O Hío celebra a súa Festa da Queimada con rutas, cantos de taberna e música

O evento organizado pola Asociación O Furatoxo será o sábado no adro da parroquia | A brebaxe comezará a facerse a partir das 22.30 horas

A elaboración da queimada na festa do ano pasado no Hío.

A elaboración da queimada na festa do ano pasado no Hío. / Cedida

A Asociación O Furatoxo asume un ano máis a organización da Festa da Queimada do Hío, que encherá de diversión, música e actividades o entorno do adro parroquial. A queimada será ás 22.30 horas, amenizada polo grupo París de Toya, pero durante toda a xornada haberá un feixe de actividades.

A xornada comezará pola mañá cun paseo guiado polo entorno do Hío, percorrendo o adro, o emblemático Cruceiro do mestre Cerveño, a casa reitoral, a fonte do Geu, o antigo concello do Hío e o pazo do Outeiro. Unha ruta que estará guiada pola arqueóloga e intérprete de Patrimonio Patricia Novas Menduiña.

Este roteiro está previsto que conclúa ao redor das 12.00 horas na Fonte da Vosa. A partir deste momento tomarán protagonismo os cantos de taberna coa Asociación Peis d’Hos, que percorrerá os bares do Igrexario para animar a veciñanza e rematarán a festa no torreiro.

A queimada nocturna estará acompañada dunha verbena na que estarán a Orquestta Neverloura e Tecor Societário. Pero sen dúbida un dos pratos fortes da verbena nocturna será a presenza do grupo Pacha-Jam. Trátase dun proxecto moi especial e que xa se estreou na edición do ano pasado. O obxectivo é animar á veciñanza a que tamén se suba ao escenario e así fórmase un grupo integrado por músicos profesionais e afecionados. Haberá antigos integrantes e membros de bandas como Mediarea, A Quinkillada, La Tuna Rastafari, Astarot, Silvaredonda ou Verde Menta. E o seu repertorio incluirá “grandes temás de pachanga do país e máis alá” e así soarán Heredeiros da Crus, Sés, Os Diplomáticos de Montealto, Amaral ou Ska-P, entre outros.

A queimada comezará a arder ás 22.30 horas, xusto despois do primeiro pase de Pacha-Jam e da actuación do grupo infantil de pandeireta de Peis d’Hos.

A Asociación O Furatoxo asumiu a organización desta festa en 2013 e a súa celebración é posible grazas a colaboración económica dos establecementos comerciais, así como da axuda do Concello de Cangas e da Deputación de Pontevedra.