Investigadoras da USC crean un mapa dixital cos topónimos das cantigas profanas da lírica galego-portuguesa

A maioría dos lugares que se citan nestes textos aínda existen na actualidade, pero moitos deles teñen unha relevancia social moi diferente

Redacción

O Grupo de Investigación Románicas da Universidade de Santiago (USC) creou un mapa dixital con todos os topónimos que aparecen nas cantigas profanas medievais. Este recurso elaborouse no marco do proxecto “Lírica galego-portuguesa”, desenvolto no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. A cartografía é froito do traballo dun equipo dirixido pola catedrática de Filoloxía Románica Pilar Lorenzo Gradín, e no que participan a historiadora Mariña Bermúdez Beloso e as filólogas Carmen de Santiago e Helena Bermúdez. Esta ferramenta, denominada “Canticar”, presentouse onte no Centro Ramón Piñeiro, coa asistencia do secretario xeral da Lingua, Valentín García.

“Situamos no mapa todos os topónimos que os trobadores e xograres mencionaron nos seus textos. Ademais de completar o coñecemento existente sobre a toponimia medieval e descubrir o motivo polo cal uns lugares eran máis importantes ca outros, permítenos visualizar a transformación que foi experimentando o espazo ao longo do tempo, e tamén observar como determinadas vilas pasaron de ter unha gran relevancia a ir perdendo protagonismo desde a Idade Media ata os nosos días”, indicaron as investigadoras do proxecto.

Por outro lado, este recurso dixital achéganos as dimensións sociopolíticas nas que foron elaboradas as cantigas. “Non só se marcan os topónimos, senón que se reconstrúen as fronteiras dos diversos reinos que existían na península Ibérica; de feito, no mapa pode verse a evolución deses límites ao longo de todo o período trobadoresco”, sinalou Pilar Lorenzo.

As investigadoras explican que os topónimos elixidos polos trobadores e xograres teñen sempre un valor distintivo, xa que son empregados nos textos tanto en función do tema abordado como do xénero escollido. Así, o peso que ofrecen os nomes de lugar varía se se trata dunha cantiga de amor, de amigo ou de escarnio. “Por exemplo, as cantigas satíricas están máis ancoradas na realidade, polo que a toponimia ten unha presenza maior que nas cantigas de amor ou amigo, nas que o espazo ‘real’ ocupa un segundo plano”, dixeron. Así, este mapa interactivo permite localizar a autores e personaxes nun marco concreto, que, en moitas ocasións, está ligado a grupos sociais ou a determinados feitos históricos.

Mariña Bermúdez e Carmen de Santiago puxeron de relevo que a maioría dos lugares que se recollen nas cantigas aínda existen na actualidade, pero cunha importancia social moi diferente á que tiveron na Idade Media.