Opinión | ao pé do farelo

Ángel Utrera

Publicidade ou propaganda

Vivimos inmersos nunha sociedade na que triunfa a desinformación interesada e na que as présas fan que resulte doada a proliferación de bulos, mentiras, falsidades e enganos, na que a débil liña entre a publicidade e a propaganda pura e dura resulta unha raia pintada cun xiz no asfalto de calquera rúa, que borran catro pingas de chuvia.

Sociedade absurda na que nos bombardean dende os medios de comunicación con mensaxes publicitarios ou propaganda, que buscan alterar as nosas conductas e conseguir unha resposta positiva ós intereses do emisor. Cando estes se moven dentro dos límites axeitados do marketing ou técnicas de venda podemos aceptalos como respectuosos coas regras do xogo. Mais, que pasa cando a propaganda se agocha baixo fórmulas publicitarias buscando enganar directamente ó receptor das mensaxes?

O primeiro que resulta necesario para diferenciar ambos conceptos é ter clara a definición dun e outro. A publicidade enténdese como un conxunto de comunicacións ou mensaxes dirixidos a crear necesidades ou provocar un estímulo ante un produto; case sempre a asociamos ó ámbito comercial e mercantil. Cando falamos de propaganda temos que ter claro que estamos diante dunha serie de estratexias que buscan modificar unha conducta, sentirnos solidarios cunha ideoloxía concreta e determinada a través da manipulación da información transmitida, moitas veces falsa. Ten connotacións dogmáticas e usa mensaxes subliminais ou directos para persuadir ó receptor do beneficio de seguir a liña do emisor.

A proliferación dos chamados populismos e o pulo que están a conseguir os grupos ultra, apoiándose no fracaso dos partidos políticos tradicionais, baséase no desencanto, enchente e falla de credibilidade dos líderes dos mesmos, tan so preocupados polo seu currículo e desenvolvemento, acrecentado cun hábil mensaxe propagandístico que vai calando nos grupos de opinión máis sensibles pola súa propia situación económica, persoal e familiar, case que de exclusión social.

Coma case sempre, non hai nada novo baixo o sol e podemos recordar como mostra o botón do Partido Nazi de Hitler, que chegou ao poder logo de gañar unhas eleccións democráticas. Despois sabido é o que pasou.