Xesús Ron | Director da obra “Helen Keller. A muller marabilla?” de Chévere

“Cumprimos o obxectivo de que persoas xordas, cegas e oíntes compartan os teatros”

La compañía Chévere representa a obra inclusiva sobre Helen Keller e recibe o Premio Xiria

Xesús Ron, 
director da
obra.  // FdV

Xesús Ron, director da obra. // FdV

O Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas acolle hoxe (22:00 horas) a representación de “Helen Keller. A muller marabilla?” de Chévere, outra das grandes obras da programación da Mostra pola que a compañía galega recibe, tamén, hoxe o Premio Xiria “ao excepcional traballo de inclusión”. O espectáculo é accesible a persoas con discapacidade auditiva, visual ou xordocegueira. Chévere da a coñecer a verdadeira historia de Helen Keller, de Tuscumbia (Alabama), a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard e cuestionada nas redes sociales como fake.

–Que supón para Chévere recibir o Premio Xiria?

–Este é un premio polo traballo desenvolvido para facer unha obra de teatro inclusiva e accesible como é “Helen Keller, a muller marabilla?”. Facer esta obra non só supuxo un gran esforzo creativo, senón tamén asumir un considerable risco ao facer unha obra que usa a lingua de signos en escena, cando practicamente todo o público que asiste aos teatros en Galicia é oínte. Nós fixémolo precisamente para chamar a atención da sociedade oínte, para facer unha reflexión compartida sobre o dereito de acceso á cultura das persoas xordas e cegas e asumir a responsabilidade que temos os axentes creativos e profesionais para facelo realidade. Neste contexto, o premio Xiria actúa como amplificador dun debate imprescindible nas artes escénicas galegas, demostra o compromiso da Mostra de Cangas coa accesibilidade e a inclusión e con respecto ao traballo de Chévere amosa unha xenerosidade e unha sensibilidade que agradecemos de corazón, porque dá azos para seguirmos facendo teatro, asumindo riscos tan necesarios.

Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez
de Vallejo y Ángela Ibáñez.  // Fdv

Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez de Vallejo y Ángela Ibáñez. // Fdv / F.G.Sas

–Coma unha das grandes compañías de teatro galegas, que pensa que aporta a Mostra de Cangas á industria teatral galega?

–Sobre todo é unha celebración do teatro como un feito que implica a toda a sociedade. Demostra que unha iniciativa xurdida da sociedade civil hai máis de corenta anos ten a capacidade de impregnar a vida de toda unha vila. Ademais é o legado vivo dunha xeración que participou na transformación democrática do noso país e que así debe ser valorado pola xente máis nova, que ten que saber recoller o testemuño e seguir traballando desde o local por un mundo tolerante, diverso e festivo. Para calquera grupo de teatro participar nunha celebración coma esta é un privilexio, sentir que o que facemos ten un sentido máis alá de encher os nosos egos, que o teatro ten esta capacidade de mobilización social. Para o sector teatral galego a Mostra de Cangas actúa como un bosque, coa mesma capacidade de absorber dióxido de carbono e producir osíxeno, favorecer a chuvia, controlar a temperatura, evitar a erosión, conectar o chan do escenario co ceo e as rúas coas nubes. Ao cabo axuda a construír e manter o ecosistema necesario para que exista o teatro galego. Porque a súa é unha historia que estaba por contar, como outras que chamaron a nosa atención nos últimos anos. Porque unha vez máis, a sombra do mito escurece zonas da realidade que desde o teatro podemos devolver á luz. Porque Helen Keller utilizou o altofalante que lle ofrecía o feito de ser unha celebridade internacional para denunciar as inxustizas e defender os dereitos das persoas máis vulnerables da sociedade, xa foran cegas, xordas, negras, mulleres, inmigrantes ou traballadoras. Porque foi unha disidente do soño americano que ela mesma representaba. Porque soubo ser comunista no país máis anticomunista do mundo. Porque hai que dar a coñecer a historia de persoas con discapacidade que sirvan de referente para toda a sociedade. Porque o pensamento e o activismo de Helen Keller ten o potencial de devolverlle os soños á xeración de Greta Thunberg.

–Internet está cheo de páxinas nas que dicen que se borra parte da historia dela. A que pensades que se debe?

–A capacidade das redes sociais para espallar todo tipo de mentiras, medias verdades e bulos está fóra de toda dúbida. E o feito de que unha xeración de xente nova use TikTok para poñer en dúbida os logros de Helen Keller e cuestionar ata a súa propia existencia, é un exemplo máis de intolerancia, desprezo e marxinación das persoas que son diferentes, neste caso só por ter unha discapacidade. A criminalización do diferente, do que non responde a unha suposta norma social, estase usando como coartada para quen ve ameazada a súa posición de privilexio. Poñer na diana a Helen Keller é unha demostración de que segue a representar valores que resultan incómodos..

–É difícil representar o papel dunha persoa sordomuda?

–Nesta obra renunciamos a representar personaxes. Non é unha fuxida cara adiante. É un xesto de compromiso e respecto pola persoa e por todo o que representa. Trátase dunha obra que escolle un formato documental, usando un repertorio limitado de documentos e obxectos cos que se vai construíndo a historia de Helen Keller. Por tanto renuncia á idea de dramatizar a súa vida ou encarnar o personaxe dunha muller xordocega. Neste caso non interesa poñerse no seu lugar, senón sinalar desde a distancia que nos separa o lugar que unha persoa xordocega como Helen Keller ocupou na sociedade do seu tempo, que é un reflexo directo do lugar marxinal que seguen ocupando na sociedade actual as persoas con discapacidade.

–É a primeria vez que integran a linguaxe de signos nunha obra; atrae público novo ó teatro?

–Usamos a lingua de signos como lingua vehicular do proxecto, todo o equipo aprendeu lingua de signos. Usámola no só para nos comunicar co público desde o escenario, senón tamén como unha ferramenta de creación artística. O mesmo que usamos a técnica da audiodescrición, normalmente limitada a cumprir unha función de accesibilidade para persoas con discapacidade visual, como recurso narrativo. É a primeira vez que aplicamos estas ferramentas nas obras de Chévere. Exploramos un territorio descoñecido para nós e descubrimos unha chea de novas posibilidades. E ademais cumprimos un dos obxectivos principais deste proxecto, que é facer dos teatros un espazo habitado e compartido por persoas xordas, cegas e oíntes. Este é un feito diferencial. Representa a pequena escala a esperanza dunha sociedade diversa de verdade. O público xordo e cego acolleu a obra cunha xenerosidade e entusiasmo que nos devolveu a ilusión que tiñamos cando comezamos a facer teatro. É posible que algunhas persoas oíntes non se sintan cómodas nunha obra que lles esixe un esforzo, porque aquí é o público oínte quen ten que ler subtítulos e empatizar con escenas longas construídas en silencio. Pero a posible perda dunha parte dese público oínte, queda compensada coa posibilidade que se lle abre a tantas outras persoas que normalmente non poden asistir a unha obra de teatro. Isto é, literalmente, crear novos públicos.