Biblioteca das madeiras do mundo (IX)

A colección do “ecoespazo” de Agustín Bastón en Cangas medra ata 240 exemplares

Agustín Bastón, cunha das pezas doutros creadores que se incorpora á "Bilioteca".

Agustín Bastón, cunha das pezas doutros creadores que se incorpora á "Bilioteca". / G. Núñez

A “Biblioteca das madeiras do mundo”, iniciativa que o artista Agustín Bastón arrincou hai unha década convidando a cidadáns de distintos ámbitos a intervir sobre “libros” confeccionados con múltiples especies de árbores, incorpora 25 exemplares neste novena edición, para acadar os 240. A mostra abre hoxe ao público no “ecoespazo da madeira”, en Rodeira, e estará exposta ata o 9 de xuño, en horario de mañá e tarde agás os domingos, só en xornada matinal.

Outros 25 artistas, algúns a tempo completo pero a maioría creadores ocasionais, súmanse nesta novena edición á “Biblioteca das madeiras do mundo”, a proposta que Agustín Bastón está a converter nun clásico que medra polas datas das Letras Galegas. Cada unha das obras, nunha madeira diferente e cunha historia detrás, e nesta novena edición coa colaboración da Fundación Sales, de Vigo, que aporta ramas e troncos de exemplares que se podaron ou morreron para darlles unha segunda vida, probablemente máis lonxeva pola maxia da arte.

Obra realizada pola artista ucraína Olésya Mohosh.

Obra realizada pola artista ucraína Olésya Mohosh. / G. Núñez

Entre as incorporacións figuran unha colorista “Ialma menciñeira” que a artista Zeltia García extrae da árbore de Xúpiter, ou a homenaxe ao debuxante Hergé que fai a pintora Diana Cordero nunha ilustración con Tintín investigando algún misterio entre as grúas de Barreras plasmado sobre madeira de Senna Septentrionalis. Nuria Guardiola aproveita os restos dalgunha gamela castigada polo temporal e o paso dos anos para plasmar un poema, mentres Roberto Nogueiras, creador da Limia recoñecido polas máscaras de Entroido, aproveita una táboa de Populus Alba Bolleana para habitala cun paxaro que busca facer niño.

Peza de Agustín Bastón a partir de madeira de cibo de Arxentina devorada por xilófagos.

Peza de Agustín Bastón a partir de madeira de cibo de Arxentina devorada por xilófagos. / G. Núñez

Un canto á terra e á resistencia fronte á ocupación é o que fai a artista ucraína Olésya Mohosh, que sementa de xirasoles unha peza de Lycianthes Ratonneti e incorpora o texto dunha canción popular que se está a converter en símbolo de combate contra Rusia. Sobre o icónico olmo de Monçao, Albertina Santos elabora un canto de amor, con lúa que se abre en cuarto menguante, e tamén miran desde Portugal Manuel Antonio Pólem e Paula Dacosta Ribeiro, recoñecidos por autores do “Túnel da Cor”, de Vizela, coa participación de miles de nenos que lle deron cor aos azulexos.

“Tintín e o misterio das grúas de Barreras”.

“Tintín e o misterio das grúas de Barreras”. / G. Núñez

Daniel Arbones bota man de cereixo chinés para tallar un navalleiro en apnea; Ángel Currás utiliza gingkgo biloba para a súa obra e Araceli Bernárdez elabora unha “xaula dourada” conectada con fíos de cobre.

O promotor deste traballo colectivo, Agustín Bastón, mostra un tronco de cibo, orixinario da Arxentina, furado polo ataque de xilófagos; o grabador Leonardo Rial plasma a antiga Praza das Pontes sobre madeira de Sucupira; Marta Romay intervén sobre floripondio, a árbore da burundanga, para avisar da amnesia da sociedade dixital; Manuel Pena plasma un pentagrama musical sobre un tronco seco de roseira; Diego Seixo diserta sobre o “Volume XII”: “Doze coma un zume” vs “Doce coma un número par”...

Suscríbete para seguir leyendo