Así son as fotos rescatadas polo IES Politécnico De Vigo para dar vida a nosa historia este curso

Os enfermos que ían sanar a Lanzada, os "avós do mar" que ían pescar ao Gran Sol ou as mestras que non puideron ensinar o galego son só algunhas das testemuñas recollidas polo alumnado para o proxecto Á lus da Candeira, celebrado no marco de “Ponte... nas ondas!”

O Sanatorio da Lanzada. Fotografías recollidas por Antón Rodrigo Catalina (1º ESO A) para a radio escolar Onda Candeira.

O Sanatorio da Lanzada. Fotografías recollidas por Antón Rodrigo Catalina (1º ESO A) para a radio escolar Onda Candeira. / Radio escolar Onda Candeira

M.B

Á lus da Candeira. Este foi o nome elixido polo IES Politécnico de Vigo para o seu proxecto escolar de coñecemento, conservación e posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial galego. 

Unha iniciativa coa que se uniron á Rede de Centros “Ponte... nas ondas!” e que os mergullou nunha apaixónante aventura que incluíu a recollida, transcrición e difusión dos nosos contos, cantigas e adiviñas, ademais da recompilación de fotografías antigas na súa contorna máis próxima, coas que traballaron tanto a expresión escrita coa redacción de textos descritivos como a expresión oral coa creación de podcasts sobre as fotografías. 

O resultado final pode verse na web da radio escolar Onda Candeira, onde todos os interesados poderán gozar dun abraiante paseo polo noso pasado, con máis de 150 traballos realizados polo alumnado, entre os que se atopan recollidas 54 tradicións orais diferentes, e mais 60 fotografías anteriores a 1970, ademais de 4 podcasts radiofónicos. 

Para Kike Estévez, titor e mestre de Galego no IES Politécnico de Vigo, iniciativas como estas serven pata impulsar a conexión interxeracional ao tempo que se evita que se perda a nosa tradición oral e o noso patrimonio inmaterial

“Para moitos deles, foi a primeira vez que escoitaban aos seus avós contarlle un conto en galego e eles encantados porque atoparon historias e anécdotas moi interesantes entre as súas propias familias”, describe o mestre para pór especialmente en valor ese “tempiño extra xuntos” que os rapaces pasaron cos seus maiores grazas á iniciativa. 

Velaquí vai só unha mostra das abraiantes fotografías rescatadas polos estudantes: 

O avó do mar

O avó do mar. Fotografía recollida por Andrés Iglesias Domeque (2º BACH A) para a radio escolar Radio Escolar Onda Candeira no marco de Ponte nas Ondas. / Radio Escolar Onda Candeira.

"O avó do mar"

Andrés Iglesias Domeque (2º BACH A)

Meu bisavó é chamado na casa "O avó do mar" porque ía pescar ao Gran Sol, un caladoiro preto das illas Británicas. Dalgún xeito os seus fillos herdaron a paixón pola pesca. Meu avó Eduardo pescou dende sempre, nunha barca de remos, pescaba o que caía e se podía algo de marisco, ía na "Nicanora", que nin el sabe por que lle chama así. No centro desta fotografía atópase o meu avó Eduardo (camisola branca) levantando cun arpón unha quenlla. Dentro do barco está o seu irmán Pepe agarrando a cola dunha das quenllas que pescaron. Remataba o concurso da pesca do tiburón no cal tiñan que navegar mar adentro ao redor de 6 millas dende as Illas Cíes. Coma cebo utilizaban sardiñas e tamén sangue e vísceras de animais (el chámalle "saque"). As quenllas que pescaba non eran pequenas: ata 3 metros e 80 kilos. Pescábanse con canas con liña, tiñan unha preparación especial. Usábase corda en lugar de tanza e os anzois eran de aceiro. Entrambas cousas polo menos metro e medio de cable de aceiro, para que cando picase a quenlla non puidese trincar a corda. Gañaron xuntos varios trofeos que aínda garda no seu salón o meu avó.

"A mestra de San Cibrán". Foto recollida por  Daniel Calero del Valle (1º ESO A) para a radio escolar Onda Candeira

"A mestra de San Cibrán". Foto recollida por Daniel Calero del Valle (1º ESO A) para a radio escolar Onda Candeira / Onda Candeira

A mestra de San Cibrán

Daniel Calero del Valle (1º ESO A)

Luz Iglesias que é a miña veciña e amiga da familia vai contarnos a historia dunha foto moi antiga. Esta foto é da escola unitaria de nenas en San Cibrán (Concello de Gondomar), na que podemos ver unha clase coa profesora que era a nai de Luz e as súas alumnas de costas, tamén vemos unha foto de Franco e símbolos relixiosos, que daquela eran obrigatorios en todas as clases.  

A mestra chamábase Luz Herrero e estivo nesa escola dende 1934 ata 1975, data na que comezou a dar clases no Colexio Fleming de Vigo. Na Guerra Civíl requisáronlle os libros da biblioteca, aínda que algún conseguíu agochalo e hoxe os conserva a súa filla.

Chámame moito a atención que as clases non eran mixtas, separábanas por nenas e nenos. Nesa época as nenas escribían con pluma e tinta, por eso os pupitres tiñan un oco para a tinta, e ademais cada nena tiña súa lousa como libreta para anotar cousas.

No franquismo era obrigatorio falar en castelán e non se podía falar galego na escola.

A foto ten un valor cultural e histórico porque amosa a educación daqueles anos.

O Sanatorio da Lanzada. Fotografías recollidas por Antón Rodrigo Catalina (1º ESO A) para a radio escolar Onda Candeira

O Sanatorio da Lanzada. Fotografías recollidas por Antón Rodrigo Catalina (1º ESO A) para a radio escolar Onda Candeira / Radio escolar Onda Candeira

radio escolar Onda Candeira

O Sanatorio da Lanzada. Fotografías recollidas por Antón Rodrigo Catalina (1º ESO A) para a radio escolar Onda Candeira / Radio escolar Onda Candeira

O Sanatorio da Lanzada

Antón Rodrigo Catalina (1º ESO A)

Na primeira foto vese uns enfermos nas súas camas no exterior do Sanatorio da Lanzada, no que tamén estaba o meu bisavó, o 7 de setembro de 1940 ;e estaban alí porque naquela época había moita tuberculose e alí internaban aos pacientes desta doenza, salvo o meu bisavó, que acabara alí porque se fixera unha ferida xogando ao fútbol que, como non curara ben, se lle infectara varias veces. Como se pode ver, os enfermos eran sacados fóra, á praia, para tomar o aire fresco, pois a tuberculose era unha enfermidade que afectaba moito os pulmóns. O Sanatorio estaba diante da praia da Lanzada, onde os pacientes tiñan unhas moi boas vistas do areal e do mar.

Na segunda foto vese o meu bisavó na terraza posando para a foto e na terceira está cun grupo de compañeiros do hospital, cada un deles portando unha guitarra, agás un, que porta un clarinete. O meu bisavó contaba que naquela mesma terraza aprendera a tocar a guitarra co seu, posteriormente, profesor de música.