Opinión | Voyager

A conciliación son os avós

Os avós, garantes da conciliación.

Os avós, garantes da conciliación. / FdV

O momento que de verdade pon punto e final ao curso escolar é a queima de apuntamentos nas fogueiras de San Xoán. Ver arder e logo voar en faíscas o traballo de tres trimestres simboliza unha despedida, destruír aquilo que queres quitar de diante, pero tamén implica darlle a benvida a este verán onde todo está aínda por facer. Escoito ao meu redor a moitas nais e pais fungar polo que supón ter crianzas na casa durante algo máis de dous meses. Porque as vacacións escolares non significan que as obrigas laborais desaparezan. O que si fan é evidenciar de maneira máis escandalosa que no resto do ano a quimera da conciliación, unha palabra que alguén inventou para nomear algo que non existe. A conciliación son os avós. Hai uns días, falando das expectativas e modos de vivir dos preadolescentes, un amigo comentábame que esta é a xeración con máis información da historia. Eu contesteille: nós tamén o eramos e tamén cometemos erros. Narro isto de xeito algo descontextualizado, pero porque quero poñer un foco nunha cuestión espiñenta. Paréceme preocupante a cantidade de persoas con fillos que vexo superadas. Reproducen comentarios do estilo “ter fillos é marabilloso, PERO...” Ese “pero” dá lugar a múltiples argumentos, todos na liña de que a vida, con fillas, require unha serie de sacrificios que converten o día a día nunha sucesión de obrigas que implican deixarse a unha mesma para o final na lista de prioridades. Porque antes de que un pai poida ocuparse de si mesmo hai que ocuparse das crianzas. Mais isto, desculpen o argumento tan obvio que vou escribir, xa o sabían as nais e pais antes de ter fillos. Porque a nosa xeración era a máis informada da historia, e porque todas vimos as nosas nais cargando coa comida, coa casa, coas titorías, coa compra de libros, coas visitas ao médico, coas actividades extraescolares e con todo o que levaban enriba, coma esas avoas que ían cara ao río coa coada sobre as súas cabezas, camiñando con elegancia de cariátide. Unha das grandes diferenzas é que antes, as nenas e nenos, eramos unha prioridade sen saber que o eramos, porque a nosa capacidade para opinar, para influír na toma de decisións ou para ser consultados era case nula. Cousa que non era xusta. As decisións tomábanas as persoas adultas escoitándose unhas as outras. O mundo no noso país, ata hai xa máis dunha década, era adultocéntrico. Pero o foco mudou de maneira radical. Sendo eu unha persoa que está máis do lado das crianzas que do lado dos adultos, observo con estupor os erros que comete a xeración que foi a máis informada da historia cos seus fillos, e calo. Mentira, non calo. Se calase non estaría escribindo isto. Ter fillos non é algo que toque facer cando chegas a unha determinada idade. Nin sequera é un dereito. É unha posibilidade que, ás veces, brinda a vida. Outras veces, non. Ti podes escoller esa opción. Que a sociedade exerce presión para ir por ese camiño? Evidentemente. Mais non obriga, como non obriga a casar nin a compartir a vida cunha parella coa que non es feliz. A idealización do que supón ter fillos é responsabilidade de cadaquén. Unha fantasía que as persoas crean, talvez evitando poñerse no lugar dos nosos pais e nais. De interpretar como eran as súas vidas durante a nosa infancia, quen nos coidaba cando non estaban, como eran os nosos veráns... Pero claro, nos nosos veráns, con oito anos, nós xa podiamos coidar e atender as nosas irmás pequenas sen a supervisión adulta. Agora iso é inviable. Entre aquilo e isto, hai un punto onde está un equilibrio. Ese lugar (talvez utópico) é ao que debemos aspirar. Dito isto, feliz verán.

Suscríbete para seguir leyendo