Entrevista | Ramón Poza Presidente do Cineclube

70 anos proxectando soños no Cineclube de Pontevedra

A entidade sen ánimo de lucro continúa divulgando a paixón polo séptimo arte

Público durante unha proxección no Teatro Principal de Pontevedra

Público durante unha proxección no Teatro Principal de Pontevedra / Rafa Vázquez

Gala Dacosta

Gala Dacosta

A primeira folla de sala do Cineclube Pontevedra data do 13 de xuño de 1954, hai xusto 70 anos. Dende entón quedou ese día marcado na historia contemporánea galega como o da fundación do primeiro clube sen ánimo de lucro de difusión cinematográfica de toda Galicia.

Os primeiros filmes que se puxeron, na Xefatura Provincial de Turismo, foron Farrebique ou As catro estacións (Georges Rouquier, 1946), Van Gogh (Alain Resnais, 1948), Versalles e as súas pantasmas (Jean Béranger, 1949) e Balzac (Jean Vidal, 1951). Foi nos anos 80 cando a agrupación pasou a realizar as súas actividades de proxección e comentario de filmes no Teatro Principal, onde continúa a facelo actualmente. Tamén visita en ocasións outros espazos culturais, como a Biblioteca Pública de Pontevedra, cuxo nome coincide tamén co dun dos membros fundadores do Cineclube, Antonio Odriozola.

A última folla de sala do Cineclube ata o de agora foi moi diferente a aquela primeira, con expoñentes como o austriaco Ulrich Seidl, mais outros clásicos ineludibles coma Pasolini. Os filmes do italiano proxectáronse no Principal nin máis nin menos ca dúas veces durante este mes de xuño. De feito, a actividade da organización é imparable, pois traerá o vindeiro ano os Premios Feroz á localidade.

Na actualidade, amais da programación mensual regular, tamén ofrecen proxeccións ao aire libre que se desenvolven na Praza da Pedreira, o ciclo “Cinema e Estrelas” que ofrece varias sesións integradas nas Festas de Verán de Pontevedra.

Este mes de xuño, o Cineclube participará da mostra de cine LGBTIQA+ de Pontevedra, o Ambienta, proxectando “O descoñecido do lago”, de Alain Guiraudie, no Teatro Principal o vindeiro mércores 26 ás 20.30 horas, con entrada de balde. Trátase dun thriller homoerótico ambientado nunha zona de cruising ao pé dun lago. O filme valeulle a Guiraudie un enorme recoñecemento no circuíto de festivais: premio ao mellor director na sección Un certain Regard e Queer Palm en Cannes, entre outros.

“É fantástico ver colas para ver cine alternativo”

Igual que cando o presidente do Cineclube, Ramón Poza, era universitario, comproba con ilusión que hai moitos rapaces novos que acoden ás sesións programadas pola entidade. Tamén lle gusta moito o cinema na rúa de verán, unha ocasión “para ofrecer ao público esta experiencia. Ata temos un proxectos de 36 milímetros cun son moi especial”.

Ramón Pazo é o presidente do Cineclube dende hai case unha década

Ramón Poza é o presidente do Cineclube dende hai case unha década / Rafa Vázquez

Ramón Poza, que leva case unha década á fronte do Cineclube, conta que tivo que dar un paso adiante xunto con outros compañeiros nun momento no que “a programación non era estable. Queriamos ofrecer un tipo de películas que non chegan ao cinema comercial”, explica.

Xunto co seu equipo de seis persoas, velan por que “Pontevedra teña acceso a cinema independente e pouco comercial. Como capital de provincia, é difícil saír de certos títulos, pero é fantástico cando pasan cousas como con Anatomía de una caida, que enchimos o Principal. É fantástico que haxa cola para ver cine alternativo”. Grazas á xente nova, di, “renóvanse os socios constantemente”.