Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Imaxe da Custodia co Santísimo en anda 1932.Arquivo do autor

O Corpus de Cangas: alfombras, danzas e prata mexicana

Hai constancia de que antes do 1629, as mulleres do gremio de panadeiras e regatonas bailaban na procesión

A festividade do Corpus Christi adoita ser a de maior pompa e boato dentro dunha parroquia por ser o momento de exaltación do Corpo e da Sangue de Cristo que se fan presentes na Eucaristía. Seguindo estes parámetros, o normal era que os distintos grupos sociais das vilas lle amosasen o seu respecto. En Cangas, era habitual ata a centuria pasada ver como nesta procesión do Corpus procesionaban polas nosas rúas distintas imaxes relixiosas, co fin de lle render tributo ao Santísimo. Saían á rúa San Luis, San Antonio, Santa Lucía, a Inmaculada... e, de feito, coa chegada á nosa vila da Compañía de María, tamén se van unir a esta celebración, acompañando á procesión coa imaxe de Santa Xoana de Lestonnac e o pendón do colexio.

Saían tamén en procesión todas as bandeiras e pendóns das asociacións relixiosas da vila e, por suposto, os estandartes das confrarías que tamén lle querían render homenaxe ao Santísimo Sacramento, que por outra banda, supoñían a representación de todos os oficios, e polo tanto, da sociedade canguesa. A Confraría da Misericordia era a das xentes do mar, a de san Bartolomeu dos xastres, carpinteiros e zapateiros etc.

Temos a gran sorte de contar con imaxes dos anos 1930 que nos permiten achegarnos un pouco máis de preto a esta celebración e ver como se engalanaba a nosa vila. As rúas estaban cheas de tapices florais, os balcóns arranxados con colgaduras e bandeiras e incluso adornos florais que colgaban dos balcóns por enriba da rúa. Destas fotografías tamén podemos comprobar como a custodia co Santísimo ía sobre unha anda con templete, portado por 4 sacerdotes con sendas casullas. Era unha procesión triunfante.

Imaxe do retablo maior da igrexa co baldaquino e adornado con flores 1929

Nenbargantes, a importancia da festa do Corpus Christi na nosa vila ven de lonxe. Conservamos na actualidade varias danzas en Cangas, como a da Virxe de Darbo ou a de san Sebastián de Aldán, mais no Corpus de Cangas tamén había danzas. Temos referencias que dende antes do 1629 xa era unha tradición consolidada a celebración na procesión do Corpus unha danza bailada polas mulleres do Gremio de panadeiras e regatonas da vila de Cangas. Como dicía, toda a sociedade lle quería render homenaxe. A tradición foi avanzando, e para o ano 1733 sabemos que se celebra no seu lugar a Danza de Espadas, bailada polos homes do Gremio do Mar.

Era unha gran celebración da que participaba toda a sociedade canguesa, dende os rexedores e notarios, ata labregos e mariñeiros, unha festa para a vila, na que todos querían aportar na medida do que podían. Neste senso, temos tamén outra referencia, pois para darlle máis pompa á festividade, no ano 1730 don Xoán Ignacio da Vega e Soutomaior, señor do pazo de Entrambosríos (Coiro) e Prior do Consulado da cidade de México, na Nova España, doa á Confraría do Santísimo Sacramento un baldaquino con tres gradas de prata, decoradas con motivos florais e vexetais, sobre as que se dispón unha gran tarxeta de prata cun gran sol radiante e dourado, que fai ás veces de porta para poñer sobre as gradas a custodia co Santo Sacramento. Ademais, doa 12 candelabros de prata para poñer no baldaquino; así como tamén cáliz, patena, campá, vinaxeiras, naveta, incensario e un Cristo de prata sobre cruz de ébano. Este é sen dúbida o gran tesouro de prata mexicana que se garda na nosa igrexa, indicativo da devoción procesada e tamén da importancia desta festividade na vila. Actualmente pódese ver o baldaquino, tamén chamado expositor ou chamador, no triduo de Corpus ou pola festividade de Cristo Rei situado no medio do retablo maior de Cangas.

Procesión do Corpus con Santa Xoana, san Luis, San Antonio, Santa Lucía e estandartas e pendóns. 1932.

No que respecta ás alfombras florais e altares que na actualidade se dispoñen pola nosa vila, non temos referencias ao momento no que se comezan a realizar, posto que ao ser algo habitual nesta celebración non se deixa por escrito na documentación, mais si que podemos apuntar que a primeira referencia dunha alfombra floral en Galicia xorde en Ourense, no ano 1323. O mesmo sucedía coas danzas, das que soamente temos pequenas referencias debido ao xurdimento de conflitos que fixeron que quedara recollido por escrito esa tradición.

Procesión do Corpus coa Inmaculada e rúas adornadas 1932.

O percorrido desta procesión posiblemente se manteña case inalterado dende que se funda a parroquia. Isto podémolo deducir do feito de que coa procesión de Corpus o que se pretendía era sacar ao Santísimo polas rúas da vila e esta procesión recorre no noso caso case a totalidade da zona habitada da Cangas do século XVI, o Señal e o Costal. Neste sentido, iníciase a procesión na colexiata e recorre as rúas ata o Cruceiro do Señal (hoxe movido de sitio) e despois vai ata Síngulis, a parte alta da vila, para volver de novo á Colexiata.

Retablo da Igrexa de Cangas co baldaquino de prata.

Co tempo, en Cangas as imaxes deixaron de procesionar polas nosas rúas e no seu lugar saían os seus respectivos estandartes para renderlle homenaxe; tradición que perdurou na nosa vila ata o ano 2019 e que despois da COVID non se volveu recuperar, saíndo na actualidade soamente o Santísimo Sacramento. Non obstante, cómpre eloxiar o traballo das veciñas e veciños da nosa vila que ano tras ano traballan na realización desas alfombras e tapices florais para que sobre eles procesione o Corpus Christi, no que podemos describir como patrimonio inmaterial da nosa vila; que debemos de manter, coidar, e, por suposto, presumir.

(*)Historiador de Cangas

(Hoxe Cangas celebra o Corpus engalanando rúas do casco vello con tapices florais polos que dpasará a procesión que sae da excolexiata despois da misa das 19:30 horas.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.