O Día das Artes Galegas recae no 2025 en Díaz Pardo, chave da arte contemporánea

Recuperou a cerámica de Sargadelos e foi un dos elos entre os exiliados en América e Galicia

Creou o Laboratorio de Formas, Edicións do Castro e o Museo Carlos Maside

Isaac Díaz Pardo, na súa oficina, co seu arquivo.

Isaac Díaz Pardo, na súa oficina, co seu arquivo. / JUAN VARELA

Mar Mato

Mar Mato

Unha páxina enteira dun xornal ou un documental de hora e media non poden resumir o que significou e aínda significa Isaac Díaz Pardo para Galicia. Quizais para agradecerlle parte do legado ou para alumear o seu recordo entre as xeracións máis novas, onte á mañá a Real Academia Galega de Belas Artes anunciaba que no vindeiro ano 2025 a figura homenaxeada no Día das Artes Galegas –o 1 de abril– será el.

Cando finou en xaneiro de 2012, o seu biógrafo Xosé Ramón Fandiño calificouno como “unha torre de ética”; o exministro de Cultura César Antonio Molina –que propuxo outorgarlle a Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes– destacou que “reconstruíu a imaxe de Galicia no mundo”; o escritor Manuel Rivas indicou que “foi a célula nai do país”; Manuel Bragado resaltaba que “Galicia perdía o seu Leonardo do século XX”.

Para comprender a importancia deste grande intelectual e empresario, hai que lembrar que o seu primeiro nacemento foi no 1920 en Santiago, fillo do artista Camilo Díaz Baliño –que asinou algunhas das portadas máis belas de FARO DE VIGO– e de Antonia Pardo Méndez.Os dous eran de ideario anarquista e membros das Irmandades da Fala.

O seu segundo nacemento foi ao morrer seu pai, represaliado polos falanxistas en agosto de 1936 tras sacalo do cárcere. Baliño militaba no Partido Galeguista, formaba parte do Seminario de Estudos Galegos e deseñara o cartel que pedía o si no referendum a prol do Estatuto de Autonomía para Galicia do 36, unha campaña na que o propio Isaac se involucrou no taller elaborando catro carteis co pseudónimo de “Xalo”. Algúns, baixo as instrucións do propio Castelao.

Díaz Pardo. |   // CONSELLO DA CULTURA

Díaz Pardo. | // CONSELLO DA CULTURA / mar mato

Naquela altura, Díaz Pardo tiña 16 anos –militaba nas Xuventudes Socialistas Unilficadas– e xa acumulaba varios axudando a seu pai a pintar, acompañándoo en moitas das súas actividades. O mozoulo quedaría dous anos despois orfo de nai, a causa dun cancro, devastada tamén pola cruenta perda do seu marido que lle provocou a perda do xuízo.

Con esta base existencial, a xenreira podía converterse no seu motor de vida pero Isaac Díaz Pardo optou polo amor a Galicia. Tras permanecer agochado na Coruña, ingresou na Escuela de Bellas Artes de San Fernando.

Díaz Pardo chegou a expoñer en Londres, Barcelona e Madrid con grande éxito pero no 1948 abandonou a pintura pola cerámica para pór en marcha a Fábrica de Cerámicas do Castro, en Sada.

Xa casado con Carmen Arias de Castro “Mimina”, e instalados no pazo da familia dela en Sada, traballaron na industria cerámica, que se converteu nun éxito. Despois, crearon outra fábrica de cerámica en Arxentina.

Foi alí onde se reuniu con numerosos galeguistas exiliados e onde comezou a pensar con Seoane no rexurdimento da cultura galega a través dun proxecto amplo no que a reconstrución da fábrica de cerámica de Sargadelos en Lugo sería a base.

Desde os anos 60, con Seoane e Andrés Fernández-Albalat constituíu o Laboratorio de Formas de Galicia. O proxecto buscaba recuperar a identidade e memoria histórica galega –especialmente do galeguismo– tras máis de 30 anos sepultada no esquecemento pola ditadura.

Dese laboratorio, naceu a editorial Edicións do Castro que publicou máis dun milleiro de libros dende obras de arte a poesía, ensaio, narrativa, economía, teatro ou etnografía; ou o Museo Carlos Maside.Neste último, amosábanse obras de represaliados ou perseguidos polo franquismo como Maruja Mallo, Castelao, Seoane...

Sargadelos –da que foi apeado nos últimos anos nunha maniobra estrana– fixo que a cerámica de cor azul cobalto se convertese nun elemento identitario de Galicia aquí e no estranxeiro. A través da marca, fóronse recuperando e ampliando símbolos históricos para o país.

O seu legado: miles de libros, cartas, fotos e debuxos no Gaiás

Un dos símbolos de identidade de Galicia durante décadas foi a cerámica de Sargadelos. A académica Margarita Ledo ten resaltado que Isaac Díaz Pardo logrou que case non haxa casa en Galicia que careza dun elemento desta marca da época de Isaac. A través de figuras, vaixelas ou xoias deu a coñecer elementos da etnografía galega, pero tamén persoeiros clave da súa cultura.

Pero este non é o único legado de Isaac. Milleiros de libros, cartas, fotos e debuxos da súa vida, de seu pai e de galeguistas históricos foron gardados por el durante anos. Hoxe en día todo o paquete atópase custodiado na Cidade da Cultura. Quixo Isaac que ese legado recalase no Gaiás, o que non caeu moi ben na súa familia que buscaba outro emprazamento.