Opinión

Alejo Amoedo Portela*

O maxestoso órgano de tubos do Teatro Cinema Fraga: unha viaxe no tempo

Se puidese viaxar no tempo e presenciar acontecementos destacados dos ocorridos en Vigo no século XX, entre outros, elixiría asistir á inauguración do órgano do Teatro Cinema Fraga, acto acontecido o venres 4 de novembro de 1949.

O Teatro, deseñado no 1942 polo arquitecto Luís Gutiérrez Soto por encargo do empresario Isaac Fraga Penedo, inaugurado o 27 de marzo de 1948, foi ideado para albergar un teatro e cinema de 1758 cadeiras.

O órgano foi construído por Organería Española S.A., no 1948. Exercía de xerente da sociedade, Rafael Puignau e de vicesecretario o organista e organero, Ramón González de Amezúa (Madrid, 1921- 2015). Foi este organista o encargado de inaugurar o noso instrumento en 1949, realizando unha breve disertación acerca da historia e a mecánica do mesmo. Na prensa da época quedaron reflectidas algunhas das súas palabras con respecto as características do instrumento, como que constaba de tres teclados manuais e un de pedaleiro; que tiña en total 2100 tubos, dos cales o maior medía seis metros e o menor uns milímetros e que o instrumento estaba disposto en catro pisos sucesivos: no primeiro atopábase a fuellería, motores e baterías de acumuladores; e no segundo a tubaxe dos restantes teclados. Deixouse escrito que, no seu xénero, era completísimo, tendo ademais dos rexistros fundamentais de órgano clásico outros orquestrais, propios dun órgano de concerto e cinema, sendo posible executar tanto a música clásica como a moderna de jazz.

Tras a breve charla, Amezúa deu comezo ao seu concerto, interpretando na primeira parte obras de Cabezón, Bach, Debussy e Vierne; na segunda, interveu a Coral Polifónica de Pontevedra baixo a dirección de Antonio Iglesias Vilarelle, con pezas de Victoria e Di Lasso; na terceira, comezou Amezúa cunhas improvisacións para mostrar os numerosos recursos do instrumento, continuando cunha tocata de Widor, para rematar órgano e voces con repertorio de Beethoven e Bach.

Entre os organistas que tocaron o instrumento, a través do tempo, destacan José Jané Baqués, organista titular do cinema, contratado por Isaac Fraga como director da orquestra do Teatro García Barbón en 1929; Jesús Guridi, quen interpretou o seu poema musical “Tríptico del Buen Pastor”; Antonio Jaunsarás; Miguel Villatoro; Ernesto Hill; Juan Orteaga; e o noso benquerido José Carlos Rodríguez, coñecido na nosa cidade por ser o dono da famosa tenda musical Orpheo. Este último acompañou en numerosas ocasións, no Teatro, á Coral Polifónica Casablanca dirixida polo admirado Francisco Rey Rivero.

No xornal Faro de Vigo, ao día seguinte da inauguración, publicouse un resumo da xornada salientando que fora unha festa de arte inesquecible, situando a Vigo entre as primeiras cidades con capacidade para grandes espectáculos. En El Pueblo Gallego remarcaban que será un orgullo máis para a magnificencia do Teatro, culminando a perfección da súa impronta artística.

O órgano de tubos do Teatro Cinema Fraga converteuse nun dos instrumentos de uso civil máis impresionantes xamais instalados en cinemas de España. A súa volta ao lugar de orixe será todo un acontecemento, o cal non penso perderme. Por favor, non demoren moito en facelo realidade!

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza