Opinión | Segunda Feira

Kafka connosco

Nos cincuenta do século pasado, Franz Kafka (1883-1924) prendeu na mocedade literaria de Galicia. Na Coruña estaba José Luis Aranguren (nada que ver co filósofo), autor de “Yo, el caballo” e “Elipsis”, novelas kafkianas en castelán que correron mecanoscritas e non sei se se perderon ou que. Recordámonos do tamén coruñés Xohan Casal, morto aos vintecinco anos e de cuxo legado literario dispuxo Reimundo Patiño (narrador e artista plástico) do mesmo modo que Max Brod se ocupara dos inéditos de Kafka. Casal deixou un inesquecíbel libro de contos, “O Camiño de abaixo”, no que hai burocracia, opresión, absurdo, alleamento (Edicións do Castro, A Coruña, 1970). Carlos Martínez Barbeiro asegurounos que este escritor era familia de Ánxel Casal, alcalde compostelán asasinado pol franquismo. O cal nos leva, de novo, a J. L.Aranguren, neto do xeneral galego José Aranguren Roldán que en 1939 foi fusilado por Franco.

"Debe de ser verdade, que a xeración literaria galega dos autores e autoras que viñeron ao mundo entre 1930 e 1940, leva marcado a fogo o signo de Kafka"

A familia de que viña Reimundo Patiño estaba composta, semellantemente, por persoas comprometidas coa esquerda. Tío seu, o libreiro e activista cultural Antón Patiño Regueira. Sempre as mesmas ondas familiares militantes, atopámolas en Santiago, naqueles cincuenta, entre os novos kafkianos que na cidade levítica, se foron precipitando coma autores tocados por Kafka. O corvo erguía o voo en Compostela ao Gonzalo R. Mourullo sacar á luz a colección de contos titulada “Memorias de Tains” (Monterrey, Vigo, 1957). El non quixera, ou non poidera, editar o seu libro en Galaxia. Ao pouco tempo, Mourullo abandonou para sempre a escrita entregándose a avogacía e á súa cadeira de Dereito Penal en Madrid. Aínda que sorprendeu en algúns a ausencia, en “Memorias de Tains”, da Galicia epidérmica, da sustitución da onomástica tradicional por iniciais (aquel K. que logrou irritar Carballo Calero...), dos nosos usos e costumes situados nun “non lugar”de pesadelo.

A xeración Nós descobríralle aos galegos a grandeza de James Joyce nunhas páxinas do “Ulysse” traducidas por Otero Pedrayo. E Risco, alén diso, forzara a lingua nosa no sentido radical no que Joyce descompuña o inglés e máis puxera Stephen Dedalus a andar por Compostela moi teso. Os seguidores do método de Petersen defenden que a aceptación colectiva dunha autoridade intelectual ou literaria pode condicionar a faciana do grupo xeracional. Finalmente, todo pende de todo no antes chamado Zeitgeist ou “espírito da época”. Debe de ser verdade, que a xeración literaria galega dos autores e autoras que viñeron ao mundo entre 1930 e 1940, leva marcado a fogo o signo de Kafka. Un saúdo aos kafkianos de hoxe en ocasión do centenario da morte daquel corvo enigmático que crocita sempre no apelido checo de Franz Kafka.

Suscríbete para seguir leyendo