Crítica

Os efluvios do poder

O ton satírico xeral equilíbrase coa carga dramática que crea a personaxe de Juana

Unha escena da obra de La Calòrica en Cangas.

Unha escena da obra de La Calòrica en Cangas. / Diego Seixo

Ana Abad de Larriva

As miserias e a decadencia da monarquía centran Feísima enfermedad y muy triste muerte de la reina Isabel I, a peza que La Calòrica, que vén de cumprir 14 anos, trouxo á 41ª MITCFC. Trátase dunha nova versión estreada no ano 2020 da que fora a primeira montaxe da compañía, coincidindo co seu décimo aniversario, e que conta co elenco orixinal.

A obra trasládanos aos últimos días de vida de Isabel I, a Católica, dende unha abordaxe traxicómica, que recrea o ambiente podre e decadente dunha corte na que paira a incerteza arredor de quen sucederá a raíña no trono e defenderá o seu legado. Para iso, a montaxe achéganos o cheiro da hixiene precaria, da enfermidade, dos fluídos, pero tamén da ambición, do medo a perder o poder gañado, da traizón..., e non porque encha literalmente o escenario de efluvios, senón porque, nun interesante exercicio sinestésico, podemos percibilos a través da atmosfera visual e do desempeño actoral, que remiten a un ambiente sórdido e grotesco.

Desenvólvese todo nun espazo único, con algunha pequena transformación que o complementa, e que nos sitúa no apousento principal da raíña, cuxo elemento central é a súa cama. É moi interesante o xogo escénico que desenvolven nel e como o integran: alí a raíña é aseada pola súa criada, alí a monarca dita o testamento, alí é onde se deita con Fernando, alí recibe as visitas, alí comen todos, dende alí imaxinan (e imaxinamos) o exterior... Amósansenos, pois, as diferentes miserias do poder, tanto externas como internas, ao mergullarnos na súa realidade íntima.

A obra transcorre dun xeito áxil, fuxindo da densidade formal e histórica no texto, fornecendo os datos básicos de xeito claro e pequenas alusións de coñecemento popular que actúan como grazas. Destaca a naturalidade coa que desenvolve Aitor Galisteo-Rocher o papel da raíña, dentro da teatralidade do código interpretativo escollido, en contraste co personaxe do rei Fernando (Xavi Francés), ou mesmo co de Felipe o Fermoso (Marc Rius), máis caricaturizados.

O ton satírico xeral da peza e dos personaxes vén equilibrado polos momentos cheos de emotividade e carga dramática que consegue crear a personaxe de Juana (Júlia Truyol), visibilizando cuestións como os roles femininos na educación ou os malos tratos. O contrapunto social ante os membros da monarquía e o clero pono a criada da raíña (Esther López), pois non só aparece retratada e ridiculizada a decadencia da coroa nun momento en que os triunfos conseguidos parecen cambalear, senón tamén a escuridade dentro da igrexa católica, a través da figura do cardeal, que interpreta Carla Rovira Pitarch, incorporando algún sorprendente efecto. Porén, sobre todo, La Calòrica incide en algo moi mundano e humano, como é a fraxilidade ante o abrazo ineludible da morte, que non distingue entre condicións sociais, aínda que haxa quen se resista a el, como amosa o traxicómico final.

Suscríbete para seguir leyendo