As orixes da capela de San Bartolomé | Unha historia de 430 anos

Na periferia da historia da ermida de Vilariño (I)

O templo, dedicado a advocación de San Bartolomé, foi mandado construír en 1593 e cumpre agora 430 anos

Fachada da ermida de San Bartolomé de Vilariño coa súa inscripción.

Fachada da ermida de San Bartolomé de Vilariño coa súa inscripción. / Anxo Coya

Anxo Coya*

A Begoña González e a Sabela Coya

Para materializar este relato, tivemos que navegar tempo atrás, cando menos catro séculos e medio. Falar e documentarse de persoas que viviron nos séculos XVI e XVII leva o seu tempo e tentaremos expoñer este artigo co máximo criterio no ano en curso xa que a capela de San Bartolomeu cumpre 430 anos.

Pola variada documentación consultada, vémonos na obriga de falar, dun xeito construtivo, do matrimonio formado polo capitán mercader Juan Lavado e a súa muller Aldonça Franco. Podemos intuír que Juan e Aldonça naceron na vila de Cangas a mediados do s.XVI, é dicir sobre o 1550. O primeiro documento que atopamos sobre Juan Lavado descansa no Arquivo Catedralicio de Santiago. Data do 28 de xullo de 1574 e trata sobre o arrendo trianual dos froitos e rendas do beneficio de Santo André do Hío aos mercaderes Juan Lavado e Alonso Franco por valor de 251 ducados cada ano. Era crego e reitor do Hío por aquel entón Juan Calviño. O texto di: /... Arriendo de Vasco Sánchez, clérigo rector del beneficio de San Xoan de Baión, como procurador de Juan Calviño, clérigo, residente en la Universidad de Salamanca, rector del beneficio de Santo André de O Hío, a favor de Juan Labado y Alonso Franco, mercaderes, vecinos de la villa de Cangas, de los frutos y rentas del citado beneficio de O Hío, por tres años, por precio cada año de 251 ducados .../ (A.C.S. P-060).

Documento de venda a Juan Lavado, do 14 de outubro de 1587.

Documento de venda a Juan Lavado, do 14 de outubro de 1587. / Atopo.gal

O seguinte documento do noso protagonista en relación coa parroquia do Hío trata da venta a Juan Lavado duns terreos en Nerga por parte dun crego de Cangas chamado Vasco do Seixo. O documento está datado no 14 de outubro de 1587 coa sinatura (DEPOMUSDOC4901-Fondo Sotomayor. UI/Exp. 216/12) e dinos o seguinte: / ...Sepan Quantos Esta carta de benta cesión E traspasaçion vieren como yo Vasco do seixo clerigo Vº (vecino) de la villa de cangas que soi presente... bendo E doy En benta por juro E señorío ... para sienpre jamás a vos Juan labado mErcadEr Vº de la dha villa de Cangas que estays presente E aldonça franca buestra muger que está ausente para vos y ella E buestros hijos y herederos E subçesores ...seys celemines E medio de pan, los cinco medeado centº (centeno) E myjo y el otro celemyn E medio de trigo restante todo Ello ques situado En un lugar que fue myo que se dize de nerga que está sito en la fra (feligresía) de Santrandel (San Andrés) del Yyo (Hío) que al presente traye Rº (Rodrigo) de lemos vº de la dha felegresia do Yyo los quales dhos seys celemynes E medio de pan ... vos ha de dar de pagar de rrenta El dho Rº de lemos con otros quinze celemynes de pan medeado ... E una marrana sebada que antes de agora vos tengo bendido y hes situado En el dho lugar de nerga según que dello vos hize escritura de benta delante Ares Correa scrivano.../ A información é concisa e especifica que antes de esta venta de 6 celemíns e medio xa houbo outra anterior dunha renda de 15 celemíns e unha porca cebada. A renda aforada debía ser entregada por Rodrigo de Lemos no día de San Martiño de novembro.

Sinatura no documento fundacional da capela en 1593.

Sinatura no documento fundacional da capela en 1593. / Arquivo Parroquial do Hío

O 27 de maio de 1588 ante o escribán Ares Correa, o noso protagonista e a súa muller adquiren mediante outro documento de venta uns terreos en Xián, Nerga: / ...Sepan quantos Esta carta de benta cesion E traspasacion vieren como yo Juan do Seixo hijo de brme. (Bartolomé) do seixo defunto, vezino de la Villa de cangas que soi presente otorgo E conosco por esta presente Carta que por mi y en nonbre de my muger E de todos mis hijos.... bendo E doi En benta por juro E señorio de hErEdad desde hoi dia de la fecha de esta carta para sienpre jamas a Vos Juan labado mErcader Vº (vecino) de la dha villa de cangas que estays presente E aldonça franca buestra muger questa ausente para vos y ella E buestros hijos herederos E subçesores...bendo ...ocho celemines de pan de rrenta, medeado centº E myjo los quales.... no lugar que se dize de Jian que esta sito en la felegresia de Santrandel de Yyo En que al presente vibe E mora pº (Pedro) doutº (do Outeiro) hijo que fincó de Cadabón de barra E franº (Francisco) bicioso (Vizoso) hijo de afonso bicioso los quales ocho celemines de pan de rrenta vos bendo con la parte de las heredades E propiedades , casas, cortes, montes, E rresios Entradas salidas de dha benta... / . Tiñan terreos en Coiro e en Cangas polo menos dúas casas, unha delas con ameas e fumeiro, indicio señorial da época.

