Entrevista | Cris de Caldas Narradora Oral

“Hai eventos onde non te chaman porque xa van os de sempre, que son homes”

A narradora participará coas súas historias nos Sete Falares o venres e o domingo

Cris de Caldas nunha das pasadas edicións do Sete Falares, nas Ruínas de San Domingo

Cris de Caldas nunha das pasadas edicións do Sete Falares, nas Ruínas de San Domingo / FdV

Gala Dacosta

Gala Dacosta

Ata o 8 deste mes, o Parador, as Ruínas de Santo Domingo e o Teatro Principal de Pontevedra acollerán as historias de narradores orais como Atenea García, Dani Blanco, Cándido Pazó e Rodolfo Castro no Encontro Internacional de Contadores de Historias Sete Falares.

Cris de Caldas participará en dúas ocasións, tanto no roteiro deste venres pola cidade como na clausura do evento, na que contará algo moi especial que ten que ver coa súa avoa, quen a iniciou nesta tradición.

–Como comeza a interesarse pola tradición oral galega, ou o que é o mesmo, por contar historias?

–Unha reflexión que fixen despois de anos foi que sempre fun moi aficionada á lectura, aínda que na miña casa non tiveramos moitos libros, como pasaba na maioría das casas humildes galegas hai cincuenta anos. O caso é que eu lía moito e de feito estudei Filoloxía, e entón foi cando me dei conta de que o xerme o sementara miña avoa coas súas historias transmitidas de maneira oral. A narración oral, aínda que non profesionalizada, existe dende sempre. Eu quero imaxinar que a xente na Prehistoria xa se xuntaba e se contaba historias.

–Por que agora si é unha profesión?

–Nos últimos anos profesionalizouse o oficio, é certo. Noga, a Asociación de Narración Oral Galega, ten moito que ver nesta defensa do noso oficio. É curioso porque hai anos non había televisores nas casas e as comidas eran o momento da xente falar, falábase máis. E antes de haber televisión, había lareira, así que creo que a televisión e a vitrocerámica fixeron que falemos menos porque estamos a outras cousas.

–A tradición oral sempre estivo moi feminizada.

–Si, e está demostrado. A inmensa maioría da memoria e da tradición oral a conservaron as mulleres, ten en conta que as mulleres se encargaban das labores da casa e de labranza, na sociedade agrícola, ou mesmo na matanza do porco. Á hora de facer os chourizos, vénsenos a imaxe de mulleres sentadas arredor dunha mesa picando carne e falando.

–Por que cre que hai menos profesionais, entón? É un tema de visibilidade?

–Creo que pode ter que ver cun tema de visibilidade porque non todas temos repertorio para público adulto, entón aí pode estar a cuestión. Ao mellor é porque se programa menos para adultos, senón infantil, e é un traballo que non dás quitado. Así que que haxa un festival en Galicia para contar historias para adultos é marabillos. Hai certos eventos para os que xa non te chaman porque chaman aos de sempre, que soen ser homes.

–Quen escoita mellor, os nenos ou os adultos?

–É diferente nalgunhas cousas. Eu empecei no público infantil porque era co que tiña máis trato e sabía que ía ter traballo nese campo. Despois, alguén me propuxo preparar para bebé e para adolescente, por último foron os adultos, case por casualidade. Hai un curso de formación de narración oral, que eu fixen, e preparei un conto como exercicio de clase, cando morrera miña avoa, que cadrou o día do meu aniversario. Eu tomeino como o seu último agasallo, como se me dixera que a vida e a morte están xuntas dalgunha maneira. Nese intre deime de conta de que meus fillos non ían recordar a muler que eu coñecín, senón a unha persoa xa maior e desganada. Comecei a preguntar para recuperar toda a memoria vinculada a ela, como algo doméstico, e casualmente xurdiu unha sesión de contos e alá fun eu coa sensación de devolverlle a ela todo o que me deu. Pensei, “Mentres eu conte cousas de ti, ti vas estar viva”.

–A memoria é un aspecto que lle importa moito.

–Si, porque creo que nós as mulleres chegamos ata aquí porque houbo outras moitas detrás que fixeron camiño, entón recordalo é unha maneira de seguir asentando o noso camiño, que queda moito. Continúan pasando cousas que pasaban antes e que criamos avanzadas, e hai que denuncialo. Se xuntas isto cun pouco de memoria histórica, tradición e algo de humor, eu penso que pode calar.

–Falando disto, pode adiantarnos o que trae preparado para esta nova edición do Sete Falares?

–Ademais do roteiro, na gala contarei un conto que para min é moi especial e que está vinculado con miña avoa, precisamente por ser a gala e porque penso que é un momento inmellorable para lembrala.

Suscríbete para seguir leyendo