O programa Nin o imaxinas, da Televisión de Galicia, recreará hoxe a nova infraestructura ideada para Santiago de Compostela: o teleférico que conectará a Cidade da Cultura co monte Pedroso, facendo parada no parque da Alameda. Nin o imaxinas, presentado por Alba Mancebo, emítese esta noite a partir das 23.15 horas.

O programa dilucidará tamén cal é a localidade de Galicia que ten a mellor auga e cal a menos boa. Xa entrado o verán, comeza a perigosa ameaza do mosquito tigre e os reporteiros de Nin o imaxinas achegaranse ata Moaña para saber cales son as verdadeiras consecuencias que deixan estes insectos na poboación.

Ademais, os telespectadores poderán ver os estragos que deixou o último tornado que se viviu en Galicia, máis concretamente en outubro de 2023, hai tan só uns meses, no concello de Oza-Cesuras. Tamén grazas á realidade virtual, descubriremos como sería o teleférico de Compostela para unir a Cidade da Cultura coa Alameda, conectándoa tamén co Monte Pedroso. Ademais, o equipo do programa achegarase ás rúas para saber a opinión da cidadanía, posicionándose en contra e a favor de dita infraestrutura. E o público fará tamén as súas propostas de teleféricos na cidade.

O programa desta noite contará coa colaboración de entomólogos que explicarán como chegou o mosquito tigre a Galicia e as consecuencia que deixa na saúde das persoas. Ademais, unha farmacéutica de Moaña, o concello máis infestado por este insecto, da todas as chaves para evitalo ou reaccionar ante unha picada.

Por outra banda, saberemos como afecta ao sector agrogandeiro a chegada destes novos insectos propiciados polo cambio climático. En Galicia morreron un total de 76 vacas por mor da enfermidade epizoótica que provén da picada dun insecto. O equipo de Nin o imaxinas falará con gandeiros afectados e cunha veterinaria que contará as secuelas que quedan no gando.

Creen que a auga da billa é boa en todas partes de Galicia? Será outra das cuestións que abordará Nin o imaxinas este domingo á noite. Saberán se a auga das sete cidades de Galicia é boa para o consumo humano, grazas á información dada por unha experta en saúde pública. Tamén coñecerán que opina a xente da rúa e se habitualmente consumen auga embotellada ou beben auga da billa.

Plantexáronse algunha vez que o prezo da auga é diferente en cada zona de Galicia? Nin o imaxinas ten a resposta e desvelará onde está a auga máis cara de Galicia e onde a máis barata.

Aínda que os tornados son fenómenos pouco comúns en Galicia, o certo é que se producen e sorpréndenos moito cando se dan. É por iso que dende o novo pograma da TVG falarase con meteorólogos que explicarán as causas que os orixinan e onde é máis común que ocorran.

Ademais, Nin o imaxinas visitará o concello de Oza-Cesuras, onde ocorreu un dos tornados máis recentes e fortes ocorridos na nosa terra. Cúbrelles o seguro os danos causados? Teñen medo a día de hoxe de que volva a acontecer algo así? Os veciños afectados terán a palabra.