O arrecendo en Galicia da Revolución dos Caraveis

“O espírito do 25 de abril e da loita antifascista é máis necesario que nunca en Europa”, destacan desde a Associaçom José Afonso

Militares portugueses na Revolución dos Caraveis, coas flores nos fusís en Portugal.  | // FDV

Militares portugueses na Revolución dos Caraveis, coas flores nos fusís en Portugal. | // FDV / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Ao son do “Grândola, Vila Morena” na radio hai xusto 50 anos os tanques militares ocuparon edificios senlleiros e rúas de Portugal para non disparar nin masacrar a poboación senón tapizar de caraveis un país. Recorda Tereixa Constenla no seu último libro –no que fala con protagonistas do fito e xente que o viviu en directo– que foron 300 capitáns de abril que “devolveron o orgullo pola patria”, reforzados por 240 recrutas inexpertos e un apoio social maioritario.

Hoxe, na lembranza, agardan que 900 persoas canten a canción da Revolución ante o Auditorio de Galicia en Santiago e que se encha o Teatro Principal de Compostela ás 20.30 horas para un concerto. En Vigo, o Instituto Camões prosegue coa súa actividade cunha mesa redonda sobre o documental “Adriano Correia de Oliveira” a partir das 18.30 horas na que participa o músico Xico de Carinho, quen foi directivo da Associação José Afonso (a entidade lusa) e agora membro do consello consultivo.

O 25 de abril de 1974, Xico vivía en Barcelona tras pasar anos en París e Xenebra. “Estaba tocando coa cantautora Marina Rossell. Entereime da Revolución dos Caraveis pola radio e a prensa. Tivo un impacto enorme. Organizáronse excursións para ir a Lisboa pero eu esperei a maio para entrar polo sur da fronteira. Estiven en Grândola e Lisboa e logo na Galicia”, lembra.

Nese tempo, con 34 anos, coincidiu cos cantautores lusos pola liberdade –entre os que se atopaba Zeca Afonso, o autor de “Grândola, Vila Morena”– que coñecera no 1970 en París no festival da Canción de Combate Portuguesa. “Alí, presenteime a Zeca Afonso como estudante de musicoloxía. Cando fun a Portugal en maio, aquilo era unha festa tremenda, unha ilusión... As sedes dos partidos estaban abertas e discutíase ata a unha da madrugada. Había tanto entusiasmo!”, recorda Xico, agora afincado no Morrazo.

Tras 50 anos, é mester rememorar o que sentiu baixo o dominio da ditadura de Franco. “Tiña unha ilusión tremenda pensando no que podía pasar en España. Franco estaba nas últimas. Pero, ao principio, non acreditábamos ante o golpe militar en Portugal con soldados confraternizando coa xente. Era algo sorprendente, fóra da idea dunha revolución que pedía cambio de réxime e que podía acabar en represión. Pero non houbo revolta armada, non houbo mortes. Foi incrible. Pensabamos que a ditadura franquista tiña que caer pero aquí inda que se mellorou houbo unha Transición pactada con represión”, rememora.

Xico lembra como no 1976 organizaron un festival na Coruña no que tocou Zeca Afonso así como Bibiano Morón ou Miro Casabella, entre outros. Inda que “Grândola, Vila Morena” sonara por primeira vez no 1972 en Compostela, aquel día non puido resoar por unha carga policial. “Suspendeuse o festival porque cando Zeca comezou a cantar comezaron a berrar “Viva Portugal”, “Galiza ceibe”, e un grupo sacou unha bandeira galega cunha estrela. Entón, cortaron a electricidade e a policía entrou a dar leña no lugar. Como moito, Zeca chegou a cantar dúas cancións. Foi algo tremendo”, recoñece Xico demostrando como había algo máis que uns poucos quilómetros de fronteira con Portugal naquela altura.

No sector militar, porén, algo se cocía naquela España de finais dos 70. Naquel 25 de abril de 1974, o militar pontevedrés Xosé Fortes, capitán de infantería naquel momento, –pai da escritora Susana Forstes e do xornalista Xavi Fortes– estaba de descanso a piques de ir comer fóra. “Cando chegamos ao restaurante, vimos as noticias e estivemos pendentes delas toda tarde”, recorda.

O que viron que acontecía en Portugal prendeu a palabra esperanza nel e noutros militares españois. “Marcounos a explosión popular. A estética, a Revolución dos Caraveis, o Grândola, Vila Morena... namorounos. Puxéronse os dentes longos e comezamos a pensar que aquí tiñamos que facer algo. Só quedaba a nosa ditadura. Démoslle voltas a que facer. Contactamos con compañeiros demócratas. Nós xa eramos demócratas pero o 25 de abril fíxenos pensar”, engade o exmilitar.

