Cinema 25-A

A Revolución nas pantallas

Fotograma de "Capitães de abril" (Maria  de Medeiros,2000).

Fotograma de "Capitães de abril" (Maria de Medeiros,2000). / FDV

Héctor Paz Otero

Na madrugada do 24 de abril de 1974, a iso das 00:25 da noite, a Rádio Renascença transmitía a canción de José Afonso “Grândola, vila morena”, cuxa difusión estaba prohibida: era o sinal pactado polo Movemento das Forzas Armadas (MFA) para ocupar os puntos chave do país. A revolución triunfou con suma rapidez, acabando así con case cincuenta anos dun réxime ditatorial. O impacto deste acontecemento no seo da sociedade española non puido ser máis demoledor. Estabamos ante unha revolución moi próxima xeograficamente, certo, pero tamén e sobre todo emocionalmente, polo que tiña de materialización dun desexo propio que, na fase de esmorecemento do franquismo, semellaba estar cada vez máis preto.

Enfrontarse ao pasado pode supoñer, en ocasións, fitar un trauma, normalmente cunha intencionalidade reparadora; coñecer que pasou para aplicar unha terapia. Unha revolución que contou cun elemento tan icónico como o caravel —a flor que lle entregou unha camareira a un soldado que lle rogara tabaco e este colocou no fusil— non podía permanecer allea á materialización fílmica. Son varios os exemplos de recreación cinematográfica deste acontecer, aínda que, debido a cuestións de perspectiva e distanciamento, tardaron en concretarse. Case doce anos despois, João Botelho rodaba Um Adeus português (1986), a primeira longametraxe de ficción sobre estes acontecementos, aínda que dunha forma indirecta, xa que o filme se centra no descontento que as guerras coloniais foran suscitar entre as forzas armadas. Catro anos despois, en 1990, o excelso Manoel de Oliveira achegaba a súa mirada con Non, ou a vã glória de mandar para falar da identidade portuguesa a partir da revolución do 25 de abril en relación con outros acontecementos bélicos anteriores. A actriz e realizadora María de Medeiros tamén quixo deixar a súa ollada con Capitães de abril (2000), concentrando a trama nos días decisivos do levantamento, entre o 24 e o 26 de abril, a partir da figura de Salgueiro Maia, un dos militares que lideraron a Revolución. Desde Italia, Maurizio Sciarra aportou unha visión externa con Alla rivoluzione sulla due cavalli (en español, A la revolución en un dos caballos, 2001), unha especie de road movie na que un mozo italiano e outro portugués viaxan nun Citröen cor amarela desde París a Lisboa cando coñecen as primeiras novas do que está a acontecer en Portugal. En Cavalo dinheiro (2014), Pedro Costa realiza a aportación estilisticamente máis innovadora e radical. Narrada desde o punto de vista de Ventura, un inmigrante de Cabo Verde que se atopaba en Lisboa os días que o exército tomou as rúas, o filme rompe coa idealización que sempre acompañou este proceso revolucionario.

No apartado documental, agás As armas e o povo (1974) e Bom Povo Portuguès (1981), as representacións máis emblemáticas atopámolas pasadas varias décadas, como é o caso de Outro país: memórias, sonhos, ilusões, no que Sérgio Tréfaut utiliza imaxes de arquivo para construír unha historia que conta coas testemuñas de Sebastião Salgado, Robert Kramer, Thomas Harlan ou Glauber Rocha, entre outros. Pola súa conta, José Filipe Costa filmaba Prazer Camaradas! (2019) para abordar o tema das cooperativas rurais que se crearon en Portugal despois da Revolución, e como numerosos ingleses e alemáns se achegaron para participaren activamente nestes proxectos, pero moitas dos costumes que traían consigo acabaron por provocar certos conflitos cos veciños naturais da zona.

A Revolución do 25 de abril de 1974 conta, de certo, con todos os ingredientes para tornarse “filmable”: xa visuais (o vermello do caravel en contraste co verde desgastado dos uniformes militares); sonoros (a canción de “Grândola, vila morena”), e por suposto narrativos, con ese detonante que enterra unha ditadura e abre un novo horizonte cara á democracia.

Cinema 25-A

Fotograma do documental "As armas e o povo" (1974). / FDV

As armas e o povo

Entre o vindeiro 1 e 5 de maio, vaise celebrar en Tui unha nova edición do Festival de Cine Documental Play-Doc. Neste certame, os programadores tiveron a ben proxectar un dos documentais máis fascinantes sobre a Revolución do 25 de abril: As armas e o povo (1974). Trátase dunha peza, asinada polo Colectivo de Traballadores da Actividade Cinematográfica, que recolle imaxes daqueles días, desde o 25 de abril de 1974 ata o 1 de maio, día do traballador. Na filmación participaron varios realizadores portugueses aos que logo se uniría o cineasta brasileiro Glauber Rocha. A copia que vai ser proxectada no Play-doc o vindeiro 4 de maio é froito dun proceso de dixitalización 4K do negativo orixinal de 35 mm, así como tamén o son, que tomou como referencia unha copia da época para ser dixitalizado.

O inicio do documental, cun fondo totalmente vermello acompañado da canción de José Afonso, dá paso a outra imaxe en negro na que irrompe a palabra para pronunciar un manifesto sobre a liberdade: “Franco foi un dos mellores aliados de Salazar”, sinala a voz en off. A partir de aquí, imaxes do real cargadas dunha veracidade crúa, despoxadas de calquera indicio de artificiosidade, con testemuñas a pé de rúa totalmente improvisadas e directas. En definitiva, un documental colectivo feito polo pobo e para o pobo.

Suscríbete para seguir leyendo