“Cinza”, de Manel Cráneo, prepara o seu chimpo ao mercado en español

É unha versión en cómic da novela “A nosa cinza” de Xavier Alcalá e ten xa segunda edición en galego | Trátase dunha das cinco novelas de noso máis vendidas, con máis de 80.000 exemplares

Manel Cráneo, co seu cómic "Cinza", xunto con Xavier Alcalá

Manel Cráneo, co seu cómic "Cinza", xunto con Xavier Alcalá / M. C.

Mar Mato

Mar Mato

Non é doado que unha obra de banda deseñada en galego logre unha segunda edición; tampouco que consiga unha versión en castelán para o mercado español. O primeiro milagre xa aconteceu para “Cinza” (Demo Editorial), a última obra do guionista e debuxante galego Manel Cráneo. O segundo está a piques de producirse.

A obra, de 135 páxinas verticais en tapa dura e papel de gran grosor, presenta en viñetas en branco e negro a versión en cómic de Cráneo sobre a novela “best seller” en galego “A nosa cinza” de Xavier Alcalá.

“Cinza”, de Manel Cráneo, prepara o seu chimpo ao mercado en español

“Cinza”, de Manel Cráneo, prepara o seu chimpo ao mercado en español / M.C.

Sinala no comezo do libro este autor que cando morra lle gustaría que ficasen del dúas cousas: que foi o autor da devandita novela e que asinou o poema co que Andrés do Barro compuxo o tema “Teño saudade”.

Unha novela con varias ducias de milleiros de volumes vendidos en galego

Nese mesmo prefacio, Alcalá recalca que “ ‘A nosa cinza’ non é só unha historia saudosa de tempos idos (a nenez e mocidade na ditadura franquista). Toca sensibilidades que permanecen e xa pasou polas mans de tres xeracións gañando lectores. É un long-seller con máis de 80.000 exemplares en galego desde 1980 e outros 6.000 en castelán desde hai tres anos”.

Un encargo complexo

Alcalá está feliz co resultado do libro de viñetas. “Sublimou ‘A nosa cinza’”, resalta para engadir: “Nunca acabarei de agradecerllo” a Manel Cráneo.

Este, polo teléfono, lembra que “a idea non partiu de min, senón do propio Alcalá. El quería darlle unha renovación á súa novela. Eu non lera o libro. Deille unha lectura e gustoume. Vinlle moitas complicacións pero tocoume a fibra sensible porque trata a memoria histórica que é un tema que me interesa moito”.

“Cinza”, de Manel Cráneo, prepara o seu chimpo ao mercado en español

“Cinza”, de Manel Cráneo, prepara o seu chimpo ao mercado en español / mar mato

A historia duns rapaces na época franquista

O propio Cráneo explica que a historia de "A nosa cinza" presenta unha panda de rapaces na época franquista que nacen nos anos 50. “Tiña moitos medos como punto de partida. Calculo que hai centos de miles de lectores da novela nas últimas décadas. Está entre os cinco libros máis vendidos da historia da literatura galega. Pero Xavier deume vía libre”, engade.

Tanta liberdade facilitou o novelista que Cráneo chegou a plantexarlle incluír anécdotas ou momentos que non aparecen no libro orixinario, fito na literatura galega. “Con cousas que quedaron fóra da novela pero que el conta con moita paixón e graza, plantexeille engadilas. Tamén hai aportacións miñas como a imaxe da Semana Santa en Ferrol na que o protagonista de neno queda horrorizado cos pasos nas procesións nocturnas. Esa escena é unha proposta miña. A novela está ambientada en Ferrol. A relixión, o nacional catolicismo, tivo moito peso na ditadura e había moita represión relixiosa. Por iso, quería meter esas escenas para reforzar algo que daba medo”, detalla o ilustrador e editor.

Un neno dunha familia burguesa e un primeiro amor inesquecible

A través das páxinas imos coñecendo a Xoán, un cativo que quedou orfo de nai ao nacer e que se educa nunha familia burguesa. Vai medrando e un día coñece o seu primeiro amor, Miluca. “Ela é o primero grande amor que non chega a consumarse como el quería. A súa historia é fundamental. Esta é unha historia iniciática vital que pode ter calquera adolescente. Hai certas cousas que nos pasan a todos: o primeiro amor, as pelexas xuvenís, os pares que che caen ben ou os que che caen mal, as relacións humanas, o proceso escolar....”, describe Cráneo.

Unha da páxinas de "Cinza", de Manel Cráneo sobre o libro "A nosa cinza" de Xavier Alcalá.

Unha da páxinas de "Cinza", de Manel Cráneo sobre o libro "A nosa cinza" de Xavier Alcalá. / M.C.

Unha versión alternativa

As viñetas son narradas mediante a voz de Xoán e no final o guionista e debuxante modificou un chisco o final da novela. “Metín tres viñetas ao final de todo que conectan co arranque da obra. El ao principio amosa un adulto que chega á casa onde veraneaba de neno e que está medio abandonada. Alí, prende un cigarro e bota cinza nun froiteiro na mesa. Cunha metáfora visual, pasamos desa man botando cinza á súa man de pequeniño collendo unha mazá dese froiteiro. Ao final, facemos o proceso á inversa: volvemos ao cigarro e a man coa mazá. Significa que o protagonista fumouse a vida”, reflexiona Cráneo.

A importancia da mazá é enorme por simbolizar o pecado de Adán e Eva. “Hai moitas viñetas nas que traballei unha segunda lectura e unha linguaxe simbólica”, subliña o autor.

Precisamente, o temor de pecar está moi presente en “Cinza” e o silencio como o que rodea o regreso do avó do cárcere, de ideas de esquerda nun tempo no que estaban prohibidas.

Unha sociedade moi dura

Trátase dunha obra importante para entender a historia de Galicia e España desde os anos 30 ata os 80 co medo inculcado aos nenos os mozoulos sobre o inferno e a relación entre o feminino e o masculino e a imposibilidade de expresarse en galego. “Era un sistema moi duro e estricto. Non podían usar o galego nas aulas”, apunta Cráneo quen tamén recoñece as diferenzas enormes entre clases sociais: “El é de familia burguesa e ten interiorizado que había xente que non era da súa clase. Nacías marcado, como o gando. A xente levaba a marca da clase. Había unhas diferenzas sociais enormes”.

Suscríbete para seguir leyendo