Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Escola con máscara

Non lembro nas últimas catro décadas un regreso ás aulas con maior nivel de incerteza e risco co do curso que comeza hoxe. Pasados case seis meses daquela abrupta interrupción provocada polo inicio da pandemia do Covid-19, que recluíu aos escolares na casa e obrigou ao profesorado a improvisar durante tres meses e cos seus propios medios un modelo de educación a distancia, a volta á ensinanza presencial non se pode adiar máis, xa que é imprescindible para o desenvolvemento das aprendizaxes e do estado emocional do alumnado, sobre todo do máis vulnerable (o das primeiras idades e aquel con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo), mais tamén para o conxunto da propia sociedade que, a pesar de que a doenza está aínda moi lonxe de ser vencida, pretende recuperar a mal chamada "nova normalidade".

Un regreso ás aulas, porén, que non se pode facer a calquera prezo, xa que se trata dunha manobra moi complexa que require dunha estratexia meditada e asumida por todos os membros da comunidade educativa con altos niveis de consenso e da mobilización de importante recursos económicos por parte da administración educativa competente. Unha apertura de escolas e institutos que pasa por garantir a seguridade das condicións sanitarias para o seu alumnado e persoal docente e non docente, mais tamén das condicións de igualdade e equidade nas que se van desenvolver as ensinanzas, tanto as presenciais como a distancia (no caso de producirse algún abrocho que obrigue a unha corentena), sen esquecer a conciliación coas familias (o que ten moito que ver co funcionamento das aulas matinais, comedores e actividades vespertinas) nun contexto de gravísima crise social e laboral.

Mágoa que a esta altura, xa metidos no mes de setembro, a pesar do esforzo extraordinario realizado polos equipos directivos, que elaboraron no mes de agosto cadanseus plans de adaptación, continxencia e acollida, non contáramos ate onte cun protocolo definitivo das Consellarías de Sanidade e de Educación que regule nos centros educativos as condicións da etiqueta sanitaria das 3M (Metros, Máscara e Mans). Distancia social de seguridade que as autoridades educativas e sanitarias galegas desde que publicaron o seu protocolo de 22 de xullo (o que foi modificado onte) interpretan de forma restritiva, xa que utilizando a fórmula de manter "un metro e medio entre o centro de cada unha das cadeiras reduciría a distancia social entre cada estudante á unha distancia inferior a recomendada pola OMS, lonxe tamén dese metro e medio asumido tras a recente conferencia de responsables educativas das CC.AA.

Atrevida interpretación "espacial" que xunto á utilización extensiva do modelo de grupos de convivencia estable de Infantil e Primaria, as mal chamadas "aulas burbulla", permite ás autoridades educativas galegas reiniciar o curso Covid-19 sen modificar nin a ratio de alumnado por aula (que se mantén nos niveis de 25 en EI e EP, 30 en ESO e 33 en Bacharelato) nin incrementar de forma excepcional o profesorado nin incorporar coidadoras para o alumnado con NEE nin modificar o horario nin sequera flexibilizar o agrupamento nin contratar persoal de enfermaría... Medidas tomadas noutros países, que priorizaron máis ca nós á reincorporación á escola ou noutras CC.AA., como o País Valenciano, tras un amplo acordo dos membros da comunidade educativa. Unha volta á escola en Galicia con todo o alumnado con máscara (velaí a medida estrela anunciada polo propio Feijoo), na que toda a responsabilidade recae sobre as costas do profesorado e das familias. Un regreso, ademais, a custe cero, mesmo a pesar de que a Xunta de Galicia contará con máis de 100 millóns de euros da partida de 2.000 millóns destinados a educación do famoso fondo Covid-19 de 16.000 millóns destinados a CC.AA., dos que non o esquezamos Feijoo, xa tras a conferencia de presidentes de 7 de xullo, solicitou liberdade para destinalos "ao que o Goberno galego considerase".

Un regreso ás aulas que as autoridades educativas galegas deseñan virando as costas tanto á representación sindical do profesorado, que convoca folga para os días de inicio de curso en Primaria e Secundaria, como ás asociacións das familias que como a viguesa FOANPAS reclama unha volta segura na que se reduza o número de alumado por aula e se incrementen os recursos para prestar os servizos de conciliación, que son responsabilidade tamén da administración autonómica. A pesar do moito tempo perdido, o presidente Feijoo debe asumir que as condicións deste excepcional regreso á escola, que nunca vai estar exento de riscos e incertezas, aconsellan ser compartidas coa comunidade educativa e cos concellos, responsables das competencias de limpeza e mantemento dos centros de Infantil e Primaria.

stylename="09_TXT_INF_GEN_03"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats