Opinión | tRIBUNA LIBRE

Ariadna Fernández González

A volta do COVID das vacas

Coa chegada do verán e das temperaturas propias da etapa estival, apareceron novamente casos de enfermidade Hemorráxica Epizoótica en Galiza, que xa nos deixara explotacións afectadas no Deza na pasada campaña e que comezou neste 2023 por unha vaca dunha explotación de Verín. É tan só un aviso do que parece ser unha futura nova vaga de focos, continuando coa que nos afectou o ano pasado e que nos pilla nas mesmas condicións, sen un plan claro para evitar a expansión, sen información suficiente por parte da administración sobre os pasos a seguir en materia de prevención e sen que os gandeiros coñezan, en moitos casos, que é unha enfermidade de Declaración Obrigatoria.

A súa transmisión entre os bovinos é un grave problema no tocante á sanidade animal das explotacións gandeiras e prodúcese a través da picadura dun mosquito que actúa como vector, cuxa aparición está moi ligada ás altas temperaturas ambientais, así coma a presenza de materia orgánica nas zonas onde permanece o gando. É desa maneira como esta doenza infecciosa e non contaxiosa se propaga entre os animais tanto domésticos coma salvaxes, con consecuencias nefastas para a súa saúde, influíndo moi negativamente na súa produción, chegando incluso á morte.

A enfermidade chegou ao noso territorio no 2023, cando se detectaron 1484 afectados en 641 explotacións gandeiras galegas, dos que morreron 483, sendo obxecto de indemnización ata a data 376. É evidente, polo tanto, que a indemnización que achega a Consellería de Medio Rural cobre unha parte moi pequena dos afectados, tan só un 32% do total, ignorando os gastos veterinarios, os tratamentos medicamentosos e as perdas derivadas da enfermidade no tocante á produción de ditos animais, que realmente é o que ten un maior gasto económico para os propietarios.

Dita medida é un pequeno parche do goberno da Xunta, evidenciado por un gasto que non chega aos 200000 euros para atallar un grande problema ao que nos enfrontamos no sector gandeiro galego e que acaba de empezar. Esta partida de diñeiro chega ao ridículo se comparamos as inversións doutras comunidades autónomas afectadas para a mesma fin, onde o diñeiro vai dirixido aos afectados pola EHE, tanto no caso dos mortos coma os que logran recuperarse tras o tratamento, contabilizándose por millóns de euros en Extremadura, Castela e León ou o País Vasco, por exemplo, e que en Galiza se reducen o máximo posible, mentres nos exemplos anteriores se superan os 5 millóns de euros en cada caso.

A pesares de que na Consellería de Medio Rural din ter a intención de impulsar ao sector, cando se trata de inverter diñeiro nel son escasos ou aforradores, sen ter en conta a importancia deste no PIB do país e de todas as actividades que dependen del. Deste xeito a súa falla de ambición e de resposta diante dun problema que asolaga aos gandeiros é imposible de disimular, cunha posición de observadores do problema dende a bancada e unha actuación claramente insuficiente perante unha emerxencia sanitaria que precisa que o goberno exerza como tal.

*Veterinaria, concelleira do BNG en Lalín e deputada en Santiago