Un coro de récord canta na capital de Galicia 'Grândola, Vila Morena'

Preto dun milleiro de persoas reuníronse onte na Praza da Música para interpretar de forma coral o himno da Revolución dos Caraveis

Organizouse no mesmo escenario onde tivo lugar, en 1972, a primeira presentación pública da histórica canción de ‘Zeca’ Afonso

O arrecendo en Galicia da Revolución dos Caraveis

Máis dun milleiro de persoas entonan na capital de Galicia o himno da Revolución dos Caraveis

Jacobo Táboas

Como parte das actividades en conmemoración do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, a praza da Música en Compostela acolleu este xoves a celebración dun canto colectivo de Grândola, Vila Morena, a composición de José ‘Zeca’ Afonso que se convertiu no himno indiscutible do levantamento en Portugal contra a dictadura do réxime de António de Oliveira Salazar.

Esta interpretación coral, na que participaron preto de 1.000 persoas, organizouse no mesmo escenario onde tivo lugar a súa primeira presentación pública, en 1972, no marco dun concerto promovido polo estudantado da USC nos terreos que daquela ocupaba o pavillón do Burgo das Nacións.

Esta iniciativa encádrase no programa de conmemoracións que o Concello de Santiago organizou na cidade como “homenaxe ao 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, o movemento pacífico que puxo fin á ditadura salazarista e supuxo a volta da democracia a Portugal”, indicaron dende Raxoi, ao tempo que destacaron que na convocatoria que o Auditorio de Galicia lanzou á cidadanía para participar no cantar colectivo de Grândola, Vila Morena, inscribíronse máis de 900 persoas.