Preto de 40 autores de BD, como Miguel Anxo Prado, protagonizan o BDra Gráfica

A maior festa do xénero será do 27 ao 29 de xuño na Ferraría

Entre as propostas haberá unha mostra en colaboración con Novos Cinemas

Cartel de Bdra Gráfica.

Cartel de Bdra Gráfica. / bdragrafica.gal

Gala Dacosta

Gala Dacosta

A segunda edición de BDra Gráfica, a maior festa da banda deseñada galega e en galego, non só amosará o crecemento dun evento que o pasado ano contou cun éxito rotundo, senón que revelará un auténtico “estirón” ata transformalo no maior evento sobre banda deseñada en Galicia este ano, un dos máis interesantes de todo o Estado e unha parada indispensable para todo amante desta cultura.

Nado baixo a dirección do debuxante e mestre do Garaxe Hermético, Kiko da Silva, BDra Gráfica ten como obxectivo achegar á cidadanía pontevedresa unha gran variedade de obras creadas polos autores e autoras da chamada novena arte. Ata 37 artistas estarán presentes durante esta edición, na que se presentarán perto de 40 novas edicións do xénero.

Presentación do cartel e da páxina web do festival.  | // FDV

Presentación do cartel e da páxina web do festival. / FDV

A praza da Ferraría funcionará como epicentro desta cita, acollendo unha carpa de 30 metros de longo na que se instalarán ata 25 stands distintos, tendo o cómic (e derivados do mesmo) como absoluto protagonista. Deste xeito, do 27 ao 30 de xuño, a céntrica praza da cidade do Lérez promete ser un fervedoiro de presentacións, faladoiros e, como non, exposicións creativas. Para os artistas haberá master class, como por exemplo sobre Intelixencia Artificial e dereitos de autoría, así como unha mostra de cinema aberto de banda deseñada en colaboración co festival Novos Cinemas, porque, como indicou Da Silva, “nos festivais da cidade temos que colaborar entre nós”.

Este evento converterase nun punto de encontro para os amantes da banda deseñada, proporcionando un espazo onde descubrir novas obras, coñecer os seus creadores e explorar a riqueza da novena arte. Ademais, dende onte está dispoñible a páxina do festival (bdragrafica.gal) onde é posible consultar o programa completo.