza onde se atopaba gravado o ano de 1854, debeu quedar feita anacos e non se conservou. Un reloxo semellante existía en Cotobade, atendendo a testemuñas orais, e que remataba a cornixa que dá máis ao sur da vertente do cume da Casa do Casal de Peroselo onde naceu e viviu Ignacio Cerviño. Alí aínda se atopa unha base onde estaría o reloxo.

O mestre Cerviño entre nós (I)

O mestre Cerviño entre nós (I) / Anxo Coya*

*Veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019

Suscríbete para seguir leyendo