Opinión

Ondas Musicais

Desde comezos do pasado mes de marzo vense desenvolvendo na nosa cidade e a súa contorna o IIº Ciclo música antiga “Ai ondas”. Distintos escenarios serven de marco a concertos programados segundo unha clara liña artística, acorde cos espazos elixidos para a súa interpretación: Igrexas de San Francisco e das Trinitarias, Con catedral Basílica de Sta. María ou o Museo do Mar de Galicia. Asemade, o Ciclo expándese alén dos nosos lindeiros locais, ata chegar a Tui na Catedral de Sta. María ou a igrexa do Real Mosteiro de Sta. María de Oia. A música convertida en obxecto de culto, pois o seu goce e contemplación tamén pode producir milagres entre o seu público receptor. Neste caso o criterio do Ciclo é claro: música composta entre os séculos XII e XVII, autores coma Henry Purcell, G.F. Haendel, Vivaldi , J. S. Bach ou Alfonso X o Sabio, así como de compositores máis actuais, sobre textos de S. Francisco de Asís, Sto. Tomás de Aquino ou procedentes da mesma Biblia. Para tal fin escolleuse un amplo elenco de intérpretes, tais coma Leisberth Antonio Moreno / Teresa Novoa / Beatriz Riobó & E.V. Ángel Barja, Paulina Ceremuzynska & Manuel Vilas ou Daniel Goberna & Coro de Voces Graves de Vigo. Como deducirá o afeccionado informado, a música vocal e consubstancial á programación deste Ciclo de concertos, que prevé estenderse no calendario ata o próximo mes de xuño.

E se apelamos ao milagre que supón o propio feito musical en si, non o é menos a organización desta programación, á fronte da cal está Alberto Abal García, responsable da Asociación Coro de Voces Graves de Vigo, que non só se implica na dirección artística, senón que tamén fornece de fondos que garanten unha mínima solvencia económica que permita a celebración dos concertos. Polo que ao propio Coro respecta, o seu repertorio habitual inclúe obras de compositores tais coma Soutullo, Montes, Baldomir ou José Castro Chané. Tamén desenvolveu durante o ano 2018 unha serie de Microconcertos por diversas parroquias viguesas, así como en 2020 cantou en solidariedade co Banco de Alimentos. O pasado 28 de setembro de 2023 o Coro actuou xunto á soprano Teresa Novoa e ao barítono-tenor Juanjo Cura nos xardíns Elduayen, co gallo da inauguración dunha placa conmemorativa dedicada ao tenor Manuel Sirera, autor dun oficioso himno a Vigo, e xa polo nadal participou nun concerto de panxoliñas na igrexa Sta. Cristina de Lavadores. Total, unha intensa actividade, que mesmo amplía os seus concertos fóra da nosa cidade, con desprazamentos a Asturias, Italia ou Portugal. E guiado por un espírito interdisciplinar, co Coro colaboraron algúns integrantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

E mentres tanto, as Ondas Musicais continúan a súa programación. O próximo domingo 12 de maio está prevista unha excursión cultural con destino aos mosteiros de Sta. María de Mezonzo e Sobrado dos Monxes, así como á igrexa de San Francisco de Betanzos. Será unha homenaxe ao autor da Salve Regina, San Pedro de Mezonzo. Ao longo da xornada non só haberá música senón tamén unha visita guiada por un historiador. E finalmente en xuño, o Coro de Voces Graves prevé un concerto no templo do Mosteiro de Samos. A música no seu contexto, interrelacionada coas demais artes, en doada harmonía co contexto que xerou as composicións a interpretar. Unha iniciativa heroica, esta da Asociación Coro Voces Graves de Vigo, que está agardando da administración algunha achega que lle permita unha maior solidez económica, para así poder programar con antelación un novo ciclo de concertos, que sería de desexar se estabilizara no futuro. Agardamos, pois, que este ciclo de música antiga teña mellor sorte que outras iniciativas xurdidas nesta mesma cidade, que acabaron esmorecendo por falla de apoio institucional.

*Crítico musical. Membro da Asociación Cultural Pertenza