A identidade do mestre Cerviño

O investigador Anxo Coya lembra ó gran mestre e autor do Cruceiro do Hío coincidindo co Certame de Cantería, que se celebra na parroquia

Desenclavo das Cachadas, en Ponteareas onde Ignacio Cerviño traballou 20 anos .

Desenclavo das Cachadas, en Ponteareas onde Ignacio Cerviño traballou 20 anos . / Anxo Coya

Anxo Coya

Ao estimado Estanislao

Fernández de la Cigoña

A identidade das persoas pode ser modificada ou pódese distorcer ou terxiversar co paso do tempo. Hai exemplos ben coñecidos como algúns cualificativos que se lle adxudican á María Soliño ou Soliña, como nos soe mellor. Xa pasou tamén máis dun século cando comezaron as discrepancias sobre a auténtica nacionalidade de Cristóbal Colón.

A nosa intención é a de escribir a historia co máximo rigor posible, e para elo, hoxe 30 de xuño de 2024, coincidindo co I certame de cantería “IGNACIO CERVIÑO QUINTEIRO” queremos facer fincapé na que pensamos que é a verdadeira identidade do que foi o mellor escultor galego do s.XIX, o Mestre Cerviño.

A identificación deste mestre escultor encaixaba moitos anos atrás coa do mestre canteiro de Santa María de Aguasantas (Cerdedo/Cotobade) José Cerviño García, “Pepe da Pena”,(23-05-1843- 4-01-1922). E isto debeuse a que se lle atribuíu como dicimos, nalgún momento do pasado, a autoría da que está considerada a mellor obra da arquitectura popular galega, o Cruceiro do Hío erixido en 1872. Esta adxudicación faise dun xeito, cando menos, incerto e pouco fundamentado, pois a día de hoxe non se coñece a presenza deste canteiro na parroquia do Hío.

Antigo panteón do crego Juan Manuel Míguez

Antigo panteón do crego Juan Manuel Míguez / (RAIG 1935

Para o autor deste artigo a identidade do Mestre Cerviño correspóndese coa persoa de Ignacio Cerviño Quinteiro. Este ano cumpriuse 190 anos do nacemento deste esgrevio escultor, pois naceu o 14 de xuño de 1834 sendo bautizado dous días despois na igrexa parroquial de Santa María de Aguasantas. Naceu na casa do Casal, en Peroselo, lugar desta mencionada parroquia. Seu pai foi un coñecido mestre de cantería chamado Antonio Cerviño Couceiro. Súa nai, María Quinteiro Touriño, atendía as labores da casa e as do campo. O investigador Arturo Sánchez Cidrás documentou no seu día a Antonio Cerviño facendo unhas obras na igrexa parroquial de San Martiño de Bueu no ano 1850. Tamén é coñecida a conclusión da bóveda en 1851 da igrexa parroquial de Aguasantas a cargo de Antonio.

Panteón da familia Candeira, na parroquia de San Fiz de Celeiros.

Panteón da familia Candeira, na parroquia de San Fiz de Celeiros. / Anxo Coya

O crego do Hío, Juan Manuel Míguez Alonso, natural de San Miguel de Pexegueiro, decidiu contratar para construír a bóveda da nave central da igrexa parroquial do Hío, ao mestre canteiro Antonio Cerviño Couceiro. Esta obra está totalmente documentada ante o notario don José Benito Arís, nun protocolo notarial datado no 19 de outubro de 1852 que se atopa no Arquivo Hstórico Provincial de Pontevedra. O texto di: /En la Feligresía de San Andrés del hío á diez y nuebe días del mes de octubre año de mil ocho cientos cincuenta y dos: ante mi Esnº. (escribano) y testigos personalmente constituidos el Sr. Cura Parroco Dn. Juan Manuel míguez de la misma y José Benito ferradás mayordomo Fabriquero de ella, de la una parte; y de la otra Dn. Antonio Cerviño Maestro de Cantería de la vecindad de Sta. Mª. de Aguas Santas del Partido Judicial de Puente Caldelas y dijeron: Que en diez y nuebe de Julio pasado del corriente año, se remató en públicas posturas de entre varios licitadores en el Dn. Antonio Cerbiño la obra en la Yglesia Parroquial de esta Parroquia en la cantidad de cinco mil seis cientos y sesenta rrs. Vºn. (reales vellón) Bajo las condiciones siguientes: Primera- Baldosar toda la Yglesia con las Capillas que dicen a sus estremos. Segunda- El Baldoso ser todo unido a cincel y escodado la parte superior, haciendo un franje desde la Cepa o Machón de los Arcos de uno a otro, haciendo este una desigualdad de las mas hileras. Tercera- La parte qe dice desde el Arco de las Capillas ariba, será baldosado en forma de triángulo, y solo los estremos segun dicen las Paredes del Cuerpo de la Yglesia, qe este será a hilada..../.

