O salto do teatro da ONCE aos escenarios galegos

Intérpretes amadores da entidade viguesa dan un paso cara a profesionalización cunha peza que estrearán en xullo

O salto do teatro da ONCE aos escenarios galegos

Pedro Fernández

Mar Mato

Mar Mato

María José Rodríguez apenas ve. Para ela, foi “complicado atravesar” a situación de ir perdendo a vista. Confesa que, ao principio, non era capaz de facer nada pero hai seis meses optou por afiliarse á ONCE. Entre as distintas actividades que lle ofreceron, figuraba o teatro. Non o dubidou. Apuntouse e agora é unha das doce persoas que acode ás clases teatrais desta organización en Vigo.

“Aquí me ayudaron mucho. Fueron un gran apoyo. El teatro me animó a no caer en depresión. Ahora digo: Aquí estoy, yo puedo”, sinala sobre o escenario do auditorio da entidade.

Mucha Pereira, antiga vendedora da ONCE e agora xubilada, dá grazas ao teatro da entidade. “Teño un carácter reservado e tímido pero isto dáme ás para crecer como persoa. Estou moi contenta.Estamos aprendendo moito. Memorizar textos e outras cousas dáme axilidade mental”.

Na tarde de onte, tocaba ensaio. Nas táboas, cabo dos seus compañeiros, representaron unha das escenas da súa nova obra, “Arroutada”. En pouco minutos, convenceron coa súa forza na interpretación. A persoa espectadora esquece que a maioría do grupo é invidente.

O grupo leva por nome Setestrelo e a súa directora, Mónica Sueiro, describe a peza como “unha historia tola, un pouco distópica [ata hai robots nela]. Está baseada en ‘Os crimes exemplares’ de Max Aub. Chámase ‘Arroutada’. El fixera un recopilatorio de diferentes persoas, de casos reais, de xente que matou por unha arroutada. Calquera de nós podería ser unha desas persoas. A partir de aí xeramos esta historia”.

A obra vai ser estreada en xullo. O seu soño é que se poida ver no Auditorio Municipal de Vigo e que despois siga por outros escenarios da comarca e zonas limítrofes.

Será a primeira vez que amosen o seu traballo fóra das paredes da ONCE. Ata gora non podían porque só eran un obradoiro de teatro. Porén, dende hai un par de meses pasaron a ser agrupación artística e con este cambio, ata poden facer un tour.

O seu soño é actuar no Auditorio Municipal de Vigo e xirar por Galicia

Na central da ONCE en Madrid decidiron que pasaran a ser agrupación tras ver a súa función do pasado verán. Agora, neste camiño da mellora, as horas de clase aumentaron (de tres a seis), contan con máis recursos e poden perfilar unha xira por Galicia na que deberán buscar alomenos dez ocos neste ano.

O máis importante, porén, é que son máis felices. A súa directora, Mónica Sueiro, lembra como comezou a andaina no 2019, como tiveron que botar man do enxeño e dos recursos técnicos da ONCE no 2020 coa pandemia para proseguir as clases online e como traballaron arreo ata o actual éxito.

O alumnado inda non dá creto de que agora sexan agrupación artística, case compañía teatral. En Galicia, hai cinco agrupacións destas e tres, con eles, son de teatro. Unha cuarta é o coro da ONCE de Vigo.

“Cando nolo dixeron pegounos un subidón”, recoñece Rogelio Estévez, quen lembra: “Ao principio pensei que era unha broma. Parecíanos imposible que fora tan rápido, que só cunha representación viñera aprobado. Para nós, foi algo fantástico. Dános ganas de traballar”.

Rogelio afiliouse á ONCE no 2019. El é un dos que perdeu a vista de maior. “Cambioume o mundo”, detalla. Sen experiencia previa no teatro, decidiu que tiña que probar. Desde os primeiros ensaios ata agora, o seu campo de visión foi minguando pero o seu amor polo teatro aumentou e agora fala con auténtica paixón da actividade.

Ao seu carón, atópase Julián Vega, un mozo ao que lle fai ilusión ser robot na próxima obra. Tamén está Puri Combarros quen confesa que lle motivou facer teatro para “aprender” cousas que lle puideran servir para a súa vida cotiá e superar a discapacidade.

El grupo de teatro de la ONCE

El grupo de teatro de la ONCE / José Lores

“Ha sido una experiencia estupenda. En el teatro tienes que saber dónde tienes que estar colocada, cómo está tu cuerpo y estar atenta a todo. Eso me sirve en la calle. Nos lo estamos pasando muy bien”, engade Combarros, unha persoa que destaca que lograr ser agrupación artística lles deu ganas de “comer” o escenario.

Lorena Fernández, subdirectora da ONCE en Vigo, admite que ao principio tamén lle moveu o interese persoal para apuntarse ás clases. “Falo moito pero cando é enriba dun escenario para un discurso, eu poñíame moi nerviosa. No teatro, non me pasa”, destaca.

Lorena está “moi orgullosa de poder contar en Vigo con esta agrupación que coa Coral Cidade de Vigo é un éxito”.

Mónica Sueiro explica que o traballo con este alumnado con discapacidade visual é “basicamente o mesmo que fago coa xente que ve. Son consciente da limitación visual deles pero busco a adaptación.A xente que viu ten referentes e lembra. No caso dos que naceron cegos é máis complicado porque non teñen eses referentes. É un traballo de conciencia corporal”.

Lorena sinala que lle custa simular que se indigna. “No sé cómo poner cara de indignación de manera ficticia. Tampoco sé poner cara de tristeza sin más. Tengo que pensar en algo triste para conseguirlo”, agrega.

A directora do grupo teatral ratifica que o teatro “é un traballo de emocións. Non se trata só de memorizar, senón de centrarte no que dis. Hai que conectar co texto, coa emoción, e aí vai saíndo esta, o cabreo, a indignación”.

Suscríbete para seguir leyendo