Sen embargo, non vían con claridade un futuro democrático. “Eramos fatalistas. Pensabamos que non había nada que facer. Sabiamos que aquí un golpe militar sería imposible despois da Guerra Civil do 36. Habería outra guerra civil. Puxémonos a viaxar. Ata aquela, viviamos cada un pechado no seu cuartel e na súa cidade. Raramente tiñamos conexión con militares doutras zonas. A partir desa data comezamos a movernos. Foi un verán moi movido”, lembra o profesor.

Na súa cabeza, tamén andaba a idea de viaxar a Portugal. “Eu estivera destinado nos anos 50 e 60 no campamento de Tui e tiña moita relación cos militares portugueses. Caíanme moi ben, falaban moi suave, eran moi british, non coma nós. Tiven relación co capitán Maia de Viana. Fun a primeira fin de semana despois do 1 de maio. Pero despois non puiden volver a Portugal porque a ditadura nos prohibiu viaxar ao país veciño sen autorización cando antes podiamos cruzar sen selar o pasaporte. Como non podiamos ir, militares lusos viñeron a Vigo para reunírense connosco varias veces para saber como ía indo aquilo”, explica. O modo de recoñecerse sona curioso agora: quedaban na Praza de España en Vigo cunha revista “Cambio 16” baixo o brazo e medio billete de 20 escudos “para confirmar que eran quen dicían ser”.

Fortes, ademais, dá unha clave da Revolução dos Cravos: “Debido á guerra coas colonias africanas, promulgaron uns decretos polos que habilitaron alféreces provisionais. Iso creou un malestar en Portugal porque en tres anos podían ser tenentes. Así chegaban a capitais antes que os oficiais que estudaban nunha academia militar. Esa foi a orixe do movemento dos capitáns pero unha vez reunidos decidiron que había que arranxar o tema militar, a guerra colonial e a ditadura”.

En España, os militares alternativos nos que estaba Fortes propuxeron un nome para o seu movemento: Unión Militar Democrática. Decidiron “romper o apoio do exército á ditadura. Iso non lle gustou á xerarquía, detivéronnos, procesáronnos e expulsáronnos do exército”, repasa con voz firme unha persoa que pasou polo cárcere por aquela cuestión.

Dez anos despois volverían ser aceptados; 20 máis tarde a ministra Chacón lles outorgaría a medalla ao mérito militar “con gran cabreo do sector máis ultra do exército”, destaca cun sorriso Fortes.

Co tempo pasado, hai unha pregunta obrigada. De onde sacaba aquela xente a valentía para facer o que fixo? Fortes réstalle importancia: “Cando hai que facer algo, hai que facelo. Nós chegamos á conclusión de que era a obriga da nosa xeración. Ogallá non nos tocara aquel papel; non foi un papel buscado, nin queriamos protagonismo. Nas primeiras reunións, acordamos que non aceptariamos recompensas pola nosa actuación”.

Expectante naqueles días de abril e maio estaba tamén un moi mozo Manuel Bragado –quen logo chegaría a ser editor de Xerais e tamén mestre–. Tiña 15 anos naquel 25 de abril e, inda que vigués, estaba naquela altura n´A Coruña. “Estudaba quinto de Bacharelato na Universidade Laboral da cidade herculina. Era un periodo de preconciencia política. Intuiamos as fendas do réxime. Nos dous anos seguintes, 1975 e 1976, no transcurso dos cales morreu Franco, xa eramos conscientes politicamente da loita antifranquista”, sinala.

E esa toma de conciencia a desenvolveron avivada pola Revolución dos Caraveis.“O 25 de abril representou o concepto de liberdade. Portugal configurouse como un espazo de referencia para os demócratas, de esquerda e galeguistas da miña xeración. Foi o primeiro referente de acuñar un relato, un mito e unha estratexia. Foi moi importante naquel momento. Zeca Afonso convertiuse nunha das grandes figuras da Compostela dos anos 70”, agrega Bragado quen se formou como universitario (Pedagoxía) na capital galega.El tamén viaxaría a Lisboa para atopar o rastro da efemérede de abril durante a carreira.

Para Bragado, “as luces de abril seguen sendo as luces da igualdade, confraternidade. A celebración deste 50 aniversario non é un exercicio de nostalxia senón de esperanza nos valores de abril”.

Odilo G. Carnero, presidente da Associaçom José Afonso, resalta a importancia de celebrar os 50 anos da Revolución: “Este 50 aniversario é moi importante porque é unha lembranza dunha revolución pacífica na que o pobo luso dixo fascismo nunca máis. Os galegos tamén tiñan a arela de liberdade inda que sen revolución o que nos afecta aos nosos días. A día de hoxe, o espírito do 25 de abril e da loita antifascista é máis necesaria que nunca en Europa”.

Suscríbete para seguir leyendo