Expediente de declaración do alistamento de milicias de Antonio Cerviño, pai do mestre Cerviño

Expediente de declaración do alistamento de milicias de Antonio Cerviño, pai do mestre Cerviño / Fdv

Nesta obra contaría o seu fillo Ignacio con 18 anos, unha idade doada para traballar co seu pai e así coller experiencia laboral. Sabendo por verbas de canteiros expertos que a bóveda e outras obras adxacentes que se expresan no contrato non deberon durar menos de dous anos e coñecendo que os mozos daquela época tiñan a obriga de cumprir co servizo militar entrados nos 20 anos, trasladámonos pois ao 1854, cando Ignacio Cerviño entra na vintena.

Sinatura e cruño personalizado de Ignacio Cerviño.

Sinatura e cruño personalizado de Ignacio Cerviño. / A.H.D.Tui

Mais facer o servizo militar non era do agrado de moitos mozos, así que cada un apañábase para intentar evadir tal cumprimento. Temos coñecemento de casos onde os chamados a filas emigran a traballar a outros países para intentar evadirse da obriga militar. Antonio Cerviño acode no nome do seu fillo Ignacio diante as autoridades de Cotobade para alegar que dos seis fillos do matrimonio, Ignacio é o único varón e por conseguinte o que aporta economía á familia para saír adiante, polo que solicita que se aprobe a exclusión de Ignacio para entrar a filas. No expediente da declaración de Antonio Cerviño podemos ler o seguinte: “Ygnacio cerviño de Antº (Antonio) y Mª (María) Quinteiro de Aguastas (Aguasantas) ausente en Cangas segun dixo su padre; y pide se le excluya como hijo unico de Padre enfermo a quien asiste; lo que está pronto a justificar además de lo q. resulta del reconocimiento que pide se le haga...”. A documentación dinos que Antonio foi recoñecido polos facultativos que diagnostican o seguinte: “ ... que el Antonio es Maestro de Canteros, y se dedica a la continua a su oficio y en las epocas regulares al cultivo de sus bienes, a pesar de ser quebrado. Habiendo sido reconocido el Antonio por los Físicos declaran, que padece una hernia completa o escrotal antigua e irreducible, por lo que se le considera inutil para poder ejercer los trabajos pesados y vida laboriosa. En vista de su declaraon (declaración) facultativa y mas qe resulta de la justificon (justificación) el Aymto (ayuntamiento) de conformidad con el síndico declara excluso al Ygnacio...” (Arquivo Municipal de Cotobade, Quintas e Milicias, Leg.539-3.12).

Retablo da Virxe das Dores, en Areas, contratado por Ignacio Cerviño en 1892

Retablo da Virxe das Dores, en Areas, contratado por Ignacio Cerviño en 1892 / Anxo Coya

O feito de que Ignacio estea ausente en Cangas relacionámolo coa obra que seu pai realiza no Hío. O reloxo de sol que se atopa na igrexa do Hío é de 1854, segundo unha imaxe do libro “Historia de Galiza” de Ramón Otero Pedrayo. Polo que por lóxica e coherencia atribuímos este reloxo á man de Ignacio Cerviño. Segundo información oral recollida en Aguasantas, un reloxo semellante, hoxe desaparecido, adobiaba a cornixa da súa casa natal. Do mesmo xeito tamén pensamos que, despois dunha análise arquitectónica de varios panteóns que se lle atribúen ao Mestre Cerviño, o mausoleo que mandou facer o crego Juan Manuel Míguez que hoxe está desaparecido tamén é da súa autoría. Deste panteón aínda se conservan dúas figuras, o Calvario e a Fé. O Mestre Cerviño pasou a traballar a Cerdedo onde se lle coñecen dúas obras: a recomposición do Cruceiro do Pego e o panteón de Isidro Peleteiro, ben constatado polas publicacións de Antonio Rodríguez Fráiz, Estanislao Fernández de la Cigoña ou Calros Solla Varela. Alí casou con Ramona Beiro Mosquera o 3 de agosto de 1859. O 3 de novembro de 1860 a súa filla Vicenta Fernanda sería bautizada na parroquial de Cerdedo.

De seguido marcha coa familia para Madrid e faino para matricularse no curso 1860/1861 na Escola de Bellas Artes de San Fernando. A tradición oral di que este feito foi impulsado por dúas familias con recursos de Ponteareas, os Bugallal e os Candeira.

