Opinión | tRIBUNA LIBRE

Xosé Antonio Torres Chapela*

Un bo número de razóns

Vai para quince anos que a Corporación Municipal do Concello de Bueu (7/10/2009) adoptou por unanimidade o seguinte acordo: “Esta institución Municipal estaría en disposición de colaborar co a Deputación Provincial na redacción e execución dun proxecto de obra que contemple a urbanización do vial Beluso-A Roza coa dotación das correspondentes beirarrúas”. Pasados todos estes anos e cun proxecto redactado sen beirarrúas, os veciños da Rosa presentamos o pasado 9 de maio e por rexistro o escrito que segue:

“Solicitamos a esta Corporación Municipal e na maior brevidade o seguinte acordo en Sesión Plenaria: cumprimento do acordo plenario do 7/10/2009, referido á dotación de beirarrúas do vial entre Beluso e a Roza”.

O pasado 3 de xuño os grupos da corporación presentaron unha moción conxunta para tratar dita solicitude. Poida que os legos interpretemos mal as ordenanzas e regulamentos referidos á veciñanza, pero o seu artigo 9º di que: “os solicitantes terán resposta a súa solicitude nun prazo máximo de 15 días”. Ademáis o artigo 14º sinala: “O voceiro ou representante do grupo de asinantes poderá facer unha exposición e defensa da súa proposta en Comisión Informativa e no Pleno, quedando a súa intervención reflectada en acta”.

Os solicitantes tivemos que enterarnos pola prensa que se iba a tratar a solicitude, pero o máis grave é que foi modificada sen contar con nós. Non só iso: introduciron un novo punto sen que nós superamos nada do mesmo. Ademais na moción que presentan aluden a beirarrúas e nomean ó voceiro dos veciños en tres ocasións. Ese novo punto di: “Instar á Deputación a completar os trámites para a execución do proxecto”. Cumpre decir que está paralizado a espera do informe de Patrimonio, pero ¡ollo!, non contempla beirarrúas.

A pesares destas graves anomalías, non se nos permitiu defender o acordo plenario do 2009, negándosenos o dereito á palabra, e non só dende a Presidencia, senon tamén por algúns militantes que empregaron o insulto coa intención de amedrentarnos. Xa se sabe: fora da manada, o lobo convírtese en can de palleiro. Pretenderon os concelleiros que se aprobara o esperpento antes de darnos a palabra “para que nos entendamos todos”. Dictar sentencia sen escoitar é unha práctica autoritaria, pero finalmente retiraron a moción e ninguén preguntou o porqué.

Temos que decilo alto e claro: o Alcalde convocounos o 5 de xuño, dous días despois do pleno. O primeiro que fixo foi disculparse polo sucedido. Aceptamos as desculpas de maneira individual, pois actuaron como se toda a culpa fora nosa. Nós, pola contra, non temos que pedir desculpas a ninguén: grazas ós gritos de indignación non se cometeu un despropósito. O 1 de xullo estaremos de novo no pleno, esta vez con voz e argumentos, porque a Casa do Concello é do pobo. Esperamos que asistan aqueles que intentaron facernos calar. Chabrias, xeneral galego, dicía: “As guerras non as gaña o número de homes senón o número de razóns”.

*Veciño de Beluso