Unha comedia para cumprir un soño

A agrupación de teatro da ONCE en Vigo estrea obra no Auditorio Municipal da cidade

O grupo de teatro “Setestrelo” da ONCE de Vigo.

O grupo de teatro “Setestrelo” da ONCE de Vigo. / Marta G. Brea

Mar Mato

Mar Mato

Hai catro meses era un soño, este xoves farano realidade: actuar case como compañía profesional de teatro no Auditorio Municipal de Vigo. A agrupación artística da ONCE “Setestrelo” ensaia arreo, traballa para que a partir das oito da tarde do día 18 as musas os acompañen na súa presentación oficial. As entradas, de balde, ata completar aforo.

Serán doce actores e actrices, dos que 10 son afiliados da organización nacional de cegos. E desa cifra, catro teñen algún resto de visión; o resto, son cegos.

“O elenco está moi concentrado. O mércores –por mañá– faremos todo o día unha residencia técnica e o xoves dende primeira hora estaremos metidos toda a xornada no auditorio municipal”, adianta Mónica Sueiro, directora da compañía.

A peza que levarán sobre as táboas é “‘Arroutada’, unha adaptación de ‘Os crimes exemplares’ de Max Aub. Son personaxes que caricaturizan a alta sociedade pero tamén a xente que pode matar por un arrebato”, engade Sueiro.

Crítica social

“A obra fai unha crítica social de certas actitudes nosas ante actitudes graves. Estamos nunha sociedade que fala de acadar a felicidade, de meditar, de ter saúde mental pero estamos atacadísimos. Todo nos afecta, estamos irascibles. Eu creo que estamos asustados”, reflexiona a creadora.

Pero que nos atemoriza? “Max Aub recolle estes crimes con personaxes que recoñecen que mataron pero ofrecen o seu punto de vista sen remordementos. Piden que se poñan no seu lugar. Sentímonos moi vulnerables nunha sociedade polarizada e egoísta. Calquera cousa nos afecta demasiado. É un comportamento humano cando temos medo, cando sentimos que nos poden sacar o noso lugar. Somos unha especie curiosa, como todas as especies invasivas”, engade.

O proxecto de Setestrelo comezou no ano 2019 e aos poucos medrou ata ter a súa presentación en sociedade este xoves. Será a primeira vez que actúen fóra do palco da ONCE. Será a primeira vez que se afrontarán a un público foráneo.

Rogelio Estévez, un dos actores, recoñece que “estamos con moita ilusión e gañas. Penso que vai ser un éxito. Estamos desexando que chegue o día”.

Un dos personaxes que interpretará é o de xuíz. Alén del, ofrecerá outras tres aparicións. Para Estévez, “é fundamental aumentar o ritmo de traballo, nunca se está suficientemente preparados”. Para el, “máis que nervios, temos inquietude polo nivel de responsabilidadade para que saia todo ben. Queremos traballar o mellor posible para non defraudar. O nivel de responsabilidade é a clave”.

Cabo del, atópase a actriz Sandra González cuxo personaxe será o de marquesa en distintas escenas. No seu caso, non é a primeira vez que faga teatro. “De tódolos xeitos, sempre é como se fora a primeira vez, sempre é un reto. Eu animaría á xente a que veña ver ‘Arroutada’ porque é unha comedia, poden pasar un rato divertido. É unha peza que xoga coa idea das mortes absurdas, o que te afasta da realidade e así facilita o ver as cousas dun xeito máis lúdico”, sinala.

“Nas diferentes escenas, iremos vendo a evolución dos personaxes. A obra serve para rir do proceso da morte ao tempo que se critica o feito de asasinar por un acto de ira”, sinala Sueiro.

Un autor en campos de concentración

“Os crimes exemplares” é unha obra de teatro asinada por Max Aub (París, 1903-México, 1972). O autor destacou por escribir teatro experimental. Ao rematar a Guerra Civil, intentou exiliarse en París tras apoiar a República pero foi detido.

Acabou en campos de concentración de Francia e do norte de África. Despois de tres anos e grazas a John dos Passos embarcou cara Mésico onde se gañou a vida como xornalista e no cinema.