A documentación certifica que Ignacio Cerviño atópase domiciliado na parroquia de Santo André do Hío, xa casado en segundas nupcias con Josefa Linares, dende 1869 a 1872, anos que coinciden coa labra do fermoso Cruceiro do Hío. O nacemento e bautismo o 2 de abril de 1872 da súa filla María de los Remedios no Hío, fai que a autoría deste cruceiro lle sexa adxudicada dun xeito firme a Ignacio Cerviño sendo a súa profesión a de escultor domiciliado no Igrexario do Hío, tal como aseguran o documentos que xa temos publicados. Esta rapaza será soterrada en Cangas o 19 de xullo de 1872, sinal de que o Mestre Cerviño ten obras contratadas nesta vila. Numerosas obras da Semana Santa canguesa, xa documentadas por Eugenio Eiroa e Estanislao Fdz. De la Cigoña, son da súa man e varios panteóns no cemiterio municipal de Cangas pertencen á escola do escultor. O mellor e máis complicado exemplo do legado de mausoleos é o encargado por Joaquín Francisco Graña Rodal, alias “O Ranqueta”. Entre outros, tamén son dunha complicada e fermosa feitura o que está no cemiterio de San Fins de Celeiros da familia Candeira ou o de Amancio Presa no cemiterio municipal de Ponteareas.

Panteón, de Francisco Graña Rodal (do Ranqueta), obra do Mestre Cerviño.

Panteón, de Francisco Graña Rodal (do Ranqueta), obra do Mestre Cerviño. / Anxo Coya

No 1875 reside e traballa no lugar de A Lenguda, na parroquia de Pías en Ponteareas, onde ten executado un fermoso panteón e un magnífico reloxo de sol que xa documentou no seu día o investigador Andrés Sampedro. Casualmente alí bautiza o 22 de outubro de 1875 ao seu fillo Antonio Ángel José Cerviño Linares. Máis tarde pasará unha longa tempada á beira do río Tea na citada vila. Alí traballará 20 anos tendo numerosas obras espalladas polas parroquias ponteaeranas e doutros concellos limítrofes e próximas como Mondariz, O Covelo, Salvaterra do Miño ou O Porriño. Edificou a bóveda da igrexa de San Salvador de Coiro en 1887. Existe un contrato dun retablo da Virxe das Dores da igrexa de Santa María de Areas (Ponteareas) asinado en 1892 por Ignacio. Este documento ten un cuño personalizado formado por varias ferramentas dun mestre canteiro e onde aparece un lazo co seu nome, apelido e profesión: “IGANCIO CERVIÑO ESCULTOR”. Aínda así a incompetencia dalgunhas autoridades colocaron un cartel informativo no exterior deste templo onde se asegura que o retablo foi feito por José Cerviño. Algo semellante acontece coa estatua da Fonte de Santiago de Cangas. Traballou en 1896 e 1897 no Carballiño na fabricación do cenotafio da familia Cela/Corral, onde o incansable Estanislao Fernández de la Cigoña foi quen de atribuírllo certamente.

Grazas ás investigacións de Emilio Alfonso Fernández Sotelo sabemos que finou viúvo o 28 de Outubro de 1905 no Porriño á idade de 71 anos, só e pobre. Mais algún xornalista tivo a dignidade de redactar unhas verbas ao tan recoñecido e venerable Mestre Cerviño. Unha crónica do xornal Faro de Vigo deixa claras e concisas evidencias de quen foi o verdadeiro Mestre Cerviño: “ Desde Porriño- Anteayer fué conducido á la última morada, el conocido é inteligente escultor en piedra y madera, D. Ignacio Cerviño, del que pocos serán los pueblos y parroquias en que no quede alguna obra ejecutada por el mismo. El conocido artista después de tantos trabajos, baja al sepulcro á los setenta y siete años y casi pobre. La conducción del cadaver al Cementerio, fué una verdadera manifestación de duelo, habiendo asistido además del Centro obrero, todo el pueblo en masa, dando así una prueba al finado artista, que no solo supo captarse las simpatías de esta provincia, sino que su nombre llegó hasta la República Argentina, á donde no pudo ir como era su deseo, por sus achaques y avanzada edad, Dios le haya acogido en su seno” (Faro de Vigo 4-11-1905).

Existe documentación para poder atribuír ao Mestre Cerviño a autoría do Cruceiro do Hío. Ante a ausencia do contrato da obra do Cuceiro do Hío, a nosa conclusión é que a identidade do Mestre Cerviño correspóndese coa persoa de Ignacio Cerviño Quinteiro, o mellor escultor galego do SXIX. O Hío e Cangas claman unha rúa, camiño, praza, etc., que leve o nome e apelidos deste gran escultor. Mais son as autoridades correspondentes, tanto eclesiásticas como civís, as que deben estudar o caso e obrar a prol do legado de Ignacio Cerviño.

*Veciño do Hío.