Opinión

María José Pérez Álvarez e Julia Carballo Rodríguez*

Ciencia cidadá e aprendizaxe-servizo: o proxecto Micromundo

O termo ciencia cidadá fai referencia á participación de cidadáns na investigación científica que poden observar, analizar e producir datos e así contribuír ao coñecemento científico. Esta colaboración cidadá está moi ligada ao mundo educativo, de xeito que se desenrolan proxectos colaborativos entre docentes e estudantes de diferentes niveis educativos, o que supón una estratexia de aprendizaxe-servizo.

MicroMundo é un proxecto de ciencia cidadá e aprendizaxe-servizo para descubrir novos antibióticos e fomentar a cultura científica, a perspectiva One Health, e a Microbioloxía co fin atraer estudantes aos estudos STEM (acrónimo en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). É a rama española dos proxectos internacionais Small World Iniciative (SWI, 2012) e Tiny Earth (2018) creados nos Estados Unidos pola doutora Jo Handelsman nas Universidades onde estivo impartindo docencia e investigando, Yale e Wisconsin respectivamente. En 2016, o profesor Víctor Jiménez Cid implementou o proxecto por primeira vez en España na Universidade Complutense de Madrid e en 2017, amparado pola Sociedad Española de Microbiología, creouse a rede MicroMundo, da que formamos parte dende entón o nodo MicroMundo@UVigo. Na actualidade esta rede ten un carácter ibérico, posto que participan máis de 30 universidades españolas e portuguesas.

Para a Organización Mundial da Saúde, a resistencia microbiana aos antibióticos é un tema prioritario posto que se calcula que no 2050 podería ser a causa de ata dez millóns de mortes, estimando que serán máis que as producidas por outras enfermidades coma o cancro. O uso descontrolado e o mal uso dos antibióticos levou a esta situación actual de aparición de “superbacterias” (patóxenos resistentes a practicamente todo o arsenal terapéutico dispoñible) polo que encontrar novos antibióticos podería axudar a reverter a tendencia. Hai tempo que as compañías farmacéuticas abandonaron a busca activa de microorganismos produtores de sustancias antibióticas xa que non é rentable a inversión neste tipo de medicamentos en comparación cos necesarios para o tratamento de doenzas crónicas.

Comunicar e involucrar á sociedade no problema da resistencia aos antibióticos resulta máis efectivo traballando dende as bases, fomentando a curiosidade científica nos máis novos e educando así a unha futura xeración máis concienciada. Implicalos na busca conxunta de bacterias do solo produtoras de novos antibióticos supón un acicate maior de contribución ao desenrolo e coñecemento científico.

A aprendizaxe-servizo é una estratexia pedagóxica que combina a aprendizaxe co compromiso cívico ou o servizo á comunidade mediante actividades avaliables para a formación do estudantado que supoñen una acción directa e beneficio da comunidade na que se integra a institución educativa. Neste caso, o estudantado universitario traballa na xestión e desenrolo do proxecto.

MicroMundo@UVigo iníciase no curso 2018-2019 empregando unha metodoloxía compartida por toda a rede MicroMundo. Así, cada curso académico o profesorado do proxecto (instrutores, integrantes do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio da área de Microbioloxía do campus de Ourense da Universidade de Vigo) forma a estudantes universitarios voluntarios das titulacións de Grao en Ciencias Ambientais, en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental e Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria. Estes estudantes reciben un curso específico de oito horas durante as que aprenden a metodoloxía que logo teñen que transmitir nos Institutos e centros de Educación Secundaria das provincias de Ourense e Pontevedra que soliciten participar, converténdose así en Axudantes de Instrución (AI). Deste xeito se integran os dous niveis educativos, universitario e preuniversitario. As actividades de MicroMundo@UVigo se realizan nos centros educativos durante cinco sesións de 1-2 horas nas que o equipo universitario formado por un instrutor/a e catro ou cinco asistentes de instrución adestran e supervisan grupos de estudantes preuniversitarios, os cales serán nomeados Investigadores/as MicroMundo e que terán como “misión” concienciar do problema ás persoas cas que se relacionen.

Ata agora participaron no proxecto cinco instrutor/as, 27 axudantes de instrución, e 139 investigadoras/es MicroMundo de sete centros educativos que investigaron máis de mil cepas bacterianas illadas de diferentes mostras de solos, demostrando que 180 presentaron actividade antimicrobiana. Estes illados que se conservan no laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense inclúense nunha base de datos e de almacenamento común de MicroMundo.

Esta iniciativa foi recoñecida e cofinanciada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo en diferentes convocatorias.

Todos os actores desta iniciativa manifestan a súa grande satisfacción por participar desta actividade, e dende MicroMundo@UVigo esperamos poder seguir contribuíndo á concienciación da sociedade deste grave problema e fomentar novas vocacións científicas.

*María José Pérez é doutora en Bioloxía Fundamental e Julia Carballo é doutora en Farmacia e socia de AMIT-Gal. Ambas son profesoras da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, no campus de Ourense

Suscríbete para seguir leyendo