Martín Códax, “referente incuestionable da cultura musical galega”, volve soar en Vigo

O conselleiro de Cultura reivindica o legado do trobador no acto do Día das Artes Galegas organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes

A mezzosoprano Nuria 
Lorenzo e o pianista Alejo 
Amoedo, durante o recital.  |  
// RICARDO GROBAS

A mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo, durante o recital. | // RICARDO GROBAS / Redacción

Redacción

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou onte o Día das Artes Galegas cunha homenaxe ao trobador Martín Códax, “referente incuestionable da cultura musical galega”. Nun acto institucional no teatro Afundación de Vigo, o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, destacou que unha institución que sente orgullo por fomentar a creatividade artística, o estudo, difusión e protección do patrimonio artístico e cultural galegos, “non podía esquecer a música como disciplina a destacar”.

Por iso, puxo en valor a Martín Codax como “figura identitaria da historia de Galicia” e como un dos poetas galegos “máis publicados e estudados, con multitude de traballos de investigación”. “Martín Codax é o primeiro autor galego do que se conserva texto e música e a súa figura está presente, a través de trazos identitarios, no que hoxe entendemos por música galega, ben popular ou culta”, relatou.

Ademais, no seu ‘laudatio’, “Martín Codax. A identidade musical galega”, Juan Pedro Durán subliñou que a súa figura abarca tres eixos: o filolóxico, coa dedicatoria do Día das Letras Galegas 1998 aos trobadores do mar de Vigo –Mendinho, Johan de Cangas e Martín Codax-–; o documental, coa exposición de 2017 “Un tesouro en sete cantigas” no Museo do Mar de Vigo, onde se exhibiu por primeira vez en España o Pergamiño Vindel; e o musical.

O evento contou co recital “Cantigas de Martín Codax”, a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo, que interpretaron “Cantigas”, de Martín Codax; “Soedades”, de Marcial do Adalid; “As lixeiras anduriñas”, de Juan Montes Capón; “Cantiga”, de José Castro Chané; e “Maio longo”, de José Baldomir.

No acto tamén estivo presente o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o conselleiro de Cultura, Educación, Universidades e FP, Román Rodríguez, que dixo que a música galega popular “sería inconcibible sen a contribución de Martín Códax, pioneiro e precursor dunha corrente artística que chega ata os nosos días”.

“Confío en que este ano os ritmos das súas cantigas de amigo soen por toda a nosa xeografía e tamén máis aló para reivindicar a gran vixencia do seu legado”, destacou. Así, para celebrar a figura de Martín Códax, a Xunta colabora coa RAGBA na realización dunha programación específica vinculada ao homenaxeado e que inclúe ciclos de concertos de cámara, unha guía didáctica e a xestión do Programa do Día das Artes.