MOSTRA DE TEATRO DE CANGAS | Crítica

Armando a Helen

Este traballo necesario pode ser un chanzo que impulse novas obras inclusivas

Un momento da representación de Chévere Teatro.

Un momento da representación de Chévere Teatro. / Alba Villar

Ana Abad de Larriva

Cunha reacción algo difusa e moitas preguntas é como saín da función de “Helen Keller, a muller marabilla?”, de Chévere, na MITCFC. Podo compartir a miña experiencia de recepción? Importa? É axeitada? Como creo que se busca xerar a reflexión, vou tentalo nestas liñas.

A obra proponse responder á pregunta de se Helen Keller foi a muller marabilla que nos pintaron. Non sei se en España hai un coñecemento xeral básico sobre ela. Eu, que fun unha nena afeccionada ás enciclopedias, sabía do seu exemplo de superación ante a xordocegueira, pero non dos datos falsos que andan a circular, magnificando ata o imposible os seus logros ou ata negando a súa existencia, nin do seu compromiso social, e pareceume moi interesante afondar grazas a este traballo en quen foi e nas luces e sombras que se lle proxectaron.

A peza preséntase baixo o formato do teatro documental. Na retina aínda me queda ese azul intenso do fondo da escena, e un brillo branco aséptico, levándome a un arquivo policial ou a unha sala de diseccións futurista. Hai no espazo mesas longas, caixas de arquivo e un manequín que as actrices visten, como se fosen armando, en todos os sensos, a Helen, de quen nos falan, ao tempo que poñen en cuestión aspectos relacionados cos claroscuros que se lle debuxaron.

A montaxe integra a linguaxe oral en galego e a de signos, e hai tamén unha gran cantidade de texto escrito proxectado, que non é dito, cun parlamento metadramatúrxico que vai recollendo as opcións de desenvolvemento da peza. A cor branca da letra e o pouco contraste co azul do fondo, influído tamén polos cambios de luz na escena, xeran estrés visual. Había servizo de audiodescrición, pero seica cumpría solicitalo previamente, e non sei se houbo alguén con xordocegueira entre o público e como se lle favoreceu a recepción.

O ritmo da obra é moi lento. O ton documental e a asepsia formal trasládanse á interpretación, ás accións. Os silencios son buscados, coido que para achegar a realidade dunha persoa con discapacidade auditiva, e o público enchíaos con sons de toses e do renxer das butacas. Hai un momento en que se emprega tamén o vernáculo visual, sen tradución, xerándose un curtocircuíto na comprensión de quen o descoñece, e non pode máis que intuír algunha cousa.

Creo que é un traballo necesario e valente que, ademais de afondar na figura de Helen Keller, busca poñer a linguaxe de signos no centro da escena e non nas marxes, como na maioría das propostas que a inclúen, e, ao tempo, que as persoas espectadoras sen discapacidade auditiva se acheguen á realidade das persoas que si que a teñen, de aí a incomodidade xeral que pode provocar. Nesta liña, a peza, que obtivo o Premio Xiria ao Labor Teatral desta 41ª MITCFC, pode ser un chanzo que impulse novas obras e montaxes, cun diálogo máis fluído entre as linguaxes, sobre todo tipo de temas, que contribúan a normalizar a inclusión.

Suscríbete para seguir leyendo