"La sociedad de la nieve" arrasa nos Goya e.... no Entroido de Xinzo

Un grupo de amigos recrea o fuselaxe do avión caído nos Andes e a espera polo rescate no Carnaval da vila ourensá

Mar Mato

Mar Mato

Inda faltan días para despedir o Entroido 2024 pero xa hai algunhas instantáneas que ilustran o Carnaval deste ano. Se o filme “La sociedad de la nieve” -sobre a traxedia nos Andes- arrasou nos Goya -levou doce premios dos 13 aos que aspiraba- tamén triunfou nas rúas de Xinzo de Limia esta fin de semana. Nun dos viais do epicentro entroideiro un grupo de amigos recrearon a fuselaxe da aeronave FH-227B e sentaron ao redor del como os personaxes da película.

Con letras capitais negras, escribiron Fuerza Aérea Uruguaya. Puidémolos ver con maletas antigas, cunha bandexa na que había carne cruda, gafas de sol, gorros e bufandas, simulacros de cabezas vendadas, os beizos brancos... A recreación chegaba ata tal punto que se te achegabas a facerlles fotos algúns comezaban a tremer (de frío).

Esta representación de “La sociedad de la nieve” non foi a única chiscadela coa axenda de feitos noticiables do ano. Dúas mozos ataviadas de pulpeiras ofrecían os seus pratos de pélets co sorriso na cara.

Pélets en Xinzo.

Pélets en Xinzo. / M.M.

Tamén en Xinzo, destacou outra pandilla que paseou nunha góndola, ataviados os rapaces de gondolieri e con altofalante en man berrando por unha bella ragatza, entre outras cousas. Dun barco tamén botaron man uns vikingos que meteron medo polas rúas.

A imaxinación comandou noutro grupo disfrazado de cazafantasmas, mesmo con furgoneta disfrazada, que foron á procura de pantasmas polas rúas de Xinzo mesmo levantando alcantarillas e prohibindo o paso (acordoaron zonas e todo) aos vehículos pola seguridade dos cidadáns, non fora ser que se escapara un espírito...

Nunha vivenda, houbo unha homenaxe ao Benidorm Fest ao colocar varios maniquíes da solainavestidos de muller con pouca roupa e a frase Benidorm Fest 2024 Yo soy una zorra en alusión á canción "Zorra" de Nebulossa que irá a Eurovisión.

Sensación e moitas fotos atraeron uns mozoulos que “asfaltaron” o casco antigo de Xinzo simulando ser unha empresa de obras e infraestruturas que arranxaba unha estrada co pichi (de plástico plano).

A imaxinación tamén se empoderou un ano máis en Ourense. No Casco Vello, puidemos ver a nosa particular Ayuso xunto a un parasol de cores e un carrito con froitas, melena negra ao vento e unha camiseta branca na que se podía ler “Me gusta la fruta”, atravesada coa bandeira de España.

A dobre de Ayuso en Ourense.

A dobre de Ayuso en Ourense. / M.M.

Á noite, nunha emblemática praza, un rapaz disfrazado de muller do agro de décadas atrás lavaba a roupa con xabón lagarto nunha praza pública rodeado de repolos e poñendo a enfriar o licor café mentres a charanga cantaba precisamente “Licor café “ da Lamatumbá.

Ao redor da Catedral xiraron uns amigos maiores cun carriño inzado de chourizos, androias, un pipo con viño e unha pequena cociña para ir quecendo a comida. E que soportar o Entroido ata o final precisa de enerxías!