Aforo a Juan Lavado, do 28 de xullo de 1574.

Aforo a Juan Lavado, do 28 de xullo de 1574. / A.C.S.

Xenealoxía, fundación, dotación, vínculo e padroádego da ermida

Seguir a pegada desta xente é complicado, pois hai que buscar documentación que ás veces resulta ilexible ou cunha caligrafía complicada e tamén porque naquela época os descendentes trocaban e alternaban os apelidos, pois en ocasións prevalece o apelido da nai ao do pai ou incluso se colle o apelidos dalgún avó ou avoa o que dificulta a identificación das persoas no eido da xenealoxía. Mais coa axuda de investigadores como David Piñeiro e Jaime Barreiro, intentamos achegarnos a esta familia canguesa.

Damos fe de que Juan Lavado “El Viejo”, así aparece en ocasións, e Aldonça tiveron varios fillos, e o maior en idade naceu sobre o 1580 e chamouse Juan Lavado Franco (coñecido nos documentos como Juan Lavado “El Moço”), polo que deberon casar antes desa data, algún ano antes pero non moitos. Outros fillos foron Constanza, casada con Pedro de Millán, Aldonza, defunta en 1647 e Magdalena Franco que casou con Juan de Romai Abreu. A descendencia multiplícase xa que seguindo a pegada de Juan Lavado “El Mozo” sabemos que casou con Beatriz Vidal de Bahamonde (tamén aparece cos apelidos de Vidal da Veiga). Procrearon ata oito fillos. A saber: Gabriel Franco de Vega que tomou matrimonio con Gregoria de Avalle, Ana Fandiña (esposa de Francisco de Nogueira), María de Veiga (casada co escribán Estevan de Villafane), Bernavé Franco de Vega, Pedro, Esteban, Constança e Beatriz Franca que foi esposa do rexedor Benito Soliño de Avalle.

En 1593, estando Francisco Suárez de Grado como xuíz da vila de Cangas e sendo crego e reitor da parroquia do Hío Gregorio Suárez Parcero, Juan e Aldonça fundan e edifican unha pequena capela na aldea de Vilariño da advocación ao San Bartolomeu. O seu desexo verase consolidado co consentimento do Arcebispado de Santiago. Tivemos acceso co documento que trata da fundación desta ermida e destacamos no seu contexto o seguinte: "/ ... En la ciudad de Santiago A diez E nueve días del mes de Jullio de mill E quinientos e novente e tres anos ... Paresció Presente Juan Labado mercader vezino de la villa de Cangas y dixo que su voluntad Hera de Elexir y Llevantar una hermita de la avocacion de señor San Bertolame en la felegresía de santo andres del iyo ( Hío) Junto a la aldea de vilariño cerca del Puerto del mar y que para la llevantar y Elexir Por una Petizion avía pedido a su señoría el señor don Juan de Sanclemente... que le diese Licencia Para Poder llevantarla dha hermita y Redificarla y que En ella se Pudiese dezir misa y Para que la dha hermita que tubiese sienpre en Pie y bien Reparada dixo la dotava y doto en una carga de Pan mediado mijo y centeno La qual dha carga de Pan Ponía E situaba Para sienPre jamas sobre El su lugar que se dize de nerga sitos en La dha felegresia de santo andres del huyo (Hío) y En que vibe Rodrigo de Lemos.../"

Querela de Juan Lavado, de 1593, contra o xuíz de Cangas e escribáns, aos que define “enemigos míos, odiosos y sospechosos”.

Querela de Juan Lavado, de 1593, contra o xuíz de Cangas e escribáns, aos que define “enemigos míos, odiosos y sospechosos”. / Familysearch

Como podemos concluír esta fundación inclúe varias cláusulas que os sucesores terán obriga de cumprilas co paso do tempo. Juan e Aldonça dotan unha carga de 12 ferrados de pan situados na aldea de Nerga para os reparos necesarios e ornamentación da ermida. Tamén ordenan que se celebre unha misa cada mes e ata tres o día de San Bartolomeu, e que nese día se lle dea de comer aos cregos que as dixeren. Na fachada do santuario e xusto enriba do arco de medio punto e entrada da ermida, reza unha inscrición que fai referencia a esta fundación. Pódese ler a día de hoxe: “ESTA HERMITA MANDARON HACER JUAN LABADO Y SU MUJER ALDONÇA FRANCA VECINOS DE CANGAS, AÑO DE 1593”.

Atopamos varios protocolos notariais de Domingo Pérez en 1593, nos que Juan Lavado aparece como “arrendador de las Rentas, de las alcabalas y sisas del Rey Nuestro Señor”. Nun deles o capitán, no nome do seu xenro Juan de Dios, pon unha querela ao xuíz de Cangas Francisco Suárez de Grado e aos escribáns Juan da Veiga, Esteban de Cangas ou Álbaro Pérez e trátaos como enemigos míos, odiosos y sospechosos (sic). Noutro documento o mareante Afonso Vidal, querélase contra Juan Lavado e Esteban Franco porque estes denegáronlle a licenza en numerosas ocasións para poder cargar o seu barco de sardiña para ir vendela ao Reino de Portugal.

*Veciño do Hío

Anxo Coya

Anxo Coya / Santos Álvarez

Suscríbete para seguir leyendo