O noso legado bota raíces na escola

‘Old… pero así de old?’

As escolas fomentan a recuperación do patrimonio inmaterial e as relacións cos maiores como ferramenta para a educación integral: “Medrar sen identidade e sen diálogo xeracional representa una eiva importante no desenvolvemento das persoas”

O ‘Concurso de receitas tradicionais’ do colexio Jesuitinas rematou cunha comida cos avós nas instalacións do centro.

O ‘Concurso de receitas tradicionais’ do colexio Jesuitinas rematou cunha comida cos avós nas instalacións do centro. / Faro

Vigo

Bastou unha pregunta: “Old… pero así de old?” (Vello… pero así de vello?), para que milleiros de usuarios inundasen as redes sociais con imaxes do seu pasado. E pode que o éxito deste trend non precise do algoritmo para ser entendido: a nosa historia motívanos como sociedade e todos precisamos de recordos individuais e colectivos para saber quen somos

Identidade, comunidade, sentido de pertenza, memoria e solidariedade son só algunhas das necesidades humanas ás que responde a existencia das tradicións culturais, que nos axudan tamén a construír pontes entre xeracións, entender o noso lugar no mundo, dotarnos de ferramentas precisas para a vida e mesmo atopar fortaleza en tempos difíciles

Un contexto no que a escola pode xogar — e en moitos casos está xogando xa— un papel chave, non só á hora de recuperar e dar a coñecer as lendas e efemérides que compoñen a nosa idiosincrasia, senón tamén con actividades que fomentan o diálogo entre avós e netos, pais e fillos, tíos e sobriños, veciños. 

Conectar cos outros dá sentido ás nosas vidas

“Un dos problemas de hoxe é que estamos sós estando xuntos”, comparte o psiquiatra Alexandre García Caballero, para quen “desde o punto de vista da nosa saúde mental, conectar cos outros funciona como unha estratexia de prevención ao dotar de sentido as nosas vidas”.

“Nunha sociedade na que moitas relacións se mercantilizan”, reflexiona o experto, son “as cousas que non se poden comprar con diñeiro as que dan valor e significado ás nosas vidas”. “As relacións de coidado mutuo cos nosos maiores que potencian as tradicións son sen dúbida unha desas cousas”, conclúe Caballero, que, iso si, cita ao sociólogo estadounidense David Riesman para diferenciar entre esa tradición “que non hai tanto tempo coartaba o libre desenvolvemento das persoas”; e as tradicións culturais, que “nos dan amparo, colócannos no mundo e ofrécennos sentido de pertenza”.  

“Sen raíces non hai auténtica humanidade”

Pola súa banda e fronte ao esquema ilustrado que opón progreso e tradición como termos antagónicos, o mestre de Filosofía e escritor Miguel Vázquez Freire reivindica o legado da filósofa francesa Simone Weil e o seu ensaio L’Enracinement (O Enraizamiento) para pensar que: “Sen raíces, non hai auténtica humanidade”. “Simplificando moito”, engade Vázquez Freire, Weil puña en valor o feito de “construír en torno as nosas raíces fronte ao avance destrutor do seu tempo, na primeira metade do século XX”. 

Unha base sobre a que o autor se apoia para mirar á escola como salvagarda deses elementos que “están desaparecendo” e exemplificar co caso de mestres pioneiros que, como Bernardirno Graña, ou máis recentemente Antón Cortizas, lanzáronse a recuperar os contos da nosa tradición oral. “Tamén desde a materia de Filosofía temos que comprometernos coa recuperación de aquilo que ten que ver con ‘de onde vimos’ e sen o que non entenderemos onde queremos chegar”. 

Saberes para unha educación integral

“En lugar de sentírmonos como unha peza máis dunha nova tecnoloxía, as tradicións dinnos que somos un membro vivo dunha comunidade, que pode aportar moito, e recibir moito”, explica pola súa banda Xosé Manuel Cid, Decano da Facultade de Educación de Ourense, para quen “medrar sen identidade e sen diálogo interxeracional representa una eiva importante no desenvolvemento das persoas”. 

