Opinión | tRIBUNA LIBRE

Paula Fernández Pena*

A Romaría da Rapazada foi a Romaría da Xente

Cando a xente se xunta, conséguense cousas incríbles. E iso foi o que pasou este domingo na Romaría da Rapazada.

A colaboración e o traballo dun gran número de colectivos fixo desta festa algo único. A sustentabilidade, a igualdade, diversidade, creatividade e as tradición foron os eixos de xogos e espectáculos, e a todos eles queremos agradecerlles o seu compromiso.

Ás Anpas do municipio (Brincadeira, Musiquiños e Raparigos), que dende o minuto un entenderon a importancia da colaboración cidadá para que esta celebración funcione ano tras ano, e non só crearon uns fantásticos obradoiros circenses e musicais, senon que tamén xestionaron o bar no que as persoas asistentes puidemos refrescarnos.

Á Fundación Roberto Rivas, que volveu demostrar o seu compromiso con este pobo, ofrecendo unha marabillosa actuación cun contido medioambiental clave para crear conciencia entre a rapazada.

Ao Museo do Campo e a Mecanización que, abrindo as súas portas para que os coñezamos mellor, prestáronnnos un dos seus tractores Barreiros, que cautivou a atención dos máis novos.

A Recycling, con quen aprendemos que a solidariedade ben entendida é importante para unha sociedade xusta, e que é fantástico usar as bicicletas e patinetes reciclados que van facer moi felices a outros rapaces noutros países.

A Aupadeza, que nos axudaron a crear bolboretas de cores cas que nos ensinaron que todas as persoas somos diferentes. A entender que sempre temos que por unhas gafas azuis para ver a vida doutra cor.

A Cogami, que co seu posto de artesanía fabricada polas persoas usuarias de Medelo nos demostran que as cousas son aínda máis fermosas cando se elaboran con paixón.

Á Policía Local, que ca súa entrada no recinto cas sereas postas xerou unha expectación que acabou convertida nun subir e baixar dos vehículos policiais.

Ao CIM, que se desprazou ata a Romaría para ofrecer lecturas pola igualdade entre homes e mulleres, e material divulgativo. Para crear conciencia e unha sociedade máis xusta.

A Máisquedanza, que amosaron as coreografías que aprenden nas clases, pero tamén nos agasallaron con outra deseñada e ensaiada polas mesmas alumnas durante a propia festa.

A Agustín Crespo, por esa marabillosa organización dunha carreira de orientación na que participaron nada menos que 30 equipas e percorreron o fermoso entorno natural do santuario de Siador.

E sobre todo, grazas a esas persoas voluntarias: Mencía, Nico, Alba, Nadia, Mario, Leyla, Teo e Izan, que nos axudaron a voltar ás orixes da Romaría coordinando xogos interxeracionais coma o tiro á corda, as carreiras de sacos, o brilé ou o xogo do pano, que fixeron xogar a familias enteiras nestes tempos nos que as novas tecnoloxías nos aillan a todos; tempos tamén nos que o fácil é ter xogos nos que a rapazada se entretén mentras as persoas adultas simplemente miran.

E grazas aos Pais Saletinos, por cedernos as súas instalación, a Mari Carmen, por facernos sempre un oco, a Gerardo por prestarnos ferramenta cando a nosa rompeu facendo os campos de xogo...

Foron tantas as persoas que nos axudaron e que axudan a crear sociedade...

E grazas, por suposto, a todas as persoas que acudistes a Siador, pese a que o día amenceu moi desapacible. Só agardamos que disfrutarades tanto coma nós.

Vémonos en 2025!

*Alcaldesa de Silleda