E aí, engade, teñen que estar a escola e a súa aposta pola “educación integral” para dotarnos de ferramentas emocionais e afectivas e outras habilidades chave para a vida, e compartir eses saberes herdados que nos permiten relacionarnos e nos transmiten seguridade. 

“Porque ademais poderíamos crer que os contos, os xogos, ou a música tradicional carecen de interese para a rapazada”, dinos Cid, pero basta con ir “ver o Celta a Balaídos e escoitar a Rianxeira” para darnos conta de que en moitos casos funciona xusto ao contrario.  

Unha das fotografías
gañadoras do VI Certame de fotografía de Ponte nas Ondas “Imaxes do patrimonio”. Na imaxe, o bisavó de Julio Fernández Gallega, máis coñecido por “O Xaneiro”, traballaba na fabricación de material agrícola en Talleres Melo, no Barco de Valdeorras.

Unha das fotografías
gañadoras do VI Certame de fotografía de Ponte nas Ondas “Imaxes do patrimonio”. Na imaxe, o bisavó de Julio Fernández Gallega, máis coñecido por “O Xaneiro”, traballaba na fabricación de material agrícola en Talleres Melo, no Barco de Valdeorras. / ponte nas ondas

Un exemplo paradigmático: ‘Ponte nas Ondas’

E como non ía ser así? Como non ían chamar a atención historias tan alucinantes coma a do irmán do bisavó da alumna Alexandra Pedreira, que foi perder unha gaita a Toledo na Guerra Civil para espertar a vocación de gaiteiro por España adiante; ou a da bisavoa Sira, de Marina González, que xa en 1940 daba conta de como no Carballiño as mulleres si sabían dar malleiras (aos polbos, claro). 

Ambas historias remítennos ás fotografías gañadoras do concurso “Imaxes do patrimonio”, co que a Asociación pioneira da radio educativa ‘Ponte nas Ondas!’ quere “descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico Patrimonio Cultural”. O certame cumpre seis anos retando aos estudantes de toda Galicia a buscar, xunto a súa familia, imaxes do pasado, e xa ten en marcha a sétima edición. Unha labor exemplar (e premiada pola UNESCO). E non é nin moito menos o único caso.

Un alumno do Eduardo Pondal disfrazado de merdeiro.

Un alumno do Eduardo Pondal disfrazado de merdeiro. / Faro

Merdeiros non os hai en Nova York...

Podemos ir a Tokio, a Nova York ou a París, que imos poder mercar uns Levi’s®, tomar unha Coca-Cola ou xogar á Nintendo; pero os merdeiros... Os merdeiros só os temos aquí. Coñecer o que nos diferencia é tamén, curiosamente, o que máis nos achega a outros porque cada pobo ten as súas propias costumes e tradicións, pero todos teñen unhas. 

“O noso patrimonio vivo é o que somos, é o que nos fai humanos e celebralo é compartir a humanidade”. Non o dicimos nós, dio a Rede de Escolas Asociadas á UNESCO (redPEA), que sitúa a recuperación do patrimonio inmaterial como camiño para “erixir os piares da paz” na mente de nenos e adolescentes. 

Por iso, na cooperativa de ensino do Colexio Eduardo Pondal de Cangas, cada vez que plantexan un contido curricular, un proxecto ou unha efeméride, teñen en conta o noso legado: no seu Samaín, o túnel do terror inspírase no ‘Bosque Animado’ de Wenceslao Fernández Flórez; na clase de ciencia, tiran de avós e avoas para coñecer polo miúdo a salgadura ou a matanza; e no Entroido rememoran as antigas liortas entre mariñeiros e agricultores na comarca.  

Ten claro a coordinadora do Equipo de EDNL do centro, Guiomar López, que neste tempo de globalización e individualismo, de “familias delgadiñas”, as tradicións culturais son un elemento a protexer “porque nos conectan coas xeracións que nos preceden”, “configuran a nosa identidade” e, sobre todo, poñen en valor “a comunidade e a pertenza ao grupo” e, por tanto, tamén “a solidariedade e os coidados”. Unha misión na que a escola exerce un papel cada día máis activo: “Na meirande parte dos casos, o rol daquelas tías, primos, veciños que pasaban pola nosas casas e funcionaban como relatores de lendas e contos está a desaparecer. Agora, recae cada vez máis na escola”. 

A asociación A Feira baila no CEIP Coutada - Beade.

A asociación A Feira baila no CEIP Coutada - Beade. / faro

Ranchos de Reis, paso a paso para non esquecer o noso pasado

“Estamos perdendo o noso patrimonio musical e etnográfico porque, malia que temos fotografías, non existen gravacións de audio ou vídeo daquelas épocas”, conta Teresa Alonso, mestra de Música do CEIP Coutada - Beade, onde este 10 de xaneiro pasárono en grande coñecendo e vendo en directo os Ranchos de Reis, un fermoso espectáculo e un baile típico en Salceda de Caselas que se perdeu nos anos 50 do pasado século. 

Fai uns anos que a asociación local A Feira empezou a recuperar esta danza, paso de baile a paso de baile, falando cos vellos das aldeas e agora amósano en centros escolares e festas de Concellos para que se manteña vivo a través de todos nós.

A Alonso case que lle sorprende a pregunta de por que cre que son importantes este tipo de iniciativas nos centros escolares:“Son as nosas raíces, non podemos deixar que se perdan”, responde o lóxico para dar testemuña de como as novas xeracións quedan gratamente sorprendidas cando se lles amosa o seu legado: “Os nenos divertíronse moito, gustoulles moito e estaban atentísimos”.

Comida tras o certame de receitas en Jesuitinas.

Comida tras o certame de receitas en Jesuitinas. / faro

Tixolas para viaxar no tempo

Canta xente pagaría por ter esa receita da infancia que intentou replicar cen mil veces sen atopar o ingrediente secreto: “Non consigo que me saia igual”. Por iso, os vencedores do ‘Concurso de cociña de receitas tradicionais’ do Colexio Jesuitinas Miralba de Vigo gañaron moito máis ca un premio. Pode que aínda non o saiban, pero cando Diego e Claudia Alonso ou Abril Freire fagan o “Roti de porco con salsa de laranxa” ou as “Magdalenas” das súas respectivas avoas xa de maiores, entenderán por que nada evoca máis e mellor os recordos que os aromas da infancia. As receitas da casa son un refuxio, unha máquina do tempo capaz de transportarnos sempre que queiramos a momentos tan felices coma o propio final deste certame, que rematou do mellor xeito posible: cunha comida nas instalacións do centro educativo onde máis de 30 familias — alumnos, pais e avós— xuntáronse para compartir e degustar o menú gañador. O resultado foi tan bo que xa están a pensar en repetilo. 

Celebración dos Maios no CPR Bouza Brey.

Celebración dos Maios no CPR Bouza Brey. / faro

Retranqueiros como Os Maios

“A nosa profe de Galego/ encántanlle os esquemas/ sempre que explica algo/ xa ten a lousa chea”. Se como di a xefa de estudos do CPR Bouza Brey, Teresa Lemos, “o que somos agora explícase en parte polo noso pasado”, entón pode que o espírito retranqueiro dos galegos teña algo que ver coas coplas dos Maios. 

Que llo digan, se non, aos alumnos deste centro vigués, que o ano pasado gozaron celebrando esta festa de benvida á estación da natureza, creando as súas propias esculturas vexetais e elaborando os seus versos satíricos, nos que aproveitaron para axustar contas cos profes e mesmo llos foron cantar aos maiores da Asociación Agarimo. 

“Recordo de pequena a batalla de frores nas rúas. Esas cousas van perdéndose, polo menos nas cidades. Eu véxoo no meu fillo”, relata a mestra para despedirse: “Desde os centros temos a oportunidade de salvagardar as tradicións, poñelas en valor para que non se nos esquezan. Temos que intentar non deixalas